Buscar neste blog

27 de mar. de 2008

Unha nova singladura para Dorna


A Escola de Navegación Tradicional de Dorna súmase á comunidade blogueira con esta bitácora na que nos informan das súas actividades. Agora no tempo de invernación das dornas, andan atarefados coa reparación das embarcacións, nunha nave prestada en Vilaxoán. E en xullo, participarán no Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais de Brest, de momento xa recibiron a visita dunha televisión francesa.

26 de mar. de 2008

Desde Vilagarcía, con amor

Ao señor Silveiro de Vilagarcía, que hai cen anos lle dirixiu esta amorosa postal a unha Carmencita ou "Carmiña" de Madrid, xa non lle importará, a estas alturas, que reproduza un cacho da súa intimidade. O interese desta tarxeta non reside unicamente nas súas palabras, senón tamén no uso da cor e na escena que reproduce. ¿Que estaría a mirar toda esa xente na Marina, unha regata, unha procesión?

Postais antigas




Nos mercados de artigos de segunda man, antigüidades e coleccionistas, e tamén en diferentes sitios de internet, é posible atopar postais antigas como estas de Vilagarcía de 1910, con paisaxes recoñecibles pero moi cambiadas. Tamén se encontran con facilidade postais de Carril, de Cambados, do Grove e mesdo da illa de Cortegada, aínda que non tan antigas nin en tanta variedade como no caso da vila. Da Illa simplemente non existen (se alguén sabe dalgunha, agradécese a información), as primeiras postais que se imprimiron deben ser dos anos 70.
Por certo, as postais de Vilagarcía que se amosan aquí, están á venda en Numisjoya.

24 de mar. de 2008

Aproveitando o vento



Os surfeiros non terán queixa desta Semana Santa ventosa. Aquí temos un vídeo de hai uns días, no Bao, lugar habitual para a práctica do windsurf.