Buscar neste blog

26 de out. de 2022

Guerra de tutelos na noite de Defuntos

 


[Helena Domínguez] Ata os anos noventa, era habitual que os rapaces da Arousa organizaran guerras de tutelos na noite de Defuntos. Normalmente, as cuadrillas organizábanse por barrios: os do Monte, os das Laxes, os de Pedraserrada, os das Aceñas... e enfrontábanse todos contra todos, nunha emocionante batalla campal que tiña por escenario o cemiterio e as leiras próximas. 

 O tutelo é un instrumento construído con canela, que se utilizaba a modo de canón para disparar. Introducíase dentro a semente das hedras ou dos loureiros e, ao soprar, saían as boliñas disparadas. Non había que ir moi lonxe para obter a munición, xa que no propio Agro da Torre medraban abundantes arbustos. O impacto dos balotes, por certo, revestía certo perigo e había que ter moito coidado de que a un non lle acadaran nun ollo.

O tutelo de canela rematou sendo substituído por tubos de plástico ou de metal, que se obtiñan de material de refugallo. Neste caso, a munición consistía en “carteruchos”, unha especie de cucuruchos elaborados con papel de revista, capaces de proxectarse a unha distancia considerable.

Os rapaces -era un xogo só de homes- presentábanse no escenario da batalla cun feixe de tiras de papel xa preparadas, colgadas da cintura. A práctica permitíalles elaborar sobre a marcha, con grande axilidade, os carteruchos que precisaban. Para darlle forma ao papel, era preciso enchoupalo ben de cuspe e chegaba un momento en que as gorxas quedaban secas e tocaba buscar auga polos pozos veciños. Toda unha aventura!

Máis de un marchaba para a cama con algunha ferida de guerra. E á mañá seguinte, o camiño do cemiterio amencía ciscado de hedras ou de papeis.

10 de feb. de 2022

Etnografía do liborio


                                          Liborios no Entroido da Illa de Arousa

 

[Helena Domínguez] Un dos trazos característicos do Entroido da Arousa e único no seu contorno é a existencia dos liborios. A propia orixe da palabra é, a día de hoxe, unha incógnita. O termo liborio non vén recollido nin no dicionario de galego, nin no de castelán, nin no de portugués. Si que aparece documentado como nome de persoa -na Arousa non se usa, claro, pois sería como poñerlle a un fillo algo así como “espantallo”- sen que o seu significado, “nacido en Líbora”, achegue pistas sobre a orixe dos liborios do carnaval arousán. Así as cousas, e até que alguén argumente o contrario, “liborio” é unha palabra nosa, dos arousáns da illa, para definir á xente que no Entroido se camufla baixo unha capucha e roupas amplas que deforman a feitura do corpo.

21 de nov. de 2018

Illa de Arousa, que dormes na Lama



Despois de 45 anos,  o cantar "Illa de Arousa, que dormes na Lama" segue formando parte do cancioneiro popular dos veciños e veciñas da Arousa; todo un mérito, se temos en conta que a canción naceu  para ser interpretada durante o Entroido pola comparsa O Cano. O seu éxito foi tal que a xente aprendeuna e incorporouna ao repertorio das tabernas. O máis interesante do seu contido é a crítica á xestión institucional da pesca e do marisqueo e a denuncia do estado de abandono no que se atopaba daquela a Arousa -e ao que se refire o título-, en canto a infraestruturas e servizos básicos. A letra ten tamén un tinte machista que hoxe non pasaría o filtro, e que era na súa época un selo identificativo das cancións do Cano, unha comparsa composta exclusivamente por homes. Polo demais, é un pracer escoitar esta canción, tan ben interpretada por Carmen "da Chabola".

13 de set. de 2016

E á dereita, o continente

Os antigos sinais que orientaban os condutores sobre a ruta de saída da illa cunha frecha que sinalaba o “continente” foron no seu día obxecto de moita brincadeira, tanto entre as xentes locais coma as de fóra. A bifurcación, que distingue entre a Arousa e o resto da masa continental europea, ten a súa graza, ao deixar en terra de ninguén a pequena illa, unha condición que, por outra banda, casa moi ben co sentimento romántico da poboación insular de estar a vivir nun lugar á parte, no que rexen as leis ‘daquela maneira’. Durante anos foron estes os únicos sinais de indicación para abandonar ou entrar na illa, mais co paso do tempo engadíronse outros carteis máis modernos e precisos. O caso é que os antigos sinais continúan erguidos aínda que nun estado de abandono e deterioro. Preguntámonos se valería a pena restauralos e rescatalos para o noso patrimonio urbano, do mesmo xeito que algunhas cidades deciden conservar carteis, rótulos e outros grafismos singulares que adquiriron un especial significado social ou estético.

Estado dos antigos carteis que sinalan a dirección do continente