Buscar neste blog

29 de nov. de 2006

A Arousa, segundo Teixeira

Este mapa da ría de Arousa de 1634 é obra de Pedro Teixeira, un cartógrafo portugués que realizou un atlas de España por encargo do rei Felipe IV. Na illa aparece representado un edificio que Texeira identifica no atlas como "unha granxa e recreación dos monxes de San Benito", encargados desde o século X de explotar as salinas. Teixeira realizou unha vintena de mapas da costa galega.

8 de nov. de 2006

En lembranza de Evaristo O Mudo


Esta é só unha pequena mostra da obra de Evaristo "O Mudo”, tal e como era coñecido na Arousa. As paisaxes mariñeiras da illa, as súas xentes, o mar… están retratados na súa pintura cunha sensibilidade que conmove. Este pintor autodidacta era, a pesares das súas limitacións, un artista completo que tamén fixo escultura en pedra e en madeira, aínda que disto practicamente non se conserva nada porque no seu día ninguén lle deu valor. Comezou a pintar sendo novo, así que deixou centos de cadros que el mesmo “malvendía” por toda a comarca. Como a moitos outros artistas, a Evaristo “O Mudo” (illa de arousa, 1932-vigo 1997) chegoulle o recoñecemento despois de morto, cunha fermosa mostra de pintura que por primeira vez reuniu parte da súa obra, espallada en mans privadas; o recoñecemento "oficial" porque o da xente que o tratou sempre o tivo.

22 de out. de 2006

A ditadura do metro cadrado


[Susi Rial] Nos últimos anos, a Illa está asistindo a un fenómeno que nunca antes se vira. En 2002 aprobouse o plan xeral de ordenación municipal (PXOM). Os plans xerais son eficaces en canto garantan a preservación dos espazos naturais e unha planificación consensuada e lóxica co territorio. Mais estas cuestións son invisibles na realidade. Trala aprobación do PXOM prometéronse prazas, bibliotecas, museos, polideportivos... mais o único visible, catro anos despois, son unha enchente de edificios de vivendas. As rúas foron invadidas por carteis de pisos en venda e edificios de próxima construción, e a paisaxe convive agora con moreas de grúas, incluso demasiadas para un territorio de reducidas proporcións. ¿Imos cara o modelo de San Xenxo?

15 de set. de 2006

Requiem pola punta do Furado


Nas imaxes apréciase a proximidade do valado ó mar. Coa autorización dos responsables municipais, pronto comezará a construción dun gran bloque de pisos “de luxo”, case enriba da praia do Cabodeiro. Onde agora está o valado, antes había un pinar aberto ó mar. Nin Lei de Costas, nin vergoña!