Buscar neste blog

30 de set. de 2008

Morriña da Arousa

Imaxe da illa publicada na revista Céltiga, en 1927


Nos anos 20, unha veciña da Arousa, Antonia Dios, escribiu na revista Céltiga de Bos Aires, un emotivo artigo no que expresaba a morriña que sentía pola súa vila natal. "Como me acosa o seu recordo querido!". Con emoción e saudade, Antonia explica como é a illa que deixou con trinta anos, e sobre todo, o carácter das súas xentes, "sinxelas e sinceras, en eterno contacto coa natureza". Pregúntase a autora se algún día volverá a ver a illa... Oxalá que o seu desexo se cumprira.

O concello queda sen web

No mes de setembro do 2007 asistimos ao lanzamento da web oficial do concello, con fotografías e contidos que pouco tiñan que ver coa realidade da illa. Logo duns retoques insuficientes, o sitio mantívose na rede sen actualizacións e novidades destacables, ata que deixou de estar operativo a comezos do verán de 2008. Agora, finalmente, o dominio http://www.concellodailladearousa.com/ xa non conduce a ningunha parte.

22 de set. de 2008

Lavadoiros

Lavadoiro do Río

Lavadoiro de Palmeira

O persoal do obradoiro Nordés anda a traballar na rehabilitación do lavadoiro público das Laxes, que foi derruído por completo para elevalo ao nivel da Avenida da Ponte. A construción da estrada deixara este humilde lavadoiro de tellado de uralita agochado e esquecido. Agora semella que vai correr mellor sorte e que lucirá con materiais máis nobres.
Na illa hai outros dous lavadoiros máis, o de Palmeira, que é quizais o que mellor se conserva e continúa a manter a fonte natural de auga. E o do Río, un curruncho con moito encanto que foi estragado hai uns anos cunha desafortunada reforma, que soterrou con cemento o rego do pilón polo que fluía a auga.

Novos vídeos no youtube



A empresa promotora do centro comercial "Isla de Arosa Center", colgou na rede unha chea de vídeos da illa, como parte da promoción da venda de apartamentos e locais comerciais. A praia do Bao, os xardíns do Concello, a Area da Secada e o parque natural de Carreirón son algúns dos espazos que dá a coñecer, para espertar o interese dos inversores. O vídeo máis rechamante é o de “proyectos en la isla de Arosa”, confeccionado con retallos da cinta propagandística que o PSOE local distribuíu na campaña electoral das pasadas eleccións municipais.

18 de set. de 2008

Veciños das Laxes solidarízanse cunha conveciña en cadeira de rodas

Os veciños das Laxes reclamaron no Concello que se asfaltase o camiño de servidume

Veciños e propietarios do terreo enfrontáronse ante as cámaras de "España Directo"


A veciña en cadeira de rodas sae da casa, unha vez que lle arranxan o camiño


Un grupo de veciños das Laxes reivindicou hoxe no concello, e ante as cámaras do programa televisivo España Directo, que se asfaltase o acceso á casa dunha veciña, que está en cadeira de rodas. Aínda que as autoridades municipais intentaron atender esta solicitude anteriormente, trátase dun camiño de servidume cuxos propietarios se opoñían ás obras. Finalmente, a presión cidadá e a atención mediática desencadearon o inmediato acondicionamento do terreo, ante o aplauso dos veciños e a ira dos propietarios.

Tanto no conflito da fonte do Charco como agora no conflito do camiño das Laxes, púxose de manifesto a solidez das redes de solidariedade veciñal na illa. A falta de asociacións de veciños, ás persoas que queren facer valer as súas reivindicacións non lles queda outra que chamar de porta en porta e organizar un acto de protesta colectiva no concello. Trátase dunha canle de participación informal, pero eficaz.