Buscar neste blog

8 de nov. de 2006

En lembranza de Evaristo O Mudo


Esta é só unha pequena mostra da obra de Evaristo "O Mudo”, tal e como era coñecido na Arousa. As paisaxes mariñeiras da illa, as súas xentes, o mar… están retratados na súa pintura cunha sensibilidade que conmove. Este pintor autodidacta era, a pesares das súas limitacións, un artista completo que tamén fixo escultura en pedra e en madeira, aínda que disto practicamente non se conserva nada porque no seu día ninguén lle deu valor. Comezou a pintar sendo novo, así que deixou centos de cadros que el mesmo “malvendía” por toda a comarca. Como a moitos outros artistas, a Evaristo “O Mudo” (illa de arousa, 1932-vigo 1997) chegoulle o recoñecemento despois de morto, cunha fermosa mostra de pintura que por primeira vez reuniu parte da súa obra, espallada en mans privadas; o recoñecemento "oficial" porque o da xente que o tratou sempre o tivo.

22 de out. de 2006

A ditadura do metro cadrado


[Susi Rial] Nos últimos anos, a Illa está asistindo a un fenómeno que nunca antes se vira. En 2002 aprobouse o plan xeral de ordenación municipal (PXOM). Os plans xerais son eficaces en canto garantan a preservación dos espazos naturais e unha planificación consensuada e lóxica co territorio. Mais estas cuestións son invisibles na realidade. Trala aprobación do PXOM prometéronse prazas, bibliotecas, museos, polideportivos... mais o único visible, catro anos despois, son unha enchente de edificios de vivendas. As rúas foron invadidas por carteis de pisos en venda e edificios de próxima construción, e a paisaxe convive agora con moreas de grúas, incluso demasiadas para un territorio de reducidas proporcións. ¿Imos cara o modelo de San Xenxo?