Buscar neste blog

14 de feb. de 2008

Entroido intercomarcal



Os Güeros do Grove, cantando na taberna de Fina Viñas

Toca facer balance dun Entroido no que se cumpriron todos os rituais propios destas festas. A cea do Xoves de Comadres, tradición recentemente recuperada, e pasada por conveniencia ao venres, reuniu na súa segunda edición a unhas dúascentas mulleres no Tamanaco; por pouco non deixan marchar á orquestra e xa pensan en repetir. Este ano saíron cinco comparsas da Arousa, A Comparsita, Os Carenas, Harmonía, M.D.A e as As Rumorosas. Harmonía, a máis vella delas, celebrou o seu 20 aniversario cunha homenaxe no seu repertorio a Pepe Barral, finado hai pouco, e autor de moitas das letras míticas do Entroido carcamán. Tamén houbo representación “continental” do Grove e de Vilaxoán, como mostra o vídeo da comparsa meca Güeros. Ademais, como vén sendo habitual, o luns de Entroido, o día grande local, convocou a centos de persoas das vilas veciñas, que mesmo organizaron expedicións á illa en autobús. Non faltaron a queima do liborio, caracterizado nesta ocasión como un cazador de telenovela, e o desfile de carrozas, que non destacou pola espectacularidade das construcións, pero si pola participación dos veciños, que apoiaron a marcha disfrazados. E tamén houbo guateque infantil no Capitol, e rosquillas e orellas nas casas dos máis galopíns.

13 de feb. de 2008

O Jujel

Xa anda circulando polos enderezos electrónicos a nova da aparición do "Jujel", a versión do coñecidísimo buscador, que utiliza a gheada como bandeira e axusta os resultados das búsquedas ás páxinas galegas. Na súa presentación defínese como un experimento que non quere ofender nin burlar, senón facer un servizo e chamar á atención dunha forma simpática sobre o fenómeno da gheada. Este trazo dialectal é dominante na illa, igual que o seseo, o cheismo e outras peculiaridades lingüísticas da fala das Rías Baixas, ás que se lles suman as propias insulares, sobre todo, no léxico. O uso do "j", aínda non sendo autorizado pola normativa, está presente nas comunicacións diarias informais da xente nova, nos SMS, nos correos electrónicos, nas letriñas de Carnaval... Os lingüistas van botar as mans á cabeza ;-)

11 de feb. de 2008

O blog dos gardacostas

Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia tamén teñen un punto de encontro na rede, no que falan dos asuntos que lles preocupan e das novidades no gremio. É interesante ver o que pensan, agora que a Consellería de Pesca anunciou un incremento da vixilancia pesqueira e marisqueira na ría para combater o furtivismo e outro tipo de infraccións. O corpo de gardacostas estase a reforzar con máis medios (vehículos todoterreo e unha nova lancha) e pronto se convocarán prazas para cubrir persoal. Atención aos que largan as nasas fóra do horario permitido.