Buscar neste blog

22 de xan. de 2010

A pérgola que nunca deu sombra

Pérgola no paseo marítimo do Cantiño

Será porque a salitre queima as prantas, porque non se escolleu a especie gabeadora axeitada, ou porque non recibiu os coidados que precisaba; o caso é que a pérgola do paseo marítimo do Cantiño xace desde a súa construción nun estado de triste nudez, sen follaxe que a envolva, nin en inverno nin en primavera. E así van pasando as estacións.

21 de xan. de 2010

Un videoclip gravado na Arousa



As praias da Arousa no outono serven de escenario do último videoclip de Ataque Escampe, un grupo que se autodefine coa etiqueta de "rock de serie b", pola precariedade de medios coa que comezaron. A canción do vídeo, titulada "Europa e o ballet", ben podería comezar así: "Xastelas é o lugar onde o ballet tamén se podería ver como a maneira de aparentar que as persoas somos quen de ter ás..."

20 de xan. de 2010

Neuroband prepara o lanzamento do seu primeiro traballo discográfico

Imaxe collida da web Manuelseixas.com


Neuroband, o grupo formado por Manuel Seixas, Xurxo Romero, Nicolás Leal, Edgar Santorum “Coco” e Víctor García “Carallada”, ten todo a punto para o lanzamento do seu primeiro traballo discográfico. A banda agarda poder presentar durante este ano o CD “Proceso amniótico”, no que reúne oito temas en galego e dous en inglés, froito de máis de dous anos de traballo. O libreto que acompañará o CD, realizado por Xurxo Romero con fotografías de AmebaVision, tamén está listo, así que só lles falta atopar un selo discográfico que os apoie. De non ser así, Neuroband tentará autoeditar a súa música, segundo confirmaron membros do grupo, para iniciar logo unha pequena xira de concertos.
Neuroband é o resultado da unión de músicos procedentes dos desaparecidos Korosi Dansas (Vilagarcía) e Fungo (Illa de Arousa). No 2004 gravou a súa primeria maqueta baixo o título “Microse”.