Buscar neste blog

24 de xuño de 2010

Arquitectura de vangarda da Illa de Arousa


[Susi Rial] Os seus teitos nin son triangulares nin teñen tellas. Non están construídas de ladrillo nin están revestidas coa pedra convencional. Sinxelamente, son casas que nada teñen que ver coas que habitualmente viñan enchendo os escenarios da Illa. A construción dunha casa case sempre supón a inversión máis importante da vida e este pode ser un dos motivos polo que incluír innovacións no seu deseño, adoita ser unha decisión difícil de determinar. As casas como estas defínense polo seu deseño minimalista e o seu gran sentido da funcionalidade. Un dos precursores deste estilo foi o arquitecto Walter Gropius, fundador da escola Bauhaus en 1919. Os arquitectos da Bauhaus utilizaban como principais materiais o formigón, o vidro e o aceiro e nos seus deseños predominaban as formas simples e as liñas rectas nos edificios. Pero a Illa non só conta con deseños innovadores nas casas de particulares. Nos últimos anos vén sendo toda unha referencia na arquitectura debido á construción de edificios como os do Concello e o Auditorio multiusos, obra do premiado arquitecto Manuel Gallego Jorreto.

18 de xuño de 2010

Todos os nomes

A Consulta-O Cortixo

[Susi Rial] Adoita pasar na Illa que os donos non lles elixen os nomes ás cousas, senón que son os nomes os que os escollen. Ou, mellor dito, a xente. Aí está o caso do Cortixo. Quixo a casualidade que o seu local fose durante moitos anos a consulta do médico. E de aí, o bocadillo de pinchos sempre se foi buscar á Consulta e nunca máis ó Cortixo. Ou o caso do Saratoga. É un dos bares máis antigos da Illa e o seu polbo é moi apreciado entre os nosos visitantes. Pero os seus incondicionais sempre che proporán ir tomar unha chiquita ó Bar Suso. Mención especial merecen os bares atendidos por mulleres. Neses casos, os alcumes preferidos son os nomes de dúos musicais femininos, ó estilo de "As Ghrecas" ou "Asúcar Moreno". Por que ocorre isto? Quen sabe! Quizais é debido á nosa memoria colectiva, que nós mesmos asumimos como a maior das sabedorías. Por iso, cando a unha persoa de certa idade lle digas, "vou ata o Moucho", pode que che mire como se lle falaras en inglés. Mellor dille "vou á de Juanito Viñas". E o mesmo se vas ó Baka. Colle o atallo e dille "vou á do Capricho". E isto non ocorre só cos bares. Aí temos, por exemplo, o caso do Xufre; obviamos por completo o intento de "normativización" imposto e nunca puxemos en dúbida esa "ch". Por iso, cando alguén vén de fóra e pronuncia a forma que cre correcta, non podemos evitar miralo con certa dor, do mal que nos sona. Por non falar do Santo. Porque non é un santo. Trátase do Corazón de Xesús, é dicir, de Xesucristo. Polo tanto, deberíase chamar "O Cristo". Pero non. Nunca será O Cristo. O Santo é o Santo.

Muiñeira da Arousa

O grupo de Dorna, o Día das Letras Galegas

O grupo de música tradicional da asociación Dorna pecha o curso este domingo, cun festival que terá lugar no auditorio municipal, as 20.30 horas. Entre o repertorio, destaca a Muiñeira da Arousa, musicada por Dorna e composta de varias coplas recollidas da tradición oral carcamana. Como verán, as letras son comúns a moitas cancións populares galegas, pero hai unha estrofa, a última, na que se recolle a especifidade arousá, cun enfrontamento de "barbas" entre San Xulián, o patrón carcamán, e San Amaro, o patrón dos caliveras. O mellor será, claro, que a vaian escoitar en directo.

Muiñeira da Arousa
O gaiteiro de Saiar
foi tocar a Redondela
deixou a gaita no Grove
agora chora por ela

E véndeme os bois
e véndeme as vacas
e non me vendas
a cunca das papas [volta]