Buscar neste blog

4 de out. de 2010

O legado de Ramón Ferro

 Fotografía tomada do Club de Piragüismo

[Susi Rial] O deporte arousán está de parabéns. O pasado domingo 26 de setembro, Ramón Ferro culminaba un soño que levaba perseguindo durante varios anos, gañar o campionato do mundo. Desta maneira, consolídase como o mellor deportista nado na Illa.
 
Ramón Ferro (Illa de Arousa, 1978) comezou no Club de Piragüismo á idade de 10 anos. Como cadete xa conseguiu un campionato de España. A medida que foi medrando, foise especializando en distancias longas, na modalidade de maratón C2. Xunto co pontevedrés Óscar Graña, foi vice-campión do mundo en tres ocasións, así como campión de Europa en 2009. Nese mesmo ano íase producir o asalto definitivo ó Campionato do Mundo, que se celebraba en Portugal, pero unha enfermidade obrigouno a aprazar ese soño. A oportunidade chegou o domingo 26, na cidade catalá de Banyoles. A Illa de Arousa xa tiña o seu campión do mundo.
O luns seguinte, os piragüistas foron recibidos cunha homenaxe por un centenar de veciños da Illa. Non faltaron familiares e amigos de Ramón, así como algunhas autoridades políticas. Pero na súa mente, o que non deixou de estar presente foi Daniel Oubiña, tamén piragüista da Illa, tristemente falecido en outubro de 2009 e a quen lle dedicou a súa vitoria no mundial.
A pesar dos seus éxitos deportivos, Ramón Ferro vive da captura de navallas. A súa entrega ó piragüismo é tal, que á parte do esforzo físico, debe poñer cartos do seu propio peto e superar infinidade de circunstancias persoais, para dedicarse a este deporte. De aí que o seu exemplo aínda se engrandeza máis. A súa vitoria pode que dea conciencia ás autoridades da necesidade de dispor de medios e axudas ó deporte. Ademais, abriu a porta dos soños ós novos da Arousa, porque lles demostrou que con esforzo e sacrificio, nada é imposible de acadar.

3 comentarios:

  1. Noraboa Ramon!ten moito mérito polo grande sacrificio que require este deporte,como ben di aqui atrás.

    ResponderEliminar
  2. noraboa rapaces, sodes os meiores

    ResponderEliminar
  3. Ten moito merito acadar resultados desta indole cando compaxina o deporte co seu traballo como mariñeiro. Eso e amor o deporte e espiritu de sacrificio, algo que deberia ter un reconocemento que desgraciadamente non ten.

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.