Buscar neste blog
14 de xan. de 2008
Peixe fresco
Unha maragota xeitosa
Corbelos, fanecas e maragotas son algunhas das especies de peixe que podemos atopar todo o ano na praza (ou na porta da casa, se pasa a peixeira). Captúranse coas betas, os tramallos ou á liña. Denomínanse corbelos aos badexos pequenos, e o prezo do quilo anda polos dez euros. A maragota é algo máis barata ca os anteriores –custa un seis euros- ten máis espiñas, as escamas tamén son máis duras e, porén, a comida é máis branda. As fanecas andan polos cinco euros.
3 de xan. de 2008
Tardes de inverno
Logo dun outono seco e dun comezo de inverno de tardiñas de sol, xa chegaron a tronada, o frío e as chuvias. Esta mañá mesmo asomou a saraiba. Aos previsores, que xa tiñan o estramio apañado, non lles colleu de sorpresa, por sorte para algunhas galiñas.
De volta do piñeiral da Area da Secada
Unhas que precisan estramio
2 de xan. de 2008
Aínda queda o patrón
Á parte da exaltación relixiosa, e de andar de bares da mañán á noite nada máis rematar as farturentas festas do Nadal, ¿podería, a celebración de San Xulián, converterse en algo máis? Ábrese o concurso de ideas.
Adxudicados os novos obradoiros
Obradoiro de construción naval con poliéster.
Imaxe collida desta web
A convocatoria para cubrir prazas nos obradoiros de emprego que organiza o concello resolveuse hai unhas semanas, con alegría para uns e disgusto para outros. Máis dun cento de solicitudes para apenas cincuenta prazas amosan o interese que esperta esta actividade de formación remunerada (uns 900 euros mensuais), que inclúe módulos de albanelería, carpintería, construcción naval, xardinería e canteiría. Os obradoiros, dirixidos principalmente a mulleres novas, ofrecen a oportunidade de aprender un oficio en horario de mañá e traballar na recuperación e no coidado do patrimonio público.
Un caramelo que todos queren nunha vila na que o emprego para as mulleres, máis alá da precaria hostalería, escasea.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)