Buscar neste blog

18 de maio de 2009

Unha guía de paxaros de Carreirón

Portada da guía

A asociación medioambiental Carreirón, un colectivo de nova creación resultado da xuntanza de Gaia, Illa Natura e a Xunta de Montes, presentará nos vindeiros días a primeira guía de aves e mamíferos do parque natural de Carreirón. A obra foi realizada en colaboración cos departamentos de medioambiente do Concello da Illa e da Xunta, e está asinada por Miguel Ángel Conde Teira, biólogo especialista en ornitoloxía, e Samuel Paz Parracho, un bo coñecedor dos paxaros da Arousa, fundador de Illa Natura e autor das fotografías. A guía contén os datos dun cento de aves e oito especies de mamíferos que se poden avistar na Arousa, acompañados de imaxes de alta calidade. A presentación está prevista para o 23 de maio no auditorio.

Adeus Chopo!

O Chopo, o pasado Nadal

Máis dunha década de vida solitaria sen dono coñecido, artrose, carrachos incrustados... O Chopo xa non deambulará máis polo Chufre, foi sacrificado por recomendación veterinaria. Adeus Chopiño, houbo quen che quixo!

17 de maio de 2009

Día das Letras (II)

O contacontos Anxo Moure paseou os nenos na súa estrafalaria bicicleta dos libros

Pepe Carreiro debuxoulle a cada rapaz a súa personaxe favorita d'Os Bolechas

O grupo de danza de Dorna ofreceu un espectáculo no auditorio

Aquí teñen unha mostra dos actos de celebración do Día das Letras Galegas na Arousa. A xornada caracterizouse polo mal tempo e a escasa participación cidadá. Menos mal que estaba o debuxante Pepe Carreiro, o d'Os Bolechas, e atraeu ás familias con nenos.