Buscar neste blog

3 de xuño de 2007

A illa dos cons

O Con de Tres Pes, en perfecto equilibrio

Cons e penas teñen nome propio na illa. A situación das pedras debeu ser noutro tempo un importante referente xeográfico para orientarse e sinalar lugares, de xeito que a nosa microtoponimia recolle moitas mostras destes nomes, aínda que nalgúns casos xa non exista o con que deu lugar á denominación. Estes son algúns dos nomes que fan referencia ás pedras:

Con de Navío
Con de Tres Pés
Con do Forno
Con do Sol
Con do Moucho
Con Retellado
As Laxes
Laxe do Pan
As Penas
Pedracerrada
Pedrouzos

1 de xuño de 2007

As imaxes do camiño que vai á Praia do Peixe non precisan comentarios



30 de maio de 2007

A desfeita -oficial- de Gradín

Os veciños da Illa de Arousa lideran nos últimos anos as estatísticas de reciclaxe en Galicia. A maioría dos fogares teñen interiorizado o hábito de separar o plástico e o vidro do lixo. Ademais, o Concello foi pioneiro no ano 1999 ao introducir a compostaxe –no marco do programa Life da UE– para tratar os residuos orgánicos domésticos e convertelos en abono. Con estes precedentes, non se entende o que está pasando na zona de Gradín.
¿Como é posible que os residuos urbanos do Concello se guinden e se queimen nunha praia?. A liña de costa comprendida entre Gradín e a Praia do Peixe está a sufrir unha desfeita ambiental irreparable, e para canto máis, con impunidade: vertidos das depuradoras próximas, movementos de terra, vertedoiros de lixo incontrolados e “controlados”... e por se fora pouco, está proxectada na zona a construción dun parque industrial, de dubidosa contribución económica ao desenvolvemento da vila. ¿Que mellor investimento para o futuro que a conservación da paisaxe?

Eis onde se "tratan" os residuos urbanos da Illa de Arousa

Gradín amosa un preocupante deterioro nos últimos anos

28 de maio de 2007

Análise: Os resultados electorais (II)


O PSOE recunca na alcaldía
A candidatura do PSdG-PSOE, encabezada polo actual alcalde, José Manuel Vázquez, acadou a maioría absoluta ao conseguir 6 dos once concelleiros. Os socialistas controlarán a alcaldía por terceira lexislatura consecutiva e logran mellorar os resultados das eleccións municipais de 1999 e de 2003, nas que obtiveron 5 concelleiros, aínda que en número de votos o incremento é so de 87 papeletas. O descontento veciñal pola política urbanística non desgastou o partido tradicionalmente máis votado.

O PP sobe en votos, pero non en concelleiros
O Partido Popular da Illa revalida os catro concelleiros que xa acadara nas municipais anteriores. Aínda que é a forza que máis sobe, ao lograr 180 votos máis que nos comicios de 2003, este incremento non foi de abondo para lograr ese quinto concelleiro que lle roubaría a maioría absoluta aos socialistas. O PP desenvolveu unha intensa campaña electoral na que se implicou directamente o presidente da Deputación de Pontevedra, Louzán.

O BNG recupera electorado
Aínda que mantén un único concelleiro, o Bloque Nacionalista Galego é, despois dos populares, a forza política que máis medrou nestas municipais, ao pasar de 274 votos en 2003, aos 437 actuais. O cabeza de lista, Carlos Otero, case logrou dobrar o apoio do electorado na primeira vez que concorre ás municipais. Porén, o seu partido deixa de ser “chave” no concello arousán. Os mellores resultados desta forza foron en 1999, cando acadou 469 votos.

Análise: Os resultados electorais (I)


Masiva participación
Nas tres convocatorias de eleccións municipais que transcorreron desde que se constituíu o Concello da Illa, o electorado acudiu masivamente a votar. Se en anteriores comicios se rexistrou un alto índice de participación (o 85,2% en 2003, e o 83,3% en 1999), nesta cita electoral acudiron ás urnas o 86,07% dos votantes. O censo está composto de 3.998 persoas.

Menos partidos
Esquerda Unida non presentou candidatura nestas eleccións municipais (122 votos en 1999 e 72 en 2003), nin tampouco Independentes da Illa, que deu a sorpresa nos comicios de 2003 ao lograr un concelleiro a primeira vez que concorría á alcaldía. É posible que a lei D’Hont, que prexudica os partidos menos votados, desanime á presentación de novas candidaturas.