[Helena Domínguez] A revista Dorna conmemora no próximo número, en decembro, o seu 30 aniversario. O boletín foi fundado aló polo 1978 por un grupo de mozos progresistas, que quería impulsar a creación dunha asociación cultural na illa.
O equipo de redacción lanzou 14 números entre 1978 e 1982. Aquelas primeiras páxinas reflicten as preocupacións dos arousáns no tempo da transición e sorprende comprobar a vixencia na actualidade de moitos dos pensamentos da época (a preocupación medioambiental, o desequilibrio entre homes e mulleres no reparto das tarefas do fogar, a excesiva importancia das aparencias, a necesidade de dignificar a nosa variante dialectal do galego, os problemas de comercialización do mexillón...).
A asociación Dorna fíxose realidade e aínda hoxe goza do apoio popular, mais a publicación da revista interrompeuse, polo menos, na illa. A iniciativa editorial tivo continuidade de xeito independente e con outros obxectivos na Universidade de Santiago, coa edición da revista Dorna de expresión poética. Habería que agardar ata o ano 2005, para que o colectivo cultural Dorna da Illa de Arousa decidise retomar a publicación. O novo equipo editor leva lanzados nesta nova etapa nove números. No blog de Sito Vázquez, un dos fundadores da publicación, explícanse máis detalles sobre o nacemento da asociación cultural.