Buscar neste blog

10 de feb. de 2022

Etnografía do liborio


                                          Liborios no Entroido da Illa de Arousa

 

[Helena Domínguez] Un dos trazos característicos do Entroido da Arousa e único no seu contorno é a existencia dos liborios. A propia orixe da palabra é, a día de hoxe, unha incógnita. O termo liborio non vén recollido nin no dicionario de galego, nin no de castelán, nin no de portugués. Si que aparece documentado como nome de persoa -na Arousa non se usa, claro, pois sería como poñerlle a un fillo algo así como “espantallo”- sen que o seu significado, “nacido en Líbora”, achegue pistas sobre a orixe dos liborios do carnaval arousán. Así as cousas, e até que alguén argumente o contrario, “liborio” é unha palabra nosa, dos arousáns da illa, para definir á xente que no Entroido se camufla baixo unha capucha e roupas amplas que deforman a feitura do corpo.


O liborio adquire así un poder máxico e redentor, nun mundo pequeno no que todos se coñecen: a posibilidade de relacionarse coa veciñanza de toda a vida desde unha nova dimensión, o anonimato.

O liborio non distingue de épocas de bonanza nin de crise, para disfrazarse só fan falta catro trapos vellos, quizais unha saba rota, ou un mono de faena, tamén vai ben un abrigo de ir ao mar no inverno ou unha bata de talla grande. Pero a clave para gozar verdadeiramente da experiencia liberadora de “ir de liborio” é a actitude. Os liborios bótanse ao camiño rindo por dentro, dispostos a reencontrarse con antigos compañeiros da escola, amizades distanciadas, amores esquecidos, familiares terceiros e veciños cos que nunca se fala, e a darlles conversa.


Unha das habilidades máis importantes é a capacidade de disimular a voz, así é que todos os liborios falan cun ton agudo que emerxe da gorxa e dificulta a súa identificación. O mellor liborio é aquel do que todo o mundo pregunta: “E ese quen é?”. “Non sei, a min paréseme tal”. E pensas que é un home, e logo é unha muller.

O costume de ir de liborio minguou nos últimos tempos, ante a sofistificación do Carnaval e a tendencia a lucir disfraces máis elaborados e refinados, coa cara ao descuberto. O Entroido de hai vinte anos na Arousa era un ir e vir de liborios, liborios no Regueiro, liborios no Campo, liborios nas Laxes, liborios cunha aureola de lila-viño ou marrón-cubata arredor da boca-orificio de trapo.
 

Os liborios tomaban o poder das rúas e chegaban até a escenificar disparatadas vodas de liborios, cos noivos vestindo capuchas e traxes nupciais, e un séquito de liborios convidados.

O liborio é parte do patrimonio inmaterial da Arousa, da nosa cultura popular máis xenuína, e merece perdurar. Pero iso xa é cousa das xentes da illa, e do que estean dispostas a conservar e desbotar nese proceso sen fin de reconstrución colectiva insular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.