Buscar neste blog

26 de nov. de 2007

¿Isto é un reloxo de sol?


Ás catro da tarde, as árbores do atrio proxectaban a súa sombra sobre as paredes da igrexa; e nunha das pedras, curiosamente orientada de diferente xeito que as outras, un pequeno arame tamén facía sombra no lugar das catro nunha esfera imaxinaria. ¿É este o reloxo de sol da igrexa?

25 de nov. de 2007

O legado de Camilo Otero

Estas dúas esculturas que mostran as imaxes están atribuídas ao artista compostelán Camilo Otero (1932-2003), que esculpiu por iniciativa propia varios cons na Arousa. No alto do Con do Forno, baixo o sinal xeodésico, tamén se aprecia na pedra a cara dunha muller, que podería ser obra do mesmo escultor.

O "afogado", na punta do Aguiuncho. Cando enche o mar, a cara asoma entre a auga



Detrás do Con do Forno atópase esta escultura que representa a unha muller ou un home inclinado, cun animal (pode ser a cabeza dun can, dunha ovella) entre os brazos

22 de nov. de 2007

¿U-la cruz do Aguiuncho?


Xa hai anos que desapareceu a cruz de pedra da punta do Aguiuncho. ¿Que sería dela? ¿E por que motivo habería alí unha cruz?

21 de nov. de 2007

Pendentes do rato

Para os bateeiros máis informados xa é algo habitual seguir a evolución dos ratos que se usan no laboratorio do Intecmar para detectar a presenza de toxina diarreica no mexillón; se o rato morre “antes de tempo”, párase a actividade. Así é que non é de estrañar que entre broma e broma, haxa quen dubide das causas do falecemento do furón “¿a ver se vai ser da pinchada?”.
Retrancas á parte, o sistema de información do centro de análise é eficaz e bota man da última tecnoloxía. Os resultados dos bioensaios poden seguirse en liña, así como o estado dos polígonos de bateas, na actualidade todos abertos. E cando se pecha ou se abre un polígono afectado pola “DSP”, as agrupacións de mexilloeiros reciben notificación por SMS.