Buscar neste blog

14 de feb. de 2008

Entroido intercomarcal



Os Güeros do Grove, cantando na taberna de Fina Viñas

Toca facer balance dun Entroido no que se cumpriron todos os rituais propios destas festas. A cea do Xoves de Comadres, tradición recentemente recuperada, e pasada por conveniencia ao venres, reuniu na súa segunda edición a unhas dúascentas mulleres no Tamanaco; por pouco non deixan marchar á orquestra e xa pensan en repetir. Este ano saíron cinco comparsas da Arousa, A Comparsita, Os Carenas, Harmonía, M.D.A e as As Rumorosas. Harmonía, a máis vella delas, celebrou o seu 20 aniversario cunha homenaxe no seu repertorio a Pepe Barral, finado hai pouco, e autor de moitas das letras míticas do Entroido carcamán. Tamén houbo representación “continental” do Grove e de Vilaxoán, como mostra o vídeo da comparsa meca Güeros. Ademais, como vén sendo habitual, o luns de Entroido, o día grande local, convocou a centos de persoas das vilas veciñas, que mesmo organizaron expedicións á illa en autobús. Non faltaron a queima do liborio, caracterizado nesta ocasión como un cazador de telenovela, e o desfile de carrozas, que non destacou pola espectacularidade das construcións, pero si pola participación dos veciños, que apoiaron a marcha disfrazados. E tamén houbo guateque infantil no Capitol, e rosquillas e orellas nas casas dos máis galopíns.

13 de feb. de 2008

O Jujel

Xa anda circulando polos enderezos electrónicos a nova da aparición do "Jujel", a versión do coñecidísimo buscador, que utiliza a gheada como bandeira e axusta os resultados das búsquedas ás páxinas galegas. Na súa presentación defínese como un experimento que non quere ofender nin burlar, senón facer un servizo e chamar á atención dunha forma simpática sobre o fenómeno da gheada. Este trazo dialectal é dominante na illa, igual que o seseo, o cheismo e outras peculiaridades lingüísticas da fala das Rías Baixas, ás que se lles suman as propias insulares, sobre todo, no léxico. O uso do "j", aínda non sendo autorizado pola normativa, está presente nas comunicacións diarias informais da xente nova, nos SMS, nos correos electrónicos, nas letriñas de Carnaval... Os lingüistas van botar as mans á cabeza ;-)

11 de feb. de 2008

O blog dos gardacostas

Os membros do Servizo de Gardacostas de Galicia tamén teñen un punto de encontro na rede, no que falan dos asuntos que lles preocupan e das novidades no gremio. É interesante ver o que pensan, agora que a Consellería de Pesca anunciou un incremento da vixilancia pesqueira e marisqueira na ría para combater o furtivismo e outro tipo de infraccións. O corpo de gardacostas estase a reforzar con máis medios (vehículos todoterreo e unha nova lancha) e pronto se convocarán prazas para cubrir persoal. Atención aos que largan as nasas fóra do horario permitido.

As letras das Rumorosas: Non somos continente, avisádelle ben á xente

Había unha vez unha illa
No medio dunha jran ría
Que xente máis peculiar .... BIS
Nós somos-los carcamáns... BIS

E VENTE Á ILLA..
A DISFRUTAR,
CO CARNAVAL PODEDES FLIPAR
AQUÍ AS FESTAS, PODEN DURAR
DESDE O PATRÓN
HASTA A NAVIDAD

Pa qué calendario oficial
Nós temos un insular
Colocámo-los festivos - BIS
Todos xuntiños no vran – BIS



AÍNDA QUE CHOVA
A ESMADRASAR
A PANORAMA NO PODE PARAR
E O REJEIRO
A REBOSAR
TOTAL MAÑAN É O DÍA DO CAN..

Que vistas nas nosas praias
Tiradas nós na toalla
Porque as rapasas da Arousa - BIS
Somos todas ben xeitosas – BIS

QUE PARAÍSO
MÁIS NATURAL
QUE HASTA ÓS CONS TEMOS QUE BAUTIZAR
MIRA O SANTO
E CARREIRÓN
SON ESCENARIOS DE PELICULÓN.

As diresións prohibidas
Sólo son orientativas
Aparca diante da casa –BIS
Xa pitarán sin non pasan – BIS…..


AHÍ O VEN
O MUNICIPAL
SEMPRE ME ENJANCHA CÓ MÓVIL NA MAN
¿QUÉ É O QUE FIXEN?
¿QUE FIXEN MAL?
SOLO IBA A 80 POLA GENERAL.

Pa qué a sircunvalasión
Si temos 1000 callejóns
Por donde pasan camións – BIS
Cheíños de mexillón – BIS

QUE URBANISMO
MÁIS ESPESIAL
CASA E PISOS XUNTIÑOS ESTÁN
¿DE QUE COLOR
VAS A PINTAR?
DUN BEN VISTOSO PA NON CONXUNTAR.

Si ti queres triunfar
Un bar terás que montar
Aquí é o mellor nejosio -BIS
Vaite buscando un bo sosio –BIS

E TEN COIDADO
TI CÓ QUE FAS
QUE A VECIÑA ESTÁ A VIGILAR.
TI DASTE A VOLTA
E XA VERÁS
QUE O RUMOR XA CHEJOU Ó NAVAL.

Que xeito máis singular
Temos aquí de falar
“flipin có que traballin” –BIS
“apañin ameixas amaso” – BIS

SOMOS D’AROUSA
QUE MÁIS NOS DA
TI O QUE DIJAS DO PUENTE P’ALÁ
NO CONTINENTE
NON É IJUAL
O NOSO IDIOMA SERÁ UNIVERSAL

Na Illa somos así
Quen vén non se quere ir
Non cambiaremos por nada - BIS
A nosa terra soñada - BIS

E SI UN PROBLEMA
PODE SURGIR
O PUEBLO ENTEIRO
VAISE A UNIR
E NÓS POR SEMPRE
COMO CARCAMÁNS
DA NOSA AROUSA
NON NOS MOVERÁN.

(Música: Volando Voy...)
ESTO XA SE ACABA
PONNOS 1 CUBATA,
GUAPA!
VAITEOS COLOCANDO
ENSIMA DA BARRA,
E ACABA!
CACIQUE COLA,
VODKA CON LIMA
E BAILAREMOS TODAS
NA TARIMA
CACIQUE COLA,
VOZKA CON LIMA
E NON TE OLVIDES
DE POÑER PALLIÑAS!!

Carnaval 2008.
Letra composta pola comparsa As Rumorosas