Buscar neste blog

19 de xan. de 2009

A evolución do Comaira

Estado actual do Comaira

Detalle da restauración da "obra morta"

Continuamos a seguirlle a pista ao galeón Comaira, que está sendo restaurado por un grupo de mozos arousáns.

Inaugurado o Museo das Conservas

Numerosos veciños acudiron á inauguración o pasado 16 de xaneiro


Alción era unha das tres marcas que comercializaba Goday

A conselleira de Pesca, Carme Gallego, examina unha lata de conservas

O centro de Interpretación das Conservas, o primeiro museo da illa, xa está aberto ao público. A antiga fábrica de Goday, recoñecida como a pioneira das conserveiras galegas, servirá para a realización de actividades de divulgación sobre o mar e a pesca, e de testemuño do pasado industrial da illa.
No 1912, había instaladas no territorio insular tres factorías de conserva, catro de escabeche e outras tantas de salazón, que empregaban, directa ou indirectamente, a boa parte da poboación, que se contaba en 1.365 persoas. A gran crise da sardiña dos 40 iniciou o declive da industria conserveira, agudizado logo pola imposibilidade das factorías de adaptarse ás novas esixencias da Administración. A última fábrica en pechar foi a de Salvador Otero, no ano 2002.

16 de xan. de 2009

Veciños do Cabodeiro protestan polas expropiacións

Enfrontamento veciñal no Cabodeiro debido ás expropiacións
(foto de Iñaki Abella publicada no Faro de Vigo)

O alcalde frea a unha veciña afectada polas obras da estrada do Chufre
(foto de Martina Miser publicada en La Voz de Galicia)

O acto de colocación da primeira pedra da construción da nova estrada de acceso ao Chufre rematou cun enfrontamento entre militantes socialistas e veciños do Cabodeiro afectados polas expropiacións (unha das familias perderá a súa casa). A conselleira de Política Territorial, María José Caride, visitou onte a illa para presidir o inicio das obras, pero marchou antes do previsto debido ás protestas veciñais, nas que tamén se viu implicado o alcalde.
Na web oficial da Consellaría poden consultar todos os detalles técnicos da estrada, que desviará o tráfico pesado do centro urbano. As queixas non se mencionan.

15 de xan. de 2009

A Area da Secada: o mar



As praias da illa son aínda máis bonitas nesta época do ano, solitarias, baixo a luz invernal. As imaxes son da Area da Secada, hai uns días.

A Area da Secada: a terra

A herba medrou até adentrarse na praia

Coas chuvias, agroman os fungos