Buscar neste blog

18 de maio de 2007

O libro máis agardado

Á fin podemos ver editado o libro sobre a historia da Illa que prepararon o historiador Vila Fariña, gran coñecedor dos aconteceres do pasado da comarca do Salnés, e Xoan Dopico. Esta completa obra de investigación, que partiu dos traballos xa realizados polo finado Manolo Lojo, levaba anos agardando a súa publicación, e constitúe o único compendio sobre a historia da vila arousá existente na actualidade. O Concello vai distribuír un libro por cada casa. Benvido sexa.

Stoichkov dálles unha alegría aos Carcamáns Celestes

Stoichkov á súa chegada á Arousa

Lequi acompañado dun seareiro e co libro sobre a historia da Illa na man



¡Quen ía pensar, nos mellores tempos de Stoichkov como xogador do F.C. Barcelona, que algún día pisaría a Arousa! Pois fíxoo o pasado 16 de maio, como adestrador do Celta, convidado á cea anual que organiza o grupo de seareiros celtistas Carcamáns Celestes. O búlgaro chegou á Illa acompañado dos xogadores Cannobio e Lequi, ante a expectación de nenos e non tan nenos.
A Illa conta cunha gran afección ao club de fútbol vigués. O grupo Carcamáns Celestes conta con 426 socios (case o 10% da poboación da Illa) que comparten 130 carnés de abonados que lles permiten acudir en quendas a Balaídos cada quince días.

4 de abr. de 2007

De profesión, "sus labores"

Baixo a declaración profesional de “sus labores”, socialmente ben vista, moitas mulleres da Arousa ocultaban nos padróns municipais o seu traballo nas conserveiras. Con este novidoso enfoque, Daniel Vázquez Saavedra analiza o impacto que tivo a industria conserveira na organización do traballo na Illa de Arousa, incluíndo as “amas de casa” dentro da poboación activa. A investigación, titulada O impacto da industrialización na Illa de Arousa, 1889-1935, contén moitos datos de interese para todos os interesados no estudio da historia da Illa, desde censos de poboación e de fábricas, ata rexistros sobre as loitas agraristas e sindicalistas.

Antiga fábrica de conservas na Arousa

2 de abr. de 2007

Agora que veñen as eleccións...

A antiga fábrica de Goday albergará o Museo da Conserva

A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, anunciou na súa recente visita á Illa de Arousa que o concello recibirá un “tratamento singular” en materia de urbanismo, ó ter o 100% do seu termo municipal afectado pola franxa de protección dos 500 metros. A falta de dous meses escasos para as eleccións municipais, a conselleira deu luz verde ás obras de construción do Centro da Terceira Idade e do auditorio, á recuperación do antigo peirao de pau, á creación do Museo da Conserva, á construción do novo vial de acceso ó Chufre e á mellora das instalacións portuarias, obras todas elas anunciadas dende hai tempo.