Buscar neste blog

26 de mar. de 2007

Adeus a unha xeración de panadeiros


A panadería Alfonso, máis coñecida pola de “Pacholo”, pechou para sempre o primeiro de marzo. O panadeiro, Alfonso, cansou dun oficio que non coñece festas nin domingos, e ninguén da súa familia quixo continuar o negocio. Pacholo –a el non lle gusta este alcume- era o panadeiro máis reputado da Arousa: as súas empanadas eran as máis demandadas na fin de semana; as súas roscas, as máis vendidas na Semana Santa; o seu pan de ovos, o máis aprezado no San Xulián. Co adeus de Pacholo, despedímonos tamén para sempre dun sabor, e dunha xeración de panadeiros que iniciara seu avó. Marchou deixando a súa clientela en mans da cadea “La boutique del pan”.

25 de mar. de 2007

Sálvora, primeiro dun marqués, agora dun banco

Imaxe de Sálvora do Google Earth

Caixa Galicia vén de mercar a illa de Sálvora por seis millóns de euros coa intención, disque, de desenvolver un proxecto medioambiental “modélico”. A prensa encargouse de presentar esta adquisición como a mellor das solucións posibles para este arquipélago que fai parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e que estaba cobizado por diversas empresas. Resulta anacrónico que un marqués posúa e lle venda unha illa protexida a un banco, pero aínda é máis difícil de entender a decisión da Xunta de Galicia de renunciar ó seu dereito de adquisición preferente, cando no caso da Illa de Cortegada, que pertence a unha inmobiliaria e tamén forma parte do mesmo parque natural, mantén aberto un proceso de expropiación. ¿Por que a Xunta non se interesou por Sálvora?

24 de mar. de 2007

A sombra do narcotráfico

Esa columna de fume que asoma tras o barco bateeiro que leva anos abandonado no Bao -auténtico símbolo de entrada á Illa de Arousa- corresponde á planadoira que se incendiou ou incendiaron sen tripulantes o pasado 22 de marzo en augas da Illa de Arousa. A “lanzadeira" de 9,5 metros de eslora e tres motores de 250 cabalos ía cargada ata os topes de gasolina, polo que se deduce que non chegou a completar a operación de narcotráfico para a que ía ser utilizada. Na praia da Sapeira atopouse o remolque co que probablemente se trasladou a planadoira.
Ante estes feitos, mellor deixar cantar ós Debuxos Reanimados, que nos interpretan neste vídeo de Luar o narcocorrido de Benigno Maquieira, que repartía cocaína por toda a ría de Arousa. (Para non papar todo o programa, avancen o reprodutor ata a hora 2.57 ).

19 de mar. de 2007

Pola recuperación do maltratado Portiño

Antiga fábrica conserveira, actualmente convertida nun almacén de materiais de construción. O vello peirao, abandonado, está totalmente derruído

Acceso ao Portiño desde a rúa do Charco. O escaso areal que quedou libre de cemento, ao fondo, está cheo de restos de cerámica.


No medio dos cons, cheos de piche, hai todo tipo de ferrallas

No Portiño aínda queda un pequeno campiño sen edificacións


A magnífica posta de sol que ofrece a zona

Cando as autoridades competentes se decidan a recuperar ambientalmente a liña de costa comprendida entre O Regueiro, O Portiño, Sucabirto e a Abilleira pequena (e por recuperar non se entende facer un paseo marítimo de cemento); e cando os veciños deixen de botar cascallos e maltratar a praia, amosarase ante nós toda a fermosura desta zona de cons, onde cada posta de sol se converte nun impresionante espectáculo da natureza.
O Portiño demostrou, ademais, unha excelente capacidade de recuperación cando, logo de moitos anos de vertidos directos de augas fecais, que cubriron a area de sudre, se instalou o caño de augas depuradas. Cun bo plan de actuación, ata se poderían habilitar zonas de baño urbanas decentes.

16 de mar. de 2007

Pregóns dunha caracola... e A Ghrañola

[Helena Domínguez] Pregones de una caracola y narraciones de un grumete é probablemente a única novela que existe inspirada abertamente nas xentes e no xeito de vida da Arousa; unha Arousa case irrecoñecible hoxe en día. Escribiuna Juan Otero Dios "Nitucho", estando en Huelva en 1966, e constitúe unha xoíña por todo o que nos conta daqueles anos.

Polas páxinas do libro desfilan personaxes e reais, desde o fareiro mallorquín que asistía a tódolos enterros, ata os "foleiros" que viñan da Pobra do Caramiñal traer fariña, ou o propio tío do autor, Manuel "Mighalla", un xubilado a quen os fillos lle tiñan que agochar a vela da dorna para que non saíse ó mar e puxese a súa vida en perigo.

Un dos capítulos está dedicado a María "A Ghrañola", unha extravagante e entrañable muller, cuxo recordo permanece vivo na memoria popular colectiva.  Nos seus delirios, A Ghrañola soñaba con casar cun príncipe inglés. E cando a escuadra inglesa asomaba pola ría  rumbo a Vilagarcía,  corría a poñer as súas mellores galas e a encherse de colares e aneis. Aínda hoxe se lle pode escoitar a algunha vella dicir "pareces María A Ghrañola" cando alguén vai moi recargado no vestir.

O autor do libro, "Nitucho", era fillo de Luis Otero Maestú , coñecido pola xente como "Juanito de Luisa" (aínda que non tivera que ver co seu verdadeiro nome; estas cousas pasan na Arousa). Nado na illa e finado en Huelva, Juanito de Luísa rexentou durante anos unha taberna no Nicho, onde ademais de exercer de taberneiro, cultivou a arte da escritura. Letrista da comparsa O Cano e poeta, pódese dicir que exerceu de cronista oficial da Arousa. Estes versos que reproducimos aquí, incluídos en Pregones de una caracola y narraciones de un grumete, dedicoullos a María a Ghrañola:

Soñando en ser reina ou princesa un día,
chegou a ser vella "María Grañola",
pois naceu a probe con esa manía,
porque quixo Dios que nacera tola

Con ser unha humilde moza costureira,
imperal quimera na cabeza arrola,
e sobrevivindo á familia enteira
chegou a toparse no mundo moi sola.

E, sendo xa vella, cuase outogenaria,
aquela flor, murchada pola desventura
topou en Cambados –vila hospitalaria-
a mansión soñada na súa loucura.

Dinde logo Reina María non é
pero mesmamente com'unha Princesa,
habita o Palacio de Santo Tomé,
que donou pr'asilo, cristiana marquesa.