Buscar neste blog

21 de nov. de 2018

Illa de Arousa, que dormes na Lama



Despois de 45 anos,  o cantar "Illa de Arousa, que dormes na Lama" segue formando parte do cancioneiro popular dos veciños e veciñas da Arousa; todo un mérito, se temos en conta que a canción naceu  para ser interpretada durante o Entroido pola comparsa O Cano. O seu éxito foi tal que a xente aprendeuna e incorporouna ao repertorio das tabernas. O máis interesante do seu contido é a crítica á xestión institucional da pesca e do marisqueo e a denuncia do estado de abandono no que se atopaba daquela a Arousa -e ao que se refire o título-, en canto a infraestruturas e servizos básicos. A letra ten tamén un tinte machista que hoxe non pasaría o filtro, e que era na súa época un selo identificativo das cancións do Cano, unha comparsa composta exclusivamente por homes. Polo demais, é un pracer escoitar esta canción, tan ben interpretada por Carmen "da Chabola".



Primeiramente dicimos viva a tradición do Cano!
viva o Carnaval tamén
que é a mellor festa do ano.
Os que non deben vivir
son esas persoas listas
que ao sentir cartos se lanzan
como carteiristas.

Mariñeiros de ambas partes
tomar boas notas
porque hoxe en día
máis de catro lapacodias
canto nos prometen
é pura mentira.
Non andan máis que mirando
por mar, terra e aire onde está o filón
para comeren eles solos
e aos que traballamos non darnos quiñón.

Canto prometen todo é falso e nulo
E despois pagan, e despois pagan
Canto prometen todo é falso e nulo
E despois pagan, e despois pagan
coa lei do embudo.

Cando se foi para o marisco pola zona de Ribeira
complicáronnos as cousas, alá á súa maneira,
e despois de cometeren imperdonables errores
na televisión puxéronnos por invasores.

Se se ocupara esa xente tan intelixente
de mentalizar moitos cerebros que serven
para facerlle ben á humanidá
e non andaren buscando as mellores ascuas
 para a súa sardiñas
para comelas ben asadas e aos que traballamos
darnos as espiñas.

Se a vergonza houbera a vender
en este mundo, en este mundo,
Se a vergonza houbera a vender,
en este mundo moita ía a haber.

Fillos da Illa de Arousa
como vamos tanto a menos
porque hai moitas ocasións
que ata nin médico temos.

A ver se chega a vergonza
a máis de catro lareiras
para que se acaben os ratos
das mexilloeiras.

E ao chegarmos ao inverno
cando chove moito,
que desilusión
ver os camiños chorando
e de vez en cando
algún apagón.

Grazas monte do Outeiro
que por ti o Regueiro rellenado está
Se che sobra algunha  terra
dálla á carretera que falta lle fai.

Illa de Arousa que dormes na lama
a ver se un día, a ver se un día,
Illa de Arousa que dormes na lama
a ver se un día che mudan a cama.

Polo vran dá gusto ver
a clase de indumentarias
que visten moitas mulleres
para andar tiradas na praia.

Xuventude aproveitarse
as modas están a plomo
que ao chegar a vellos queda
reuma, frío e sono.

Vanse dando raros casos
en algunhas zonas de intoxicación.
Isto moi ben pode ser desde que a muller
viste o pantalón
porque hai épocas no mes
que o pantalón lle ha de molestar
E esa é unha maneira bastante lixeira
de contaminar.

E os melenudos sen levar bigote
non pertenecen, non pertenecen,
E os melenudos sen levar bigote
non pertenecen ao sexo machote.
E agora é a muller quen manda
Iso está por descontado
e os homes rabeando
tedes que entrar polo aro.
E andade moito a modo
á noite ao chegar á cama
que igual non comedes quente
en toda a semana.

E o que viva coa sogra
se é carroñenta, apañou tamén
anque pida que lle morra
vívelle máis anos
que Matusalén.

Agora á lei conxugal
novos estatutos
lle van a facer,
para mandalas ao inferno
co mundo moderno
que mande a muller.

Só pedimos
que non morra O Cano,
e así decimos, e así diremos
Sólo pedimos que non morra O Cano
e así decimos adiós, ata o ano.

(Comparsa O Cano, Illa de Arousa, 1974)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.