Buscar neste blog

25 de feb. de 2009

Orellas

Orellas caseiras


Fariña, ovos, azucre, manteiga de vaca, unhas pingas de anís e raspadura de tona de limón. Estes son os ingredientes das orellas, un dos doces tradicionais do Entroido máis gorentosos, sen desmerecer ás rosquillas.

22 de feb. de 2009

Cea de comadres



O Tamanaco acolleu o pasado venres, por terceiro ano consecutivo, a cea de Comadres, un ritual do Entroido só apto para mulleres, no que participaron 150 arousás. A festa rematou con barra libre e baile.

Carnaval electoral

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, nunha batea da illa, o 18 de febreiro


Catorce candidaturas concorren ás eleccións autonómicas do 1 de marzo pola provincia de Pontevedra. En plena celebración do Entroido, os partidos manteñen unha intensa axenda de mitins e actos propagandísticos para convencer aos electores. Pola illa, de momento xa pasaron representantes de Esquerda Unida, do BNG (o propio Anxo Quintana deu un paseo en barco e deixouse fotografar nunha batea) e do PSdeG, este último representado pola Ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa. Ademais, o pasado sábado 21 celebrouse un nova concentración de protesta diante dos pisos do Furado, coñecidos como “vila PSOE”, convocada pola asociación Cafines.

3 de feb. de 2009

O auditorio aspira ao premio de arquitectura Mies Van der Rohe

O auditorio proxectado por Manuel Gallego, xunto coa Casa do Concello e o Museo da Conserva


O auditorio multiusos da Illa de Arousa, do arquitecto Manuel Gallego, foi nominado aos prestixiosos premios de arquitectura Mies Van der Rohe 2009, convocados pola fundación do mesmo nome e a Unión Europea. O concurso, dotado cun galardón de 60.000 euros, fallarase no mes de maio e nel compiten 340 obras europeas, incluidas 37 de España. O auditorio arousán e o Centro das Artes da Coruña son as únicas construcións galegas que participan na competición.

A pasarela peonal: argumentos en contra

Camiño de terra no parque de Carreirón

Un dos proxectos urbanísticos que se propón levar adiante o concello no vindeiro ano é a construción dunha senda peonal arredor de toda a illa, exceptuando o perímetro do parque natural de Carreirón. A primeira fase da obra xa foi adxudicada por Costas e discorrerá entre a praia do Bao, onde xa hai creado un primeiro treito de pasarela de madeira, e a praia de Salinas.
Nun principio, a idea de poder darlle volta á illa nun cómodo paseo pola beira do mar resulta atractiva tanto para os cidadáns locais como para turistas. Pero unha reflexión máis fonda pódenos levar a cuestionar esta iniciativa. ¿É necesario intervir en toda a liña de costa? ¿Ten que haber un paseo marítimo por Gradín, a praia do Peixe e Espiñeiro? ¿Tamén as Ruvas e a punta do Campelo teñen que quedar ao descuberto para os visitantes?
A instalación dunha pasarela litoral converte en accesibles para as masas todos os recunchos naturais, os poucos que quedan, aínda virxes e resgardados do turismo. O recurso aos "paseos marítimos" pode ser axeitado para certas zonas da illa, pero non semella sostible estendelo a todas as praias. Ás veces, é moito máis seductor, incluso para os turistas, manter o misterio dun carreiro de terra entre silvas e toxos, aínda que piquen.