Buscar neste blog

14 de xan. de 2010

A furia do vento

Un guindastre retirando un dos barcos que vararon na praia

O temporal afectou a todo tipo de embarcacións

Contemplando os desperfectos, no Lagartiño


O temporal de "vento do alto" (Norte) da madrugada do 14 de xaneiro causou desperfectos en terra e mar. O vento chegou a acadar rachas de 170 km, segundo aseguraban os mariñeiros, citando o "medidor" do barco de Chiquita. Cinco barcos bateeiros con amarre na zona do Lagartiño (Júpiter, Carallada, Roxo, Androcles e Machado) vararon na praia, logo de que romperan as barbas que os suxeitaban aos mortos. Por toda a Arousa afundiron lanchas e romperon numerosas embarcacións de madeira, como dornas e gamelas. A furia do temporal tamén puido con algunhas bateas, que quedaron á deriva e vararon no Terrón. En terra, o incidente máis aparatoso foi o desprendemento do tellado do instituto.

A colonia de patos esténdese pola Arousa


Dende que hai dous anos falabamos aquí da colonia de patos da Arousa, a poboación de aves, protexida polos veciños e só asustada de cando en vez por algún can, non parou de medrar. Os patos xa forman parte da paisaxe habitual na liña costeira comprendida entre a punta de Testos e a de Gradín. As bandadas máis numerosas concéntranse en Semuíño e no Regueiro.

12 de xan. de 2010

O calendario da confraría

A imaxe que ilustra o calendario da Confraría

A mesma paisaxe, cincuenta anos despois

A Confraría de Pescadores da Arousa elixiu unha fotografía do Nicho dos anos 60 para ilustrar o calendario deste ano. Baixo a imaxe do calendario que reproducimos aquí, poden ver o mesmo lugar na actualidade. Á parte das obvias vantaxes que implica a urbanización do camiño, o cambio foi para mellor ou para peor?