Buscar neste blog

28 de out. de 2008

Ven á vila

Á esquerda, Sabela Otero, unha das arousás que participa no concurso

O Canal Rías Baixas estrea este mércores 29 ás once e cuarto da noite o concurso televisivo “Ven á vila”, un programa destinado a promocionar o comercio vilagarcián no que participan dúas rapazas da Arousa, Sabela Otero e Gema Salgado. Un total de 12 parellas compiten contrarreloxo por localizar determinados artigos nas tendas de Vilgarcía e levalos de volta ao plató instalado na Praza de Galicia. En xogo hai un vale desconto, unha estancia nun hotel ou unha cea. Tras as cámaras, traballa na produción e na dirección de arte o arousán Antonio Millán.

20 de out. de 2008

Máis facilidades para a reciclaxe

O punto limpo


O punto limpo da illa, de titularidade municipal, xa está en pleno funcionamento en horario de mañá, os xoves e os sábados. Nestas instalacións, ubicadas preto do muíño do vento, poden deixarse obxectos voluminosos como mobles, colchóns e electrodomésticos, así como aceites, pinturas, pilas, restos vexetais e entullos de pequenas obras, entre outros materiais. Trátase do primeiro centro da illa de recollida de residuos especiais, aqueles que pola súa natureza non son obxecto de recollida diaria. Este novo servizo debería poñer fin aos vertedoiros incontrolados nos montes e nas praias.

Polbo á illa


Unha das receitas con máis sona da tradición culinaria carcamana é o polbo “á illa”, que consiste en acompañar o cefalópodo con patacas cocidas na auga onde previamente se cociñou o polbo. Esta técnica proporciónalles ás patacas unha cor rosada e un sabor característico. A caldeirada complétase cun rustrido de cebola e pemento doce.
As augas da illa foron noutros tempos moi abondosas en polbos, non é de estrañar que os seus habitantes desenvolvesen un xeito propio de cociñalo.