Un cabezudo posando no atrio, ao remate da procesión
O pasado domingo foi un día de festa para a Igrexa de San Xulián. O sacerdote Víctor Suárez Gondar (Illa de Arousa, 1982), recentemente ordeado, elixiu a celebración do Corazón de Xesús para oficiar a súa primeira misa, ante a xente que o veu medrar e tocar a campaíña dende que era un rapaz. Na súa homilía, o cura arousán amosouse orgulloso de ser da Arousa, dixo sentirse "libre" e agredeceulles aos veciños que comprenderan o camiño que escolleu. A cerimonia concluíu cun sonoro aplauso por parte dos fregueses, que logo saíron en procesión coa imaxe relixiosa a ombros e os rebuldeiros cabezudos rondando. E ao remate, ata houbo pinchos no atrio, ofrecidos polo novo sacerdote, que marcha a Roma a continuar a súa formación relixiosa.