Buscar neste blog

Amosando publicacións coa etiqueta formación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta formación. Amosar todas as publicacións

31 de mar. de 2011

A música achégase aos nenos nos “Sábados musicais”

Un momento do concerto de Nadal ofrecido pola Escola de Música

[Susi Rial] A partir do próximo sábado, 2 de abril, ponse en marcha unha nova iniciativa procedente da Escola de Música da Illa de Arousa. Trátase dos “Sábados musicais”, unha oferta educativa totalmente gratuíta e dirixida a nenos de entre 4 e 10 anos de idade. As actividades terán lugar na propia Escola (instalacións da antiga escola taller, en Testos), todos os sábados de 10:30 a 12:30. Durante as xornadas, os nenos realizarán diversas actividades, como bailes e xogos, mediante as cales tomarán contacto con diversos instrumentos, coas notas e cos diferentes sons, e poderán determinar a súa capacidade auditiva e, quen sabe, descubrir unha vocación agochada. Todos aqueles interesados poden inscribirse na Escola de Música os martes e os xoves de 16:00 a 20:00 da tarde, e os sábados de 9:00 a 14:00 pola mañá, e de 16:00 a 20:00 pola tarde. Tamén é posible inscribirse o resto dos días na biblioteca municipal.

2 de mar. de 2011

Aberta a inscrición dos obradoiros de informática e multimedia

 [Susi Rial] En breve comezarán diferentes actividades relacionadas coa Internet e coa informática en xeral no edificio multiusos. Algunhas das actividades están dirixidas ós rapaces, que poderán facer na aula os seus traballos académicos, así como participar nas clases que se impartirán sobre creación de blogs e fotografía dixital, entre outros. Ademais, tamén se realizarán cursos de aprendizaxe básica de Office e de Internet. Estas clases, en concreto, poden resultar moi interesantes para todos aqueles adultos que chegaron tarde á era das telecomunicacións e que precisan aprender dende un nivel básico. O prazo de inscrición xa está aberto. Todos aqueles interesados poden acudir a anotarse ó segundo andar do edificio multiusos, de luns a venres de 17:00 a 21:00 da tarde, e os sábados de 10:30 a 13:30 da mañá.

3 de feb. de 2011

Constituído o club de lectura Bibliarousa +


[Redacción] O club Bibliarousa + estréase coa lectura de Afirma Pereira, unha fermosa obra de Antonio Tabucchi, ambientada historicamente na Lisboa da dictadura salazarista. Coa escolla deste título, quedou constituído, o pasado mes de xaneiro, o primeiro club de lectura de adultos da Arousa, unha iniciativa que partiu da biblioteca do instituto e que secundaron, polo momento, cinco persoas. O club está aberto permanentemente á incorporación de lectores. A próxima cita será o 22 de febreiro, e terá como protagonista a un xornalista portugués, especializado en necrolóxicas.

21 de xan. de 2011

A biblioteca do instituto convoca unha xuntanza para crear un club de lectura

 O club de lectura do instituto. Imaxe tomada de Bibliarousa

[Redacción] Gústache ler? Queres descubrir novos autores e comentar as obras con outras persoas? A biblioteca do IES Illa de Arousa quere poñer en marcha un club de lectura para adultos, ao estilo do que xa funciona con éxito entre o alumnado. Os rapaces xúntanse todos os venres nos recreos para comentar lecturas comúns e ver fragmentos de películas. A iniciativa, denominada Bibliarousa, ábrese agora á comunidade arousá baixo o lema Bibliarousa +. O vindeiro martes, 25 de xaneiro, ás 20.00 horas, celebrarase na biblioteca do instituto unha xuntanza para acordar as lecturas e a periodicidade dos encontros. Están convidadas a participar todas as persoas que gocen coa literatura, non é preciso que sexan pais ou nais de alumnos.

3 de xan. de 2011

Os alumnos da Escola de Música celebran un festival

O alumnado da Escola de Música, posando en conxunto ao remate de festival

[Redacción] A Escola Municipal de Música ofreceu o pasado 30 de decembro, no auditorio,  un concerto de Nadal no que o alumnado puido amosar os seus progresos. Polo escenario foron desfilando durante unha hora solistas e grupos, diversos tanto en idades como en instrumentos e en repertorio. O colofón do festival puxérono os pequenos alumnos de "expresión corporal", que arrincaron, co seu baile, o sorriso dun público familiar que agardaba a actuación dos seus.

13 de dec. de 2010

A formación dos mariñeiros de baixura

Mariñeiros facendo cola na lonxa

[Redacción] Os mariñeiros da Arousa levan anos atrapados nun bucle de cursos, que os obriga a volver ás aulas de tanto en tanto para seguir exercendo a súa profesión. O antigo título de “competencia mariñeira” foi substituído polo “carné de mariñeiro-pescador”, pero a maioría dos profesionais puideron convalidar a titulación e eludir así a repetición do curso. Non se libraron, con todo, doutras novas materias obrigatorias, como os cursos de “formación básica”, “operario de radio” ou “sanitario”, por exemplo. A formación continua dos traballadores é unha meta desexable e esixible, aínda que a moitos adultos lles custe prestar atención a un encerado que deixaron de ver a unha idade moi nova. O que non ten sentido é que os contidos da aprendizaxe estean desconectados da realidade, e que se traten temas como o abandono de buque e o comportamento en caso de incendio en barcos de gran tonelaxe, cando estamos ante unha flota de baixura que desenvolve o seu traballo en gamelas e planeadoras, a quince minutos de terra.

30 de nov. de 2010

A visibilidade do Igafa, e da FP

O Igafa, visto desde o mar

[Manuel Suárez Nieto] Se facemos unha pescuda no buscador de na illa co termo "Igafa", o primeiro que nos sae é unha entrada do 2008, na que se denuncia a invisibilidade do instituto na rede e a imposibilidade de consultar a oferta formativa e os proxectos de investigación que se estaban a levar a cabo. Afortunadamente, isto mudou. Dende febreiro de 2009, está rexistrado o dominio www.igafa.es. Unha web, ben bonita e entretida por certo, na que se pode atopar toda a información. A Formación Profesional avanzou de xeito importante no sistema educativo español. Aquela FP marxinal e sen recursos pasou á historia, aínda que é frecuente escoitar algúns tertuliáns que non se puxeron ao día reproducir argumentos do pasado. Hai ciclos formativos cun nivel moi alto, do que os alumnos saen con altas capacidades para o desenvolvemento de profesións cualificadas. Sería unha pena que este camiño comezado fai algúns anos e ao que tanto esforzo se ten dedicado comezase a desandarse só pretexto da crise. O movemento demóstrase andando, e a aposta pola educación demóstrase con recursos enriba da mesa. Non é casual que as comunidades con menor gasto en educación (Valencia, Canarias e Baleares), sexan tamén as que maiores índices de fracaso escolar ostentan, e ao revés, a maiores recursos, mellores resultados (Asturias, País Vasco e Navarra).

19 de out. de 2009

O blog da ANPA

Captura de pantalla do blog

Pais e nais de alumnos na última asemblea xeral
(imaxe collida do blog da ANPA)

A bitácora da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio Torre é a última en incorporarse á lista de "blogs carcamáns" que figuran neste blog. O colectivo celebrou hai unhas semanas a súa asemblea xeral de comezo de curso, na que trataron aspectos relacionados co mobiliario da ludoteca, o transporte escolar ou a necesidade dunha maior implicación dos pais nas actividades do colexio, entre outros.

7 de xuño de 2009

Vídeos escolares



Os alumnos de Tecnoloxía de cuarto da ESO realizaron uns vídeos promocionais da Arousa para participar no concurso Presume do Salnés. Aquí poden ver o resto das curtas.

28 de mar. de 2009

O blog do "ghrupo"

O blog do CEIP Torre comezou a súa andaina en abril do 2008


O CEIP Torre, coñecido popularmente como o "ghrupo", ten un xeitoso blog no que informa das actividades que se celebran no colexio, como a recente presentación do libro Os Bolechas no Con da Illa de Arousa. Ademais, pódense consultar imaxes dos traballos creativos do alumnado: a mostra de trompos decorados, as cabazas do Samaín e os murais da paz, entre outros. Tamén ten blog a Asociación de Pais e Nais, aínda que semella que non actualizan os contidos con tanta frecuencia.
A comunidade educativa da Arousa ten unha destacada presenza no "blogomillo", só o instituto mantén unhas dez bitácoras, sen contar os blogs invididuais que fan os rapaces como parte das súas tarefas escolares.

20 de mar. de 2009

Fomentando o consumo de peixe

A mascota Xan animou os nenos da illa a comer peixe

Imaxes collidas da web de Pesca

Xan, a personaxe creada pola Consellería de Pesca para fomentar o consumo de peixe entre os nenos, visitou o pasado 17 de marzo o Colexio Torre da illa. Segundo informan desde o departamento da Xunta, o alumnado realizou diversas actividades lúdicas e didácticas vencelladas co peixe, e recibiu material promocional da mascota: mochilas, camisetas, gorras e material didáctico, entre outros obsequios.

3 de feb. de 2009

Os blogs dos alumnos de informática

Captura de pantalla do blog de Paula, alumna do instituto da illa

Os alumnos e alumnas da asignatura de informática do IES Illa de Arousa están a construír cadanseu blog, como parte da súa aprendizaxe do uso das novas tecnoloxías. Xa verán que inclúen algúns contidos referidos á illa. Un dos últimos exercicios nos que están traballando é no deseño dun negocio viábel para a Arousa, como poden comprobar no blog de Adrián Cores.

12 de set. de 2008

O Igafa, invisible na rede

Imaxe collida da web dun alumno do curso de mergullo

O Instituto Galego de Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería de Pesca, non conta cunha web oficial na que consultar a súa oferta formativa e os seus proxectos de investigación. Neste centro, o único que imparte Formación Profesional na illa, pódense estudar dous ciclos de grao medio (mergullo a media profundidade e operacións de cultivo acuícola) e un de grao superior (produción acuícola). Ademais, o IGAFA organiza e participa noutro tipo de actividades marítimo-pesqueiras, desde cursos de competencia mariñeira ata proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Non estaría mal que tivera un pouco máis de presenza na rede, como lle corresponde a un centro do seu nivel.

3 de xul. de 2008

Unha segunda oportunidade

A biblioteca do colexio público é tamén a aula da escola de adultos

Unha das iniciativas máis bonitas e interesantes que puxo en marcha o concello insular desde que se constituíu é a Escola Municipal de Adultos, que lles ofrece unha segunda oportunidade a aquelas persoas que polo motivo que sexa non puideron obter no seu tempo o antigo “graduado escolar” ou rematar o bacharelato. A idade do alumnado varía desde os rapaces de 20 ata as mulleres de 50. Neste curso asistiron con regularidade ás clases unhas dez mulleres maiores de 30 anos. Son elas as que demostraron máis empeño na preparación dos exames finais da ESO. A aula está situada na biblioteca do colexio público Torre e ten un horario de noitiña, unha vez que rematan as obrigas laborais.
Ademais de proporcionar este servizo, a escola tamén ofrece obradoiros de estimulación da memoria para os maiores, e clases ás mulleres que participan nos obradoiros de emprego Nordés.

4 de abr. de 2008

Máis blogs do instituto


O IES Illa de Arousa non ten web oficial, pero si uns cantos blogs. Os dous que presentamos agora están relacionados coa práctica e o goce literario. BibliArousa quere ser un punto de encontro dos usuarios da biblioteca do “insti”, e Cóntoche un conto é o espazo no que os alumnos de primeiro de ESO do obradoiro de escritura penduran as súas creacións literarias.

Educación intercultural: A Illa e Senegal


“A Illa é un pobo que ten unha íntima relación co mar ao igual que Senegal. Senegal chámase o país da Teranga, a hospitalidade. Os habitantes da Illa son de tradición solidaria e cooperan entre eles, valores que se manteñen pola ausencia de comunicación directa co continente ata hai só 22 anos, en que se construíu a ponte”.

Este extracto pertence ao proxecto educativo Kasumai, que establece pontes, a través da rede e do coñecemento mutuo, entre os rapaces arousáns e senegaleses. A idea naceu a proposta do profesorado do IES A Illa, que percibiu no alumnado unha actitude xeral de rexeitamento cara ás persoas de fóra. “Pareceunos moi importante poder estender esa solidariedade interna cara o exterior, tomando como referencia un país presente nos medios de comunicación pola chegada masiva de inmigrantes ás nosas costas”, explican na web. Un bo proxecto de educación intercultural, que tamén ten o seu blog.

2 de xan. de 2008

Adxudicados os novos obradoiros

A sede do Obradoiro Nordés, en Testos

Obradoiro de construción naval con poliéster.
Imaxe collida desta web

A convocatoria para cubrir prazas nos obradoiros de emprego que organiza o concello resolveuse hai unhas semanas, con alegría para uns e disgusto para outros. Máis dun cento de solicitudes para apenas cincuenta prazas amosan o interese que esperta esta actividade de formación remunerada (uns 900 euros mensuais), que inclúe módulos de albanelería, carpintería, construcción naval, xardinería e canteiría. Os obradoiros, dirixidos principalmente a mulleres novas, ofrecen a oportunidade de aprender un oficio en horario de mañá e traballar na recuperación e no coidado do patrimonio público.
Un caramelo que todos queren nunha vila na que o emprego para as mulleres, máis alá da precaria hostalería, escasea.

18 de set. de 2007

A dorna, materia de ensino

Agora que bota a andar un novo curso é bo momento para recomendar esta unidade didáctica sobre a cultura marítima tradicional, dirixida aos alumnos de Secundaria. Trátase dunha ferramenta facilitada pola Asociación Cultura Dorna que permite traballar nas aulas catro bloques temáticos: situación xeográfica, sectores económicos (oficios e pesca), embarcacións tradicionais e a dorna, con contidos adaptados ao contorno arousán.

Imaxe collida da unidade didáctica