Buscar neste blog

26 de abr. de 2008

Magirus Deutz

O camión de protección civil, diante da lonxa vella

De todos os vehículos cantos circulan habitualmente pola Arousa, non hai ningún con tanta personalidade –toda a que pode chegar a ter unha máquina– como o camión Magirus Deutz de protección civil. A marca alemana Magirus Deutz é un clásico dos camións de loita contra incendios e conta con moitos admiradores no mundo do motor. O Magirus da Arousa ten pinta de ter máis de 30 anos e aínda cumpre co seu traballo.

Como se constrúe unha dorna de tope


Imaxes collidas do blog de Fasquía



A asociación Fasquía está a construír unha dorna de tope e móstranos parte do proceso no seu novo blog, para alegría dos afeccionados á cultura marítima tradicional. A dorna de tope, unha tipoloxía de embarcación que escasea, recibe este nome pola súa técnica de construción. Na dorna común, as táboas van montadas en tingladillo, superpostas unhas a outras, mentres que na dorna de tope, as táboas xúntanse unhas a outras “a tope”. Estaremos pendentes da evolución da "Lavanqueira", que así se vai chamar a embarcación, e do traballo do seu artífice, o carpinteiro Manuel Mougán.

17 de abr. de 2008

Camaxe sona a folk

Así de pronto, pode resultar estraño que un grupo de folk xurdido en Bélxica leve o nome dunha praia da Illa, Camaxe. Pero non o é tanto, se sabemos que o seu fundador é Miguel Allo, un gaiteiro arousán fillo de emigrantes. As composicións de Camaxe están inspiradas na tradición galega, e os arranxos, abertos a todas as influencias. Aí queda un vídeo dunha actuación en Loon Plage (Francia).


Camaxe
Cargado por Phil-Ketels