Queridos amigos e amigas,
Reunímonos hoxe aquí para celebrar que temos xa 40 tacos, e non creo que esaxere se digo que moitos de nós estamos no ecuador da vida. Algúns, desafortunadamente, xa non nos acompañan e quero empezar cun recordo para eles, Juan Jesús O Chasquiño e Miguel Paz, “Migheliño”.
Deu a casualidade que todos e todas nacemos no mesmo ano, o 1977, e iso fíxonos compartir moitos momentos e incluso etapas, especialmente na infancia e na adolescencia. Nalgúns casos forxamos amizades que conservamos ata hoxe, noutros casos somos case descoñecidos, que nos saudamos cun “eh” cando nos cruzamos no camiño.
Así e todo, estamos unidos por moitos recordos que merece a pena lembrar. E se todas as quintas da Arousa se xuntan para facer unha cea, por que os do 77 non imos ter a nosa festa!
Nós tivemos a sorte de nacer coa democracia e nun tempo de liberdades. Que ben que poidamos pensar distinto e que todos sexamos respectados! Hoxe en día somos conscientes máis que nunca do luxo que iso significa.
O caso é que, pola época na que nacemos, non somos nin moi carcas nin tampouco moi modernos, porque nos tocou vivir un pouco de todo.
A nivel local, chegamos a coñecer e a desfrutar a Arousa sen ponte. Que tardes aquelas xogando ata a noite no camiño sen ter que apartarse dos coches. Os rueiros eran nosos! Acordádesvos? Seguro que si. Moitos tamén terán na memoria algunha viaxe na motora, o tempo de espera en Vilanova... Eu, persoalmente, lembro o cheiro, porque me facía gomitar. Logo, cando tiñamos oito anos, veu a ponte. Tamén nos trouxo moitas cousas boas, claro que si!
Do noso paso por EXB, fomos a xeración sen excursión. De moi pequenos leváronnos a Combarro, a Santiago, a Soutomaior... pero cando chegamos á segunda etapa, o momento de facer a excursión que molaba, a excursión por excelencia, os profesores plantáronse e dixeron que non, que non querían esa responsabilidade. Nos anos previos, houbera viaxes por España, intercambios con alumnos de outras cidades españolas... pero nós deixamos o “ghrupo” sen pena nin gloria.
Pero antes, moito tivemos que pasar! Sobrevivimos os vicios da casa de Mascareñas, sobrevivimos aos borradores de Servando voando pola clase, sobrevivimos ás cancións de Mecano durante todo o recreo!
Somos a xeración que recibiu as primeiras clases de inglés aos doce anos, en sexto. Hoxe comezan con tres anos! A maioría de nós escoitamos as nosas primeiras palabras en inglés en boca de Sor Aurora. A ver se vos acorda o xogo, facédeo: “get up, sit down, get up, sit down, get up sit down”!
Tamén vivimos o conflito do galego portugués, cando o profesor Mario quixo dar nas súas clases de lingua a normativa reintegrada, en vez da oficial. Vaia follón se montou, con división de alumnos e de pais e nais! Eu fun das poucas que seguín asistindo ás aulas de galego-portugués de Mario, e teño que dicir, que mentres en Ciencias Naturais se dedicaba a poñer “pontos negativos”, nas leccións de lingua amosaba a súa cara máis sensible e cantaba con moito sentimento cantares en portugués que eu hoxe lembro con moito cariño.
E que me dicides das clases de informática? Aí é onde se ve o vellos que somos. Informática había, si pero só para uns poucos, que, chegada a hora, abandonaban misteriosamente a aula e dirixíanse cara dirección para fuchicar códigos estraños nunhas pantallas negras. Sempre me preguntei que facían en informática. Se hai aquí algún que foi, que levante a man e nolo conte!
Moitos de nós rematamos EXB e fomos ao instituto, e logo á universidade. Outros escolleron pronto un oficio e puxéronse a traballar. Cada un foi buscando o seu camiño.
Un momento de transición vital foi a celebración da nosa Festa dos Quintos, a chegada da maioría de idade. Pero aquí é onde se ve tamén o vellos que somos... porque hoxe quintos e quintas fan festa por igual pero en 1995 aínda era unha celebración eminentemente masculina e todo o protagonismo foi para os homes. Algunhas mulleres saímos por aí co noso grupo de amigas, a velas vir, e a seguir as andanzas dos quintos, a ver se nos tocaba algo da festa.
E diredes vós. E en que somos modernos?
Buenos, pois somos unha xeración que viviu o botellón. Nós xa mercabamos botellas para ir a beber a detrás da lonxa, a unha praia, a un pinar, ao baixo dalgunha amiga ou amigo... pero daquela o botellón aínda non se coñecía con ese nome e non era un problema social.
Creo que tamén somos modernos porque en xeral, somos de mente aberta e cada persoa optou por diferentes opcións vitais, sen as presións sociais que tiveron que soportar os nosos pais e os nosos avós. Queda agora nas nosas mans deixarlles ás xeracións que veñen por detrás un mundo no que cada persoa poida escoller libremente o que quere ser e onde quere estar.
Polo demais, somos xente normal. Unha xeración nin moi carca nin moi moderna, aínda que nos guste pensar que somos a mellor quinta do mundo. E se cadra, sómolo!
Autoría: Helena Domínguez García.
Discurso lido na Cea da Quinta de 1977, celebrada no Churrasco do Con do Soen outubro de 2017
Comentarios
Publicar un comentario
A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.