Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta xogos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xogos. Amosar todas as publicacións

26 de out. de 2022

Guerra de tutelos na noite de Defuntos

 


[Helena Domínguez] Ata os anos noventa, era habitual que os rapaces da Arousa organizaran guerras de tutelos na noite de Defuntos. Normalmente, as cuadrillas organizábanse por barrios: os do Monte, os das Laxes, os de Pedraserrada, os das Aceñas... e enfrontábanse todos contra todos, nunha emocionante batalla campal que tiña por escenario o cemiterio e as leiras próximas. 

 O tutelo é un instrumento construído con canela, que se utilizaba a modo de canón para disparar. Introducíase dentro a semente das hedras ou dos loureiros e, ao soprar, saían as boliñas disparadas. Non había que ir moi lonxe para obter a munición, xa que no propio Agro da Torre medraban abundantes arbustos. O impacto dos balotes, por certo, revestía certo perigo e había que ter moito coidado de que a un non lle acadaran nun ollo.

O tutelo de canela rematou sendo substituído por tubos de plástico ou de metal, que se obtiñan de material de refugallo. Neste caso, a munición consistía en “carteruchos”, unha especie de cucuruchos elaborados con papel de revista, capaces de proxectarse a unha distancia considerable.

Os rapaces -era un xogo só de homes- presentábanse no escenario da batalla cun feixe de tiras de papel xa preparadas, colgadas da cintura. A práctica permitíalles elaborar sobre a marcha, con grande axilidade, os carteruchos que precisaban. Para darlle forma ao papel, era preciso enchoupalo ben de cuspe e chegaba un momento en que as gorxas quedaban secas e tocaba buscar auga polos pozos veciños. Toda unha aventura!

Máis de un marchaba para a cama con algunha ferida de guerra. E á mañá seguinte, o camiño do cemiterio amencía ciscado de hedras ou de papeis.

15 de feb. de 2011

O Regueiro renace


[Susi Rial] Nas mañás dun domingo soleado ou cando as tardes se van facendo máis longas, calquera que se achegue ó Regueiro pode comprobar que segue sendo o mesmo que aquel do que tanto gozamos nas nosas infancias. En algo contribúe niso o "skate" que colocaron hai poucas semanas alí  (algo nos di que nos agardan sorpresas semellantes de aquí ó mes de maio). Polo tanto, amplíase a oferta lúdico-deportiva para o público infantil e xuvenil ó unirse o "skate" ás xa existentes pistas de baloncesto e ós columpios. E é que os rapaces, tanto os de antes como os de agora, necesitan moi pouco para divertise. Pero maior é, se cabe, o mérito dos rapaces de hoxe en día, que viven na sociedade dos videoxogos, das múltiples canles televisivas e do ocio sedentario, en xeral. Con todo, moitos seguen preferindo xogar na rúa.

18 de set. de 2008

Unha casota arbórea

Casota no Lagartiño

Na illa chámaselles “casotas” aos refuxios que constrúen os rapaciños, xeralmente no monte, camuflados entre árbores e silvas, con pretensión de lugar secreto de reunión e de xogos. Esta que ven na imaxe, no Lagartiño, non é unha casota ao uso, pola sofisticación da construción, enriba dun piñeiro, e o visible que é desde o camiño.

15 de xul. de 2008

A liana

Liana detrás do Santo, hai uns anos

Quedará algunha liana agochada polos montes da Illa?. Dos xogos populares propios dos homes (aínda que nunca faltaron rapazas que probaran), a liana é quizais o máis aventureiro e arriscado. Consiste en pendurarse dunha corda, previamente amarrada a unha árbore, ao estilo Tarzán e balancearse dun lado a outro aproveitando o impulso. Practícase en terreos con desnivel e a caída adoita ser sobre toxos, para darlle máis emoción ;-)

14 de maio de 2008

Columpios

Os columpios do Bao. Xa faltan as cadeas


Os columpios das Laxes, os máis orixinais

Os columpios do "Regeiro", situados estratexicamente


A illa conta con columpios no Regueiro, nas Laxes e no Bao, nunca tantos houbo. Os máis novos son os do Bao, e teñen moito éxito nos días de bo tempo, polo seu emprazamento á beira da praia e porque están dirixidos aos meniños máis pequenos. Os das Laxes teñen unha instalación moi particular en forma de barco, e os do "Regeiro", son os clásicos. O "Regeiro" é a zona de encontro e de xogos de referencia, así que os primeiros columpios públicos que houbo na illa, instaláronse nesta praza e foron durante moito tempo os únicos. Por desgraza, sempre foron obxecto de actos vandálicos. Agora, no Bao, xa roubaron unhas cadeas.

3 de nov. de 2007

As aghachadas

Continuando co tema dos xogos populares, outro clásico do camiño é xogar “ás aghachadas”, un enredo de sobra coñecido por todos, que tamén ten as súas particularidades locais. O xogador que chega á parede sen ser visto, ten que berrar “coito” para indicarlles aos demais, e sobre todo ao que lle tocou contar, que está a salvo. O uso desta palabra, de varios significados, desconcerta aos alleos na materia. O dicionario de galego só recolle a acepción relacionada coa cópula, pero no dicionario da lingua portuguesa figura “coito” como sinónimo de “couto”, que pode significar “refuxio”. Aí está a explicación.

27 de out. de 2007

Trompos ao camiño

Brinquedia celebra o 9 de novembro o “Día do Peón”,
para tratar de recuperar un xogo que se asocia ao
patrimonio oral e ao ludismo universal.

Como en cada vila que presuma de tradición, na illa os trompos teñen unha linguaxe e unhas normas de seu. O xogador carcamán distínguese polo costume de cortar o cu do trompo, largar de punta e xogar en grupo ao “risco”, trazando un círculo no chan . O vencedor moral sempre é o que máis “chochas” fai, é dicir, o que consegue impactar o seu trompo contra o do compañeiro, deixándolle a marca na madeira.
Aos trompos máis grandeiros e gordos chámanlles “vacas”, logo están as "cebolas", de menor tamaño que os anteriores, e os pequeneiros son as “piorniñas”. A corda de enrollar é o “liñón”, e a forza de xiro do trompo é a “escorrendela”. Por exemplo, se largas o trompo e non baila, pódese dicir “non me colleu escorrendela”.
É certo que este xogo de rapaces xa non goza do tirón que tradicionalmente tivo nesta época do ano, pero na illa aínda hoxe se poden ver algúns chabaliños xogando aos trompos nos camiños e no patio da escola. Non acontece o mesmo cos "tutelos", un enredo case extinguido que consistía en lanzar a través dun tubo cucuruchos de papel ou unha semente coñecida como "samugueiros".