Buscar neste blog

17 de xan. de 2008

Venres culturais

O concerto do grupo Andrés Rivas Trío abre o 18 de xaneiro (salón de actos do concello, 23 horas) o ciclo “Classic Jazz Swing”, que terá continuidade nos vindeiros meses con máis actuacións de jazz. Esta serie de concertos está enmarcada na programación municipal “invernos culturais”, que propón espectáculos de concatocontos, música e maxia para as noites dos venres. O próximo 25 de xaneiro vén o Mago Teto. A entrada é gratuíta.

Un dos magos que participan nos "Invernos Culturais"

Outros espectáculos previstos:

1 de febreiro: Alberto Cunha, espectáculo de música e humor
22 de febreiro: o contacontos Cándido Pazó

7 de marzo: o mago Rafa
14 de marzo: o contacontos Oswaldo

4 de abril: espectáculo de variedades “Mesturas”
11 de abril: Concerto de Creole Kinds

14 de xan. de 2008

Quedamos sen fonte

Así leva desde hai uns meses o sitio da fonte do Charco, desde que unha noite un coche se empotrou contra ela e houbo que retirar os cachos. A antiga construción xa non é recuperable, pero agardamos que para o seu lugar veña outra, é patrimonio público e auga na rúa a disposición de quen a precise.

Peixe fresco

Un par de corbelos limpos, listos para botar á tarteira
Fanecas

Unha maragota xeitosa

Corbelos, fanecas e maragotas son algunhas das especies de peixe que podemos atopar todo o ano na praza (ou na porta da casa, se pasa a peixeira). Captúranse coas betas, os tramallos ou á liña. Denomínanse corbelos aos badexos pequenos, e o prezo do quilo anda polos dez euros. A maragota é algo máis barata ca os anteriores –custa un seis euros- ten máis espiñas, as escamas tamén son máis duras e, porén, a comida é máis branda. As fanecas andan polos cinco euros.

3 de xan. de 2008

Tardes de inverno

Logo dun outono seco e dun comezo de inverno de tardiñas de sol, xa chegaron a tronada, o frío e as chuvias. Esta mañá mesmo asomou a saraiba. Aos previsores, que xa tiñan o estramio apañado, non lles colleu de sorpresa, por sorte para algunhas galiñas.

Á quenturiña do sol, hai uns días



De volta do piñeiral da Area da Secada

Unhas que precisan estramio