Descarga de mexillón no porto do Chufre
[Redacción] Que algunhas conserveiras están a vender mexillón chileno baixo a etiqueta de galego é unha sospeita que aniña hai tempo no sector produtivo. Pero agora será a Xustiza quen determine definitivamente a magnitude da fraude. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia anunciou esta mañá nunha rolda de prensa que vén de interpoñer unha querela criminal contra Conservera de Rianxo, comercializadora da marca Cortizo, por falsear na etiquetaxe a procedencia do mexillón. Para reunir as probas, o Consello mercou de xeito aleatorio nun supermercado, e perante a presenza dun notario, varias latas da mencionada empresa, nas que constaba a indicación “Mejillones de las Rías Gallegas” e se precisaba, ademais, que “los mejillones (mytilus galloprovincialis) proceden de la campaña 2008”. Tras analizar o contido no seu departamento de I+D+i e contrastar logo os datos co grupo de investigación Xenomar, o Consello asegura que 27 das 34 pezas estudadas non correspondían á especie autóctona de Galicia. Nunha acción sen precedentes ata o de agora, o Consello denunciou os feitos no Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº1 de Padrón, que admitiu a trámite a querela por supostos delictos contra os dereitos da propiedade industrial e dos consumidores. A conserveira implicada foi chamada a declarar o vindeiro 31 de marzo.