Buscar neste blog

17 de xan. de 2010

Arqueoloxía: o mapa da Arousa

Os puntos clave da arqueoloxía insular


Existe unha tendencia a considerar que a Illa de Arousa non conta cun patrimonio arqueolóxico destacable. Mais esta afirmación semella froito do descoñecemento máis ca da realidade. Se nas vilas veciñas se atoparon conxuntos megalíticos, e mesmo está documentada a existencia de enterramentos funerarios da Idade de Bronce no illote Areoso, o sorprendente sería que na Arousa non houbese ningunha pegada dos antigos poboadores. Neste mapa localizamos seis lugares clave para achegarse á esquecida arqueoloxía da illa:

-O cemiterio dos Bufos, un xacemento estudado, mais totalmente abandonado.
-O conxunto das praias de Riasón e dos Tarais, quizais un dos restos máis interesantes, de magnitude aínda por descubrir.
-A ara de Niño do Corvo: unha pedra cunha misteriosa cavidade, que podería remitir a antigos ritos pagáns. Xulguen as imaxes do post correspondente.
-O conxunto das praias do Naso e da Cova: ao igual que en Riasón, no norte da illa o mar deixou ao descuberto vellos muros cuxa función é hoxe descoñecida. Este xacemento é dos menos documentados, e do único do que, aínda, non lles podemos ofrecer imaxes.
-Os restos do Areoso, xa comentados con anterioridade.

Arqueoloxía: o esquecido conxunto de Riasón

Restos do que podería ser un antigo peirao Da area emerxen varias construcións rectangulares Detalle da cista máis completa Unha segunda cista E outra máis, aínda soterrada
 
[Helena Domínguez] O conxunto arqueolóxico dos Tarais-Riasón foi dado a coñecer aproximadamente hai cinco anos. A forte erosión do mar na zona deixou ao descuberto varias construcións de pedra, que chamaron á atención de Benigno Chaves, hoxe patrón maior da Arousa. Segundo publica Rías Baixas, Chaves alertou a uns arqueólogos, que fixeron unha primeira datación dos restos, situándoos entre a Idade de Bronce e a chegada dos romanos. Quen visite hoxe a zona, entre a praia de Riasón e dos Tarais, poderá ver dúas cistas que emerxen da area, e unha terceira semienterrada. Ademais, moi preto deste lugar, existen restos de muros, así como unha especie de rampa de pedras, que puido funcionar a xeito de peirao. É unha magoa que non existan estudos rigorosos sobre este interesante xacemento, totalmente desprotexido e abandonado polas autoridades.

Arqueoloxía: a ara de Niño do Corvo

Pedra con posible valor arqueolóxico, entre Testos e Niño do Corvo

A forma do con semella traballada

A cavidade fai pensar que se trata dunha antiga ara


O blog Ilha de Orjais dá conta da existencia dunha posible ara de ofrendas situada no Agro de Alonso, entre Testos e Niño do Corvo. De acordo coas consultas do autor, José Luís Dopico, a cavidade da pedra podería corresponder a un antigo altar de ritos pagáns. O con está sen catalogar e a piques estivo de ser destruído, debido á construción dun muro próximo. Ilha de Orjais mostra as imaxes do conxunto antes das obras da depuradora.

Arqueoloxía: o abandonado cemiterio dos Bufos


Estado actual do cemiterio dos Bufos

Todos os veciños da Arousa saben da existencia da necrópole dos Bufos, dada a coñecer á comunidade científica nos anos 30 polo médico compostelán Varela Santos. Noutro tempo, os restos dos enterramentos eran visibles pero o lugar loce hoxe cuberto de toxos, sen que ningunha administración amosase interese por protexer e poñer en valor o xacemento.