Buscar neste blog

15 de set. de 2006

Requiem pola punta do Furado


Nas imaxes apréciase a proximidade do valado ó mar. Coa autorización dos responsables municipais, pronto comezará a construción dun gran bloque de pisos “de luxo”, case enriba da praia do Cabodeiro. Onde agora está o valado, antes había un pinar aberto ó mar. Nin Lei de Costas, nin vergoña!

24 de ago. de 2006

Ladrillo de tempada


Un recente informe de Greenpeace, titulado Destrucción A Toda Costa 2006, alerta dos plans urbanísticos desmedidos que ameazan con desfigurar o litoral galego. Entre os puntos negros sinalados, aparece a Illa de Arousa, onde a edificabilidade aumentou un 200%. Non hai más que botarlle un ollo á cantidade de grúas e de bloques de pisos en construción que hai na vila para quedar asombrado. "E case todos son comprados por xente de fóra", comentan veciños indignados. E que a maioría destes pisos están deseñados para “veraneantes”: 50 metros cadrados útiles a unha media de vintedous millóns das vellas pesetas; un tamaño e prezo que non se axusta nin ás necesidades nin ás posibilidades dunha familia media autóctona.

21 de ago. de 2006

Fotomontaxe do Areoso

Nos veráns é habitual que os mariñeiros da Arousa vaian de vez en cando ao Areoso a comer de praia ou a pasar unha tarde coa familia. Para chegar ao illote usan as embarcacións das que dispoñen para traballar, normalmente barcos de batea (4ª lista) ou planadoiras (3ªlista). Este ano, por primeira vez, a Garda Civil está a impedir o acceso á pequena illa de dunas, poñendo multas ás embarcacións de pesca. Ao parecer, as autoridades competentes queren controlar o tráfico nesta fermosa zona, incluida na rede Natura. Sen embargo, si se permite a chegada á illa de embarcacións de recreo matriculadas na 6ª e 7ª lista (pesca recreativa e actividades turístico deportivas). Así, mentres que os mariñeiros son expulsados do Areoso, si se permite disfrutar do illote aos turistas dos iates. É como se che din que, para reducir o tráfico nas estradas, só podes ir en Mercedes.

12 de ago. de 2006

¿Os de sempre?

Imaxe retocada sobre a orixinal de R. Estévez
publicada no Faro de Vigo

Esta mulleriña menuda, de loito de pés a cabeza, co seu bolso de “ghanchete", está acusada de provocar varios incendios en Ponteareas, ao parecer, para facerlles mal a uns veciños cos que non se entendía por un problema de terras. Entre os 40 detidos hai varios anciáns coma esta pobre vella de 72 anos, que probablemente non ten o seu sentido…támén hai algún menor, persoas con deficiencias, ex brigadistas… segundo os expertos, “o perfil de sempre”. Miles de hectáreas calcinadas nunha semana e catro persoas mortas ben merecen unha explicación máis complexa que “os de sempre”.