Buscar neste blog

19 de set. de 2007

A estraña web do Concello

Pode ser que estea pendente de remodelación, ou que non sexa este o deseño definitivo, pero aínda así, chama á atención que o Concello da Illa lanzase á rede unha web oficial chea de imaxes que non corresponden á Arousa, e máis aínda, tendo en conta as facilidades que ofrece hoxe en día a fotografía dixital. A imaxe da cabeceira da web mostra un peirao que non é ningún dos da Arousa, a sección de liñas de autobuses aparece ilustrada cunha estrada descoñecida... pero ningunha destas imaxes sorprende tanto como a da policía local, representada graficamente cunha gorra da “police” británica de Merseyside.

18 de set. de 2007

A dorna, materia de ensino

Agora que bota a andar un novo curso é bo momento para recomendar esta unidade didáctica sobre a cultura marítima tradicional, dirixida aos alumnos de Secundaria. Trátase dunha ferramenta facilitada pola Asociación Cultura Dorna que permite traballar nas aulas catro bloques temáticos: situación xeográfica, sectores económicos (oficios e pesca), embarcacións tradicionais e a dorna, con contidos adaptados ao contorno arousán.

Imaxe collida da unidade didáctica

16 de set. de 2007

Unha visión crítica da labor da prensa local

Bochornosa a cobertura que La Voz de Galicia, a través da súa delegación de Vilagarcía, está a ofrecer sobre o caso da morte de Christian Willisch, cunha liña editorial que semella dirixida a presentar unha Arousa, e en concreto a mocidade e os amigos da vítima, como unha panda de vultos de costumes primitivas e mafiosas. Hoxe domingo temos unha mostra nesta crónica sensacionalista na que se escolle para o titular a palabra “vendetta”. Se len a información, verán que en realidade é unha burbulla na que non hai nada de interese que contar á parte do gran despregamento policial, e unha sarta de rumores que nunca deberían constituír a base dunha noticia.


Por outra banda, a crónica das protestas do xulgado, que publicaron días atrás, causou unha gran indignación entre moita xente da Arousa. O ton, totalmente desagradable, non pasa ningún filtro de rigor profesional e non aguanta as comparacións coas noticias que no mesmo día publicaron outros xornais.
É certo que os rapaces perderon os nervios, que houbo insultos, empuxóns e que mesmo chegaron a proferir ameazas. Pero nunha situación de tanta dor e tensión e tratándose de rapaces novos, é ata certo punto comprensible e hai que entendelo como un acto de desafogo que xurdiu espontaneamente e que non ten por que ir a máis. É lamentable que os xornalistas non foran capaz de velo.
En ningún momento se tenta facer un achegamento comprensivo á situación que viviron uns rapaces que presenciaron a morte dun amigo nunhas tristísimas circunstancias. En toda a noticia, as declaracións que se destacan entre comiñas serven unicamente para incidir e recrearse na idea de "vinganza", chegando mesmo a interpretacións e xeneralizacións fóra de lugar como a que destacamos na imaxe:

Tampouco os tres implicados no acoitelamento se zafaron dos tópicos da prensa local. As vidas de dous deles descríbense cunhas interpretacións tendentes ao drama. Sobre o Cuco, o xornal recolle no titular, como dato básico, que andaba "con malas compañías". É para preguntarse que clase de compañías serían esas, ou incluso se non sería el a mala compañía.


Do Cuco destacan ademais que é de "familia humilde". De ningún dos rapaces se di algo semellante, ¿que considerarán estes xornalistas unha familia humilde?. Debemos deducir desta aclaración que o nivel económico da súa familia é moi inferior ao do resto dos seus veciños e condicionou a vida do rapaz de xeito irremediable?. Pola súa parte, Abraham é definido como un "rapaz sen oficio coñecido" (cantos rapaces de 18 anos hai sen oficio coñecido??), e segundo os xornalistas, cunha historia familiar "tamén triste" porque lle morreu o pai hai anos. A cantas persoas lles morreu o pai a unha idade nova?.

15 de set. de 2007

O dereito a saber

Baixo o título “O dereito a saber, a liberdade de investigar”, van ter lugar no Grove unhas xornadas nas que se abordará como tema principal as dificultades e trabas –legais, sociolóxicas- que atopan os estudosos e difusores da represión franquista. Ademais de charlas, haberá proxeccións de documentais, entre eles, o filme “A derradeira lección do mestre”, que trata da represión que desde o 36 se exerceu en Galicia contra o corpo de mestres, a través do dilema que asalta a Fermín Bouza Brey, por entón xuíz de instrución na Estrada, obrigado a perseguir calquera "delito" do que tivera coñecemento.
O programa completo está neste blog.

11 de set. de 2007

Loito


Loito, pena, dolor
indignación, rabia, acción
repouso, reflexión, serenidade...

Adeus, Christian

4 de set. de 2007

As outras bateas

As bateas de mexillón son as máis habituais na nosa ría, pero non son as únicas. Velaquí unha pequena mostra.

Esta batea modernísima -non é de madeira, como case todas as de mexillón- forma parte dun proxecto experimental da confraría do Grove para a cría de polbo. Está en augas mecas.

Estoutra batea, visible desde a ponte da Illa mirando cara Cambados, acolle un posto de control marisqueiro da Xunta de Galicia, moi ben equipado tecnoloxicamente. Forma parte do plan de recuperación do banco marisqueiro do Boído. Todos os rañeiros que faenan nesta zona teñen que pasar pola batea a peneirar a ameixa.


Por último, destacamos esta batea de Cambados, máis que pola ostra, que é o seu, pola curiosa solución que atopou o amo para facer a caseta.

2 de set. de 2007

As festas gastronómicas, unha fonte de financiamento

Hoxe domingo remata a última das celebracións gastronómicas do verán, a X Festa do "Pulpo". Todo comezou hai dezaseis anos, coa Festa do Mexillón, daquela, a única exaltación gastronómica existente. Logo virían a Festa do Polbo, a Festa dos Produtos do Mar e finalmente, a Festa da Navalla, a última en chegar ao calendario festivo. Este tipo de celebracións serven para dar a coñecer o marisco local e, sobre todo, para financiar as entidades culturais e deportivas da illa. Os clubs de piragüismo, baloncesto, ximnasia rítmica, o club de fútbol Céltiga e a asociación cultural Dorna altérnanse e comparten as labores de organización, implicando non só aos membros destas entidades, senón tamén a un gran número de veciños.
Cortando os últimos raxos de polbo, no Campo

1 de set. de 2007

Camaxe, bandeira azul

A zona do Bao sufriu unha auténtica transformación coas últimas obras. Arranxouse o firme do aparcamento e instaláronse banbáns para os nenos. Un carril bici e unha pasarela de madeira discorren paralelos á praia, dende o comezo da ponte ata o Oasis. Hai un posto de socorrista, aseos, e duchas. Todos estes servizos e a calidade das augas valéronlle a concesión, por primeira vez, dunha bandeira azul á praia de Camaxe. Tamén a Area da Secada obtivo este recoñecemento.
Aínda así, algúns turistas lamentan que a auga está moi fría –certo é, como en todo o Atlántico- e que os seixos e os “ghinchos” que presenta a area, de forma natural, magóanlles os pés. Algúns mellor sería que fosen á piscina.

Pasarela de madeira á beira da praia

Posto de socorrismo, con aseos. O carril bici, en morado

As aceñas, no Youtube

No YouTube hai cada vez máis vídeos relacionadas coa illa, desde filmacións de despedidas de solteiro e de festas varias, ata travesías a nado ou windsurfeiros. Este vídeo que recollemos aquí mostra imaxes das aceñas, un fermoso muíño de mareas, testemuño da importancia que as actividades agrícolas tiveron noutra época. Ademais deste, na illa hai aínda outro muíño de vento. Ambos os dous son de difícil acceso, por ser de propiedade privada .

28 de ago. de 2007

Desfeitas nas casetas de Carreirón

Caseta de avistamento de paxaros, en Carreirón

Vista desde a caseta


Este verán, Carreirón luciu novas casetas de madeira, despois de anos de abandono destas instalacións. Esta especie de refuxios, estratexicamente situados para agardar o avistamento de paxaros, levan moito tempo instalados no parque natural, pero sofren continuamente actos de vandalismo. Hai unha semana apareceu case desfeita unha das novas casetas, a situada preto da praia dos Espiños, fronte á zona de marismas chamada popularmente “augas quentes”.

27 de ago. de 2007

Pisos e máis pisos

Nunha illa na que tradicionalmente dominan as vivendas unifamiliares, o espectacular incremento da edificación de pisos tense convertido nun tema habitual de conversa entre os veciños. A xente quéixase do encarecemento da vivenda, das facilidades para edificar dos construtores fronte aos particulares, da especulación e da destrución da paisaxe. Ao tempo hai quen se ve beneficiado economicamente deste boom, co aumento do turismo, coa venda de leiras a cambio de pisos ou doutras maneiras indirectas, así que celebran e xustifican estas ansias construtoras, evidentes en calquera curruncho edificable, desde EntreCortiñas e Laxes do Pan, ata o Cabodeiro, Con do Forno ou o Lagartiño. Na imaxe vese o progreso das obras da Punta do Furado, unha das máis polémicas.

22 de ago. de 2007

A Nécora, campiona do mundo

Regata de Cambados, o pasado 19 de agosto

O Trofeo Galicia de Dornas a Vela, que ben se podería chamar “trofeo internacional de dornas a vela”, por ser único no mundo, xa ten vencedores. O sábado pasado celebrouse en Cambados a última regata puntuable para o campionato, cunha participación de case 30 dornas. A Nécora proclamouse vencedora da regata, e sitúase deste xeito no primeiro posto da clasificación final, con 4 puntos. En segundo lugar da táboa xeral, queda a Cariñosa, con 9 puntos; e en terceiro posto, a Xarandeira, con 11. A entrega de premios do trofeo terá lugar ao rematar a tempada, contra finais de setembro.

A Nécora, vencedora do campionato, facendo a entrada no porto de Cambados

10 de xul. de 2007

Nasas ao mar

Na illa hai unha importante comunidade de naseiros dedicada á captura da nécora, do polbo e do camarón, segundo o ciclo do ano. Onte luns abriu a veda anual da nécora, que se estende dos meses de xaneiro a xullo, e tamén a do polbo, aínda que este último escasea. A cada mariñeiro correspóndelle aproximadamente 75 nasas, que largan á noite e recollen pola mañá cedo. Logo toca ir vender á lonxa.


Nasas no peirao do campo, durante o inverno


Unha boa caldeirada

Concerto de guitarra na igrexa

Non é moi habitual que as portas da Igrexa de San Xulián abran para outros usos que non sexan os relixiosos, pero isto quizais poida cambiar a partir do 14 de xullo. Neste día, o templo, o único que existe na Arousa, acolle ás nove e media da noite un concerto do guitarrista José Manuel Dapena (na imaxe), no marco do festival de música antiga e barroca Via Stellae.

8 de xul. de 2007

Dúas regatas marcadas polo vento

As dúas últimas regatas de dornas a vela, a de Area Seba, no Grove, e a Volta á Illa, na Arousa, estiveron marcadas polo forte vento, que ocasionou todo tipo de incidentes. Na primeira tronzaron paus e houbo dornas que abandonaron tras colleren auga, o mesmo que na segunda, na que, ademais, os mariñeiros tiveron que lidar coa chuvia. Ambas as dúas rexistraron unha alta participación cunha trintena de embarcacións. A seguinte cita do Trofeo Galicia de Dornas a vela é a Regata dos faros, organizada pola A.D. Meca, o 14 de xullo.

Momento do cambio de vela ao aproximarse á boia, na regata Area Seba

A entrega de premios, na lonxa do Grove

17 de xuño de 2007

O Trillo afronta a 3ª ronda de baile na TV

Despois de gañar o favor do público no primeiro programa e o favor do xurado no segundo, o Trillo e a súa parella de baile volven o luns 18 de xuño a demostrar as súas habilidades sobre a pista no espazo televisivo “Mira quien baila”(TVE1, 22.00 horas). O bailarín da Illa, que compite neste concurso coa ilusión de resultar seleccionado para participar no Eurovision Dance Contest, mereceu a atención hai unhas semanas de Floreano, a personaxe creada polo ilustrador Gogue.

11 de xuño de 2007

O "masanseiro-protesta"


A falta de acordo entre o propietario do terreo e o Concello deixou a medio pavimentar esta “isleta”, no fervor das obras da campaña electoral. Disque o veciño que posúe ese cacho de terreo non está conforme coas condicións económicas que lle propoñen, así que decidiu plantar no que é seu un mazanceiro, que sempre é máis productivo que unha palmeira.

3 de xuño de 2007

III Trofeo Fasquía



O III Trofeo Fasquía abre o 9 de xuño a edición 2007 do Trofeo Galicia de Dorna a Vela. Unhas 40 embarcacións da Illa, Cangas, O Grove, Portonovo, Cambados, Vilanova e Ribeira terán que navegar oito millas con saída e chegada no porto arousán do Xufre, completando dúas voltas ao triángulo que amosa a imaxe. Esta regata está organizada pola asociación cultural e deportiva Fasquía. Poden consultar aquí as demais regatas do calendario.


A illa dos cons

O Con de Tres Pes, en perfecto equilibrio

Cons e penas teñen nome propio na illa. A situación das pedras debeu ser noutro tempo un importante referente xeográfico para orientarse e sinalar lugares, de xeito que a nosa microtoponimia recolle moitas mostras destes nomes, aínda que nalgúns casos xa non exista o con que deu lugar á denominación. Estes son algúns dos nomes que fan referencia ás pedras:

Con de Navío
Con de Tres Pés
Con do Forno
Con do Sol
Con do Moucho
Con Retellado
As Laxes
Laxe do Pan
As Penas
Pedracerrada
Pedrouzos