Buscar neste blog

18 de set. de 2008

Veciños das Laxes solidarízanse cunha conveciña en cadeira de rodas

Os veciños das Laxes reclamaron no Concello que se asfaltase o camiño de servidume

Veciños e propietarios do terreo enfrontáronse ante as cámaras de "España Directo"


A veciña en cadeira de rodas sae da casa, unha vez que lle arranxan o camiño


Un grupo de veciños das Laxes reivindicou hoxe no concello, e ante as cámaras do programa televisivo España Directo, que se asfaltase o acceso á casa dunha veciña, que está en cadeira de rodas. Aínda que as autoridades municipais intentaron atender esta solicitude anteriormente, trátase dun camiño de servidume cuxos propietarios se opoñían ás obras. Finalmente, a presión cidadá e a atención mediática desencadearon o inmediato acondicionamento do terreo, ante o aplauso dos veciños e a ira dos propietarios.

Tanto no conflito da fonte do Charco como agora no conflito do camiño das Laxes, púxose de manifesto a solidez das redes de solidariedade veciñal na illa. A falta de asociacións de veciños, ás persoas que queren facer valer as súas reivindicacións non lles queda outra que chamar de porta en porta e organizar un acto de protesta colectiva no concello. Trátase dunha canle de participación informal, pero eficaz.

Unha casota arbórea

Casota no Lagartiño

Na illa chámaselles “casotas” aos refuxios que constrúen os rapaciños, xeralmente no monte, camuflados entre árbores e silvas, con pretensión de lugar secreto de reunión e de xogos. Esta que ven na imaxe, no Lagartiño, non é unha casota ao uso, pola sofisticación da construción, enriba dun piñeiro, e o visible que é desde o camiño.

16 de set. de 2008

As protestas dos bateeiros radicalízanse

Ao fondo, os antidisturbios, que cargaron sen miramentos contra os bateeiros

Os piquetes tentaron impedir o paso dos camións que transportaban mexillón

Numerosas persoas da illa achegáronse ata Vilanova, para apoiar os manifestantes

As accións dos piquetes radicalizáronse


Despois de sete semanas de mobilizacións, negociacións, piquetes, manifestos e folgas, o sector mexilloeiro acusa o desgaste. Sen vender e sen lograr un acordo de consenso que una a todo o sector, os bateeiros amosaron hoxe no porto de Vilanova a súa desesperación. Centos de produtores afíns a Pladimega concentráronse desde primeiras horas da mañá no peirao vilanovés para impedir que Virxe do Rosario vendese mexillón aos cocedeiros, burlando a folga. Os piquetes, que trataron de frear o transporte da mercadoría, foron contestados cun contundente dispositivo de antidisturbios. Os enfrontamentos entre ambos os dous bandos sucedéronse durante todo o día e recibiron amplo eco mediático. Á tardiña, os directivos das diferentes asociacións que integran a central reuníanse de urxencia en Vilagarcía, á procura dunha saída ao conflito.

A competencia entre as diversas agrupacións de mexilloeiros desplomou no último ano o prezo do molusco ata mínimos que chegaron aos 20 céntimos o quilo, unha tarifa insostible para un pequeno produtor. O descenso das vendas, debido á masiva entrada de mexillón foráneo, e o incremento do prezo do gasóleo, sementaron o resto das condicións para que o sector entrara en crise.

Neste contexto, unha representación maioritaria dos sector decidiu crear unha plataforma unitaria de comercialización do mexillón, “Pladimega”, para fortalecer o conxunto dos produtores, cun reparto equitativo das vendas por batea e uns prezos fixos. Pero non a todas as agrupacións lles pareceu boa a idea.

Os actores do conflito mexilloeiro

Concentración de bateeiros, este mediodía no porto de Vilanova
 
PLADIMEGA. (Plataforma de distribución de mexillón de Galicia). Central de compras de nova creación que pretende implantar un sistema de vendas unitario para a comercialización do mexillón en Galicia, cun reparto xusto e equitativo por batea. Está constituída por diversas asociacións de mexilloeiros, que representan ao 80% do sector, con 2.300 bateas das máis de 3.000 existentes.
Tras frustrados intentos, Pladimega non conseguiu integrar a tres colectivos, Cons do Udra, Virxe do Rosario e Federación Arousa Norte. Cada un esgrime os seus motivos para non sumarse á central, aínda que fontes do sector sinalan tamén outra motivación: vender por baixo dos prezos que fixe Pladimega para acaparar mercado.
 
CONS DO UDRA. Colectivo de bateeiros da ría de Vigo no que conflúen latifundistas e minifundistas. A metade das bateas asociadas pertencen a moitos pequenos propietarios, mentres que a outra metade concéntrase nas mans duns poucos socios. Estes últimos son os que levan a voz de mando. O principal directivo é Amador Mallo, quen mantivo en vilo ao sector mexilloeiro, ao anunciar a integración de Cons do Udra en Pladimega, para logo recuar. Particularidades: Cons de Udra conta cun mexillón de calidade, con moi boa saída no mercado; por outra banda, a ría de Vigo adoita estar pechada por toxina con máis frecuencia que noutros polígonos. Motivos para non sumarse a Pladimega: un propietario con setenta bateas pódese permitir rebaixar o prezo do mexillón, porque o gran volume de facturación asegúralle, igualmente, beneficios. De todas maneiras, Cons do Udra non está interesado nunha venda centralizada que lle obrigue a esperar a quenda, xa que sempre é o primeiro en vender.  
 
VIRXE DO ROSARIO. Asociación con sede en Vilaxoán, que agrupa a unhas 50 bateas da ría de Arousa O seu dirixente é Javier Blanco, "JB", coñecido no sector pola súa inclinación a facer declaracións incendiarias á prensa.
Particularidades: Virxe do Rosario estase a converter nunha das caras máis visibles do conflito, feito que comeza a desagradar a algún dos socios. Motivos para non sumarse a Pladimega: Virxe do Rosario defende que as descargas para “provisión propia” (as agrupacións que contan con depuradora propia autoabastécense de mexillón) contabilicen no cupo adxudicado a cada agrupación, para evitar que unhas vendan máis ca outras. 
 
FEDERACIÓN AROUSA NORTE. Agrupación de bateeiros con sede en Boiro, liderada por Manuel Franco. O reparto dos pedidos entre os socios non se fai por orde de listaxe. Cada socio negocia individualmente nos cocedeiros a saída do seu mexillón. Particularidades: Arousa Norte vende molusco “en bloque”, en grandes cantidades e a granel, con prezos á baixa. Motivos para non sumarse a Pladimega: rexeitan o plantexamento de Pladimega sobre unha única roda de reparto dos pedidos e defenden a comercialización do mexillón baseándose en tres calidades diferentes.

15 de set. de 2008

A Lavanqueira e o Comaira, case listos

Á Lavanqueria xa só lle faltan os detalles (imaxe collida do blog de Fasquía).

O estaleiro de Manuel Mougán, na praia de Riasón, xa rematou a construción da Lavanqueira, unha dorna de tope encargada pola asociación Fasquía, no marco do proxecto de recuperación de embarcacións Desafío a tope. No blog de Fasquía podedes ver unha completa reportaxe fotográfica dos traballos de carpintería, desde os inicios ata o final, acompañada de explicacións técnicas.

Mentres, a poucos quilómetros de distancia, avanza a bo ritmo a restauración do galeón Comaira, no estaleiro de Evaristo de Castrelo. Un grupo de mozos da illa está arranxando este antigo barco de batea, coa intención de dotalo de vela, tal e como lucía orixinariamente.