Libro do rexistro de Vilanova, de 1878
Se alguén ten a certeza de que seus avós e bisavós, da liña materna ou paterna, xa naceran na Arousa, facer unha árbore xenealóxica que recolla os antepasados ata o século XIX é relativamente fácil.
O máis importante é acertar cos apelidos completos e as datas correctas de nacemento de cada un dos descendentes. Pódese comezar cos datos dun avó, e de aí, solicitar unha copia da acta de nacemento no rexistro Civil de Vilanova (detrás do Concello). Este documento é unha valiosa fonte de documentación para reconstruír a historia familiar, xa que nel figuran nomes, anos e profesión dos pais e avós do inscrito, así como outros datos “secundarios” relativos ás circunstancias persoais. A consulta é de acceso libre e gratuíto, pero para obter resultados hai que levar sabido de antemán o ano exacto do nacemento, porque os libros vellos están organizados en tomos por anos, e sen dixitalizar.
O máis lonxe que se pode chegar no rexistro do Concello de Vilanova é ata 1870, ano no que se creou o rexistro civil español. Ademais, os documentos desta primeira etapa poden resultar difíciles de descifrar pola caligrafía dos rexistradores da época.
Para ampliar datos e guiar a investigación é de gran utilidade dispoñer de escrituras de propiedade antigas e consultar cos máis vellos da familia, que a miúdo gardan na memoria episodios familiares que só foron transmitidos oralmente.
Os que desexen continuar escarabellando na liña de ancestros, deberán dirixirse ao
arquivo histórico diocesano de Santiago de Compostela e consultar o fondo parroquial da Illa de Arousa, que contén o rexistro de bautizados entre 1635 e 1885. Non é raro que no curso da investigación, vaian aparecendo ramas familiares procedentes do contorno xeográfico próximo e algún que outro pai descoñecido.