Buscar neste blog

10 de ago. de 2006

Carreirón, custodiado

Logo da semana tráxica que estamos vivindo xa ninguén dubida da intencionalidade dos lumes que se están producindo na Arousa. Segundo testemuños da zona, o incendio de Gradín foi precedido dunha explosión. Tal e como están as cousas, a entrada ao parque natural de Carreirón está sendo vixiada por un militar e restrinxíronse os accesos para evitar riscos. Ademais, un grupo de veciños organizou patrullas para custodiar, en diferentes turnos e horarios, o monte.

Terrorismo forestal na Arousa!

Borralla en suspensión

A Arousa está vivindo neste día unha auténtica xornada de terror. Pola mañá cedo, detectouse un foco de lume na zona da Lavanqueira, próxima ao parque natural de Carreirón, que foi extinguido rapidamente coa colaboración dos veciños e os servizos contra incendios.
Á unha da tarde, iniciouse outro incendio de magnitudes considerables na zona de Gradín, que se extendeu por detrás do muíño do vento ata Espiñeiro, aproximándose perigosamente ás casas. Colaboraron varios helicópteros e camións de bombeiros, ademais de miles de arousáns de todas as idades. A este paso, a Illa está quedando sen masa forestal...

8 de ago. de 2006

Estragado un dos curruchos máis bonitos...




O lume chegou ao Con da Grañeira

Os veciños mobilizáronse contra o lume

Os baldes, o día despois

As campás da igrexa tocaron, un coche recorreu as rúas avisando que facían falta baldes e legoñas e os teléfonos móbiles non paraban de soar. A medida que se corría a voz, os veciños foron organizándose para facer fronte ó incendio como puideron. Os primeiros en chegar á zona da Area da Secada e do campo da Bouza tiveron que enfrentarse ó lume con ramas de eucaliptos. Logo o foco trasladouse a Testos, onde se organizou unha gran cadea humana para pasar baldes de auga. Outros cortaron as árbores próximas as casas, ou cavaban a terra para facer corta-fogos, ou desviaban o tráfico... ata os turistas se uniron á rede cidadá contra o lume.