Buscar neste blog

2 de ago. de 2009

Como facer unha pisallada

Coas amoras pódese facer pisallada ou marmelada

Primeiro, búscase unha compaña agradable e, a poder ser, de boa estatura (as mellores amoras teñen a manía de medrar no alto). Logo localízase unha zona na que haxa abondosas silvas. Entre conversa e conversa, apáñanse as amoras, dándolles preferencia a aquelas máis grandeiras, maduras e que non estean comestas polos bechos. Xa na casa coa bolsa chea, lávanse ben os froitos para retirarlles o po. Esmigállase o miolo de media barra de pan do día (a codia non se aproveita). Cun tenedor, machúcanse as amoras coa miga e azucre a gusto, ata que non quede ningunha frangulla de cor branca. A pisallada está lista para servir e compartir.

30 de xul. de 2009

Nomes e voces: as vítimas da Arousa

Fragmento dunha imaxe do álbum "Debuxos da Guerra", de Arturo Souto


Xa está publicado na rede o primeiro censo de represaliados en Galicia entre 1936 a 1939, no que figuran varios veciños da Arousa. A base de datos forma parte dunha investigación histórica máis ampla, denominada "Nomes e Voces", iniciada no 2006 a través dun convenio das tres universidades galegas coa consellería de Cultura, co obxectivo de estudar a represión durante a guerra civil. Na listaxe aparecen as seguintes vítimas, segundo se busque por nacemento ou por veciñanza:

Nacidos na Arousa
: os irmáns Antonio e Juan Sanes Otero, Luis Castro Lojo, Francisco Vázquez Vázquez, todos eles paseados; Manuel Chaves Dios (preso), Narciso Suárez Lojo (executado) e Victoriano Bóveda Iglesias (procesado).

Con veciñanza na Arousa: os mestres Antonio Gestal (sancionado) e Luis de Saa (preso), Avelino Fuentes (procesado); Benito Allo Cores, Juan Rial García, Luis Bóveda Iglesias (presos); José Besada Nieto (executado), José Búa Laredo, Marcelino Dacosta Bravo (paseados). E Santiago Otero Pajares, que foi paseado e fondeado na ría e consta como “desaparecido”.

O censo tamén inclúe a Esteban Picón, asasinado e botado ao mar no Aguiuncho, aínda que non aparece relacionado directamente coa Illa de Arousa.

Poden enviar correccións e nova información para completar a base de datos a través do correo: memoriaguerracivil@usc.es

Unha vez máis, sobre este tema, remitímolos á canción Mártires de Arousa.

29 de xul. de 2009

O monumento de Fraga

Placa de inauguración do paseo do Cantiño


De todos é coñecida a pouca estima que Manuel Fraga lle profesou ao pobo da Arousa; segundo a lenda popular, a raíz dun desaire que sufriu en 1985, durante a inauguración da ponte, sendo presidente de Alianza Popular. As sucesivas victorias socialistas na illa non deberon axudar a amainar o rancor do de Vilalba, quen no seu longo mandato á fronte da Xunta non só rareou os investimentos locais, senón tamén as súas aparicións. Fraga visitou a illa en escasas ocasións, e sempre dun xeito rápido e sen moita publicidade. Un día, anos despois da inauguración do paseo marítimo do Cantiño, erixiron este triste e aparatoso monumento-placa co seu nome estampado. Non o estreou no seu tempo, nin coa cerimonia que a el lle gustaría. Pero aí quedou o armatoste para a posteridade.