Buscar neste blog

23 de feb. de 2008

Outra planeadora que arde

As augas submarinas do narcotráfico emerxen de cando en vez á superficie e fanse visibles a través de feitos como os desta mañá. Unha planeadora con tres motores fora borda apareceu queimada na praia de Espiñeiro. Parece ser que xa clarexaba o día cando aos presuntos narcotraficantes lles rompeu o remolque co que ían baixar ou subir a embarcación, e ante a imposibilidade de completar a manobra, decidiron prenderlle lume. (As fotos, en Carcamán X)

Os restos dun bidón de tabaco, na Area da Secada


O tráfico de drogas ten o seu antecedente no contrabando de tabaco, actividade que tivo o seu apoxeo nos anos 90, cando chegou a concibirse o termo “winston de batea”. Daquela, non era raro atopar paquetes de tabaco aboiando no mar ou descubrir almacéns soterrados nos montes e nas praias, que servían para agochar a mercadoría.

22 de feb. de 2008

A ponte, espíritu de auga

A vista aérea da ponte da illa está incluída nun anuncio de promoción turística que a Xunta difundiu o pasado verán a nivel europeo.



A construción da ponte contou cun orzamento de 1.500 millóns de pesetas, na súa época o maior investimento realizado pola Xunta, despois da creación da compañía de Radio Televisión de Galicia. As obras duraron dous anos, de 1983 a 1985, e durante a súa execución perdeu a vida un traballador.

20 de feb. de 2008

Cada vez somos máis

Os asiduos a este universo xa repararían en que alguén deixou nos comentarios a ligazón a un novo blog, Carcaman X, de temática arousá e cunha apariencia moi similar a este. Desde aquí dámoslle a benvida ao subxénero da comunicación carcamana, e agardamos que nos poña ao día de moitos asuntos. Para comezar coa retroalimentación, xa lle roubei a imaxe do escudo do concello, publicada máis abaixo ;-)