Buscar neste blog

20 de feb. de 2008

Un escudo sen consenso

O novo escudo oficial do Concello da Illa

CarcamánX inicia a súa andadura con varios temas de interese no escaparate, entre eles, o novo escudo oficial da Illa, aprobado en pleno o pasado mes de xaneiro, co voto en contra do PP e a abstención do BNG. É unha pena que na elección dun símbolo heráldico que representa a toda a comunidade insular, o equipo de goberno, de maioría socialista, non buscase o consenso de todas as forzas políticas. As principais críticas que recibiu o escudo por parte da oposición referíronse ás cunchas de vieira, que non son representativas da Arousa.
O novo escudo, conforme ás reglas da heráldica, substitúe a estoutro de inspiración libre, que se creou de xeito provisional despois de que a Illa se segregase do concello de Vilanova.

O aluguer, para os turistas

Os pisos das Laxes en construción, no inverno de 2006

Nunha illa inzada de pisos baldeiros de nova construción, parece mentira, pero resulta unha tarefa difícil atopar unha vivenda en aluguer. Os propietarios prefiren reservar os pisos para os meses do verán, nos que chegan a cobrarlles 1.500 euros mensuais aos inquilinos, antes que facer un contrato de aluguer de longa duración a alguén que desexe vivir na illa todo o ano.
Por outra banda, a renda mensual do aluguer xa acadou a barreira dos 400 euros, un prezo moi superior aos que se fixaban hai só uns poucos anos, e por riba, as inmobiliarias obrigan a pactar o abandono do piso no mes de xuño. O incremento da oferta de pisos nin baixou os prezos nin incrementou as posibilidades de emancipación da xuventude local. O negocio do aluguer está no turismo de sol e praia.

Xentes do mar


Esta fermosa escultura en homenaxe ás xentes do mar, obra do artista cambadés Lucas Míguez, é a última incorporación ao patrimonio público da Arousa. Está situada a carón da fachada occidental do Concello.