Buscar neste blog

17 de xan. de 2010

Arqueoloxía: a ara de Niño do Corvo

Pedra con posible valor arqueolóxico, entre Testos e Niño do Corvo

A forma do con semella traballada

A cavidade fai pensar que se trata dunha antiga ara


O blog Ilha de Orjais dá conta da existencia dunha posible ara de ofrendas situada no Agro de Alonso, entre Testos e Niño do Corvo. De acordo coas consultas do autor, José Luís Dopico, a cavidade da pedra podería corresponder a un antigo altar de ritos pagáns. O con está sen catalogar e a piques estivo de ser destruído, debido á construción dun muro próximo. Ilha de Orjais mostra as imaxes do conxunto antes das obras da depuradora.

Arqueoloxía: o abandonado cemiterio dos Bufos


Estado actual do cemiterio dos Bufos

Todos os veciños da Arousa saben da existencia da necrópole dos Bufos, dada a coñecer á comunidade científica nos anos 30 polo médico compostelán Varela Santos. Noutro tempo, os restos dos enterramentos eran visibles pero o lugar loce hoxe cuberto de toxos, sen que ningunha administración amosase interese por protexer e poñer en valor o xacemento.

14 de xan. de 2010

A furia do vento

Un guindastre retirando un dos barcos que vararon na praia

O temporal afectou a todo tipo de embarcacións

Contemplando os desperfectos, no Lagartiño


O temporal de "vento do alto" (Norte) da madrugada do 14 de xaneiro causou desperfectos en terra e mar. O vento chegou a acadar rachas de 170 km, segundo aseguraban os mariñeiros, citando o "medidor" do barco de Chiquita. Cinco barcos bateeiros con amarre na zona do Lagartiño (Júpiter, Carallada, Roxo, Androcles e Machado) vararon na praia, logo de que romperan as barbas que os suxeitaban aos mortos. Por toda a Arousa afundiron lanchas e romperon numerosas embarcacións de madeira, como dornas e gamelas. A furia do temporal tamén puido con algunhas bateas, que quedaron á deriva e vararon no Terrón. En terra, o incidente máis aparatoso foi o desprendemento do tellado do instituto.