Buscar neste blog

15 de xul. de 2010

As dunas da Arousa, en perigo

 Valado que protexe as dunas en Carreirón

As dunas frean o avance do mar sobre a terra, así que a súa destrución, máis alá dos prexuízos ambientais, tamén ten efectos sobre a propia superficie territorial da Arousa, que pode ver diminuída aínda máis a súa reducida extensión de solo. A urbanización da beiramar, o tráfico rodado e a carretaxe da area son algunhas das ameazas que pesan sobre o sistema dunar da illa. Coa información facilitada polo biólogo Juan Poza, presentamos unha relación das dunas máis destacadas.

12 de xul. de 2010

Roxa, rubia, vermella, encarnada

A I Festa da Ameixa Roxa, no Chufre, coas bandeiras en homenaxe á selección de fútbol

Coincidiu esta fin de semana a primeira festa da ameixa “roja” coa victoria da “roja” no Mundial de Fútbol de Sudáfrica. Dirán vostedes que ten que ver unha cousa coa outra, pero os amigos das cábalas de seguro que non pasan por alto tanta casualidade. Habendo no mar incontables especies de viandas comestibles, foi precisamente a ameixa “roja” a escollida para facer de engado dos turistas, unha vez máis. Non existe en Galicia ningunha outra exaltación gastronómica especializada na venerupis rhomboides, e inventámola nós. Fíxense vostedes, ademais, no acertado da tradución: á hora corrixir o castelanismo co que se denomina na Arousa a ameixa, optouse pola forma “roxa”, desbotando outras posibilidades como “vermella” ou “encarnada”, máis axeitadas para traducir o termo castelán “roja”. “Roxa” tiña que ser, e con razón. A venerupis rhomboides chámase tamén “ameixa rubia”, e polo tanto, tamén poder ser “roxa” na acepción deste termo en galego, aínda que sexa un adxectivo que, asociado á ameixa, careza de tradición.
E vai a selección española de fútbol, a “roja”, un equipo sen tradición vencedora, e conquista, por primeira vez na historia, o título do mundo na fin de semana da “roxa”. Os astros estaban aliñados, e numerosos arousáns botáronse á rúa a celebralo. E as bandeiras españolas, gardadas no fondo do baúl á espera da festa do Carme, saíron do armario.

9 de xul. de 2010

Novo xefe para o marisqueo a flote

Mariñeiros á volta do raño

Logo dun baleiro de poder que se prolongou durante dous meses, a confraría da Arousa xa ten novo patrón maior. A xunta xeral elixida nas eleccións celebradas a mediados de xuño vén de designar a Ángel Iglesias García, “o Pichón”, xefe do marisqueo a flote. O seu mandato durará apenas un ano, ata que a Consellería do Mar convoque eleccións xerais nas confrarías galegas, previstas para o 2011. Co nomeamento de Ángel Iglesias, péchase a situación anómala que viviu a confraría tras a dimisión, o pasado mes de abril, de boa parte do equipo de Benigno Chaves, anterior patrón maior. Segundo a nova lexislación, é a Xunta a que se encarga de convocar eleccións en todas as confrarías galegas a un tempo. Tras esgotar o seu mandato de catro anos, e ante a imposibilidade de organizar uns comicios, Chaves decidiu renunciar ao seu cargo e forzar deste xeito as votacións para a renovación da directiva.
A nova dirección da Confraría,  composta polo patrón maior, un vicepatrón, un terceiro patrón e mais cinco cabildos, destaca pola súa xuventude. O órgano que elixe a directiva é a xunta xeral, formada por 24 membros, entre mariñeiros e armadores.

As dunas da Area da Secada

Dunas na Area da Secada

[Susi Rial] Sempre estiveron aí. Para calquera que teña nacido ou vivido na Illa durante moitos anos, non lle parecerá estar vendo o extraordinario conxunto que en realidade é. As dunas da Area da Secada son dunha certa entidade, polo que non é doado ver algo semellante nos arredores. Dicir, como curiosidade, que incluso foron escenario dalgunha que outra serie de televisión. Na súa formación entraron en xogo varios factores: un espazo moi areoso e a confluencia de varias direccións de vento. Nun principio deberon de ser móbiles, até que foron fixadas pola vexetación que as  colonizou. O fenómeno dunar máis impresionante que atopamos nas Rías Baixas está en Corrubedo, coa súa gran duna móbil de máis de un quilómetro de lonxitude. Hai xa varios anos que tivo que ser pechada ó público, para protexela dunha morte prematura. Así pois, e tendo en conta as diferencias, aproveito esta oportunidade que me foi dada para pedir medidas de protección e preservación deste espazo dunar. Porque forma parte do noso patrimonio. Porque se trata dunha riqueza natural que nos ofrece a nosa Illa. E, o que é máis importante, porque é o noso deber.