Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta internet. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta internet. Amosar todas as publicacións

28 de feb. de 2008

Arousa a debate


Os blogueiros mecos presentan o Grove como "a vila dos blogs", pero os carcamáns ímoslle á zaga. Aquí temos outro blog destinado a reflexionar sobre a Illa, Arousa a debate, da autoría de Sito Vázquez, ex alcalde de Vilanova -e da Illa, cando estaba integrada neste concello- e profesor xubilado. Na súa presentación, describe as súas prioridades de contidos: "as relacións sociais, a Natureza, o urbanismo, as artes plásticas, e todo tipo de divertimentos que tamén me fagan pensar". Benvida sexa unha nova opinión na rede!

20 de feb. de 2008

Cada vez somos máis

Os asiduos a este universo xa repararían en que alguén deixou nos comentarios a ligazón a un novo blog, Carcaman X, de temática arousá e cunha apariencia moi similar a este. Desde aquí dámoslle a benvida ao subxénero da comunicación carcamana, e agardamos que nos poña ao día de moitos asuntos. Para comezar coa retroalimentación, xa lle roubei a imaxe do escudo do concello, publicada máis abaixo ;-)

13 de feb. de 2008

O Jujel

Xa anda circulando polos enderezos electrónicos a nova da aparición do "Jujel", a versión do coñecidísimo buscador, que utiliza a gheada como bandeira e axusta os resultados das búsquedas ás páxinas galegas. Na súa presentación defínese como un experimento que non quere ofender nin burlar, senón facer un servizo e chamar á atención dunha forma simpática sobre o fenómeno da gheada. Este trazo dialectal é dominante na illa, igual que o seseo, o cheismo e outras peculiaridades lingüísticas da fala das Rías Baixas, ás que se lles suman as propias insulares, sobre todo, no léxico. O uso do "j", aínda non sendo autorizado pola normativa, está presente nas comunicacións diarias informais da xente nova, nos SMS, nos correos electrónicos, nas letriñas de Carnaval... Os lingüistas van botar as mans á cabeza ;-)

11 de feb. de 2008

O blog dos gardacostas

Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia tamén teñen un punto de encontro na rede, no que falan dos asuntos que lles preocupan e das novidades no gremio. É interesante ver o que pensan, agora que a Consellería de Pesca anunciou un incremento da vixilancia pesqueira e marisqueira na ría para combater o furtivismo e outro tipo de infraccións. O corpo de gardacostas estase a reforzar con máis medios (vehículos todoterreo e unha nova lancha) e pronto se convocarán prazas para cubrir persoal. Atención aos que largan as nasas fóra do horario permitido.

21 de nov. de 2007

Novo deseño da web institucional

Semella que as críticas á web do Concello deron resultado. Xa está en liña o novo deseño da web oficial. No seu saúdo, o alcalde convida a enviar propostas e suxerencias, así que xa saben...

27 de set. de 2007

A fotoxenia da Arousa


Desde Francia, alguén colgou este vídeo sobre a Arousa, que mostra tres minutos de sucesión de imaxes -algunhas antigas, como as da construción da ponte- con música relaxante de fondo (rechouchío de paxariños e son de auga incluídos).

19 de set. de 2007

A estraña web do Concello

Pode ser que estea pendente de remodelación, ou que non sexa este o deseño definitivo, pero aínda así, chama á atención que o Concello da Illa lanzase á rede unha web oficial chea de imaxes que non corresponden á Arousa, e máis aínda, tendo en conta as facilidades que ofrece hoxe en día a fotografía dixital. A imaxe da cabeceira da web mostra un peirao que non é ningún dos da Arousa, a sección de liñas de autobuses aparece ilustrada cunha estrada descoñecida... pero ningunha destas imaxes sorprende tanto como a da policía local, representada graficamente cunha gorra da “police” británica de Merseyside.

1 de set. de 2007

As aceñas, no Youtube

No YouTube hai cada vez máis vídeos relacionadas coa illa, desde filmacións de despedidas de solteiro e de festas varias, ata travesías a nado ou windsurfeiros. Este vídeo que recollemos aquí mostra imaxes das aceñas, un fermoso muíño de mareas, testemuño da importancia que as actividades agrícolas tiveron noutra época. Ademais deste, na illa hai aínda outro muíño de vento. Ambos os dous son de difícil acceso, por ser de propiedade privada .

30 de xan. de 2007

A Radio da Arousa nas ondas da rede

Música libre e de inspiración carcamana. Esta é a suxerente proposta que nos ofrece o radioblog Radio de Arousa, que para comezar xa nos regala catro temas orixinais, de composición propia do autor da web. Reproducimos aquí un fragmento da canción titulada “Rapaza”, pero o mellor é que a escoiten!

“Rapaza se vas mariscar
coidado coas pedras
podes tropezar
ponlle moita atención
que podes caer no medio dos cons”