Bochornosa a cobertura que
La Voz de Galicia, a través da súa delegación de Vilagarcía, está a ofrecer sobre o caso da morte de Christian Willisch, cunha liña editorial que semella dirixida a presentar unha Arousa, e en concreto a mocidade e os amigos da vítima, como unha panda de vultos de costumes primitivas e mafiosas. Hoxe domingo temos unha mostra
nesta crónica sensacionalista na que se escolle para o titular a palabra “vendetta”. Se len a información, verán que en realidade é unha burbulla na que non hai nada de interese que contar á parte do gran despregamento policial, e unha sarta de rumores que nunca deberían constituír a base dunha noticia.

Por outra banda, a
crónica das protestas do xulgado, que publicaron días atrás, causou unha gran indignación entre moita xente da Arousa. O ton, totalmente desagradable, non pasa ningún filtro de rigor profesional e non aguanta as comparacións coas noticias que no mesmo día publicaron
outros xornais.
É certo que os rapaces perderon os nervios, que houbo insultos, empuxóns e que mesmo chegaron a proferir ameazas. Pero nunha situación de tanta dor e tensión e tratándose de rapaces novos, é ata certo punto comprensible e hai que entendelo como un acto de desafogo que xurdiu espontaneamente e que non ten por que ir a máis. É lamentable que os xornalistas non foran capaz de velo.
En ningún momento se tenta facer un achegamento comprensivo á situación que viviron uns rapaces que presenciaron a morte dun amigo nunhas tristísimas circunstancias. En toda a noticia, as declaracións que se destacan entre comiñas serven unicamente para incidir e recrearse na idea de "vinganza", chegando mesmo a interpretacións e xeneralizacións fóra de lugar como a que destacamos na imaxe:
Tampouco os tres implicados no acoitelamento se zafaron dos tópicos da prensa local. As vidas de dous deles descríbense cunhas interpretacións tendentes ao drama. Sobre o Cuco, o xornal recolle no titular, como dato básico, que andaba "con malas compañías". É para preguntarse que clase de compañías serían esas, ou incluso se non sería el a mala compañía.

Do Cuco destacan ademais que é de "familia humilde". De ningún dos rapaces se di algo semellante, ¿que considerarán estes xornalistas unha familia humilde?. Debemos deducir desta aclaración que o nivel económico da súa familia é moi inferior ao do resto dos seus veciños e condicionou a vida do rapaz de xeito irremediable?. Pola súa parte, Abraham é definido como un "rapaz sen oficio coñecido" (cantos rapaces de 18 anos hai sen oficio coñecido??), e segundo os xornalistas, cunha historia familiar "tamén triste" porque lle morreu o pai hai anos. A cantas persoas lles morreu o pai a unha idade nova?.