Buscar neste blog

29 de xul. de 2011

E agora, calamos


[Redacción] Se en agosto de 2006 botabamos a andar este blog coa intención de non quedar calados, o que nos presta agora, cinco anos despois, é calar. O vindeiro 8 de agosto, coincidindo co noso aniversario, imos varar a dorna de na illa. A partir de entón, este espazo deixará de actualizarse e non admitirá máis comentarios. Vémonos noutros mares. Ata logo!

23 de xul. de 2011

Alcumes da Arousa



[Redacción. 07/07/09] Este espazo, aberto á participación de todos os interesados, pretende recompilar e inventariar os alcumes de tradición familiar que se usan na Arousa. Quedan descartados, polo tanto, os sobrenomes particulares de persoas, moi abundantes na Arousa, por certo, que non se transmiten en herdanza. De ser posible, indicarase a orixe do alcume. Poden deixar as súas propostas a través dos comentarios.

14 de xul. de 2011

A illa nos mapas antigos (IV): o mapa de Domingo Fontán



[Susi Rial] A "Carta Geométrica de Galicia" é obra do pontevedrés, nado en Portas, Domingo Fontán. Neste mapa investiu 17 anos da súa vida e é o primeiro que se fai con rigorosidade científica e matemática. De feito, o mapa de Domingo Fontán supón un enorme salto cualitativo con respecto ós outros mapas aquí mostrados. No século XIX (este mapa foi impreso en 1845), os avances técnicos foron espectaculares, o cal permitiu que por primeira vez se coñecese o aspecto real da Arousa. Como se pode ver, a forma da Illa é practicamente igual á que hoxe coñecemos, e incluso aparecen nomeados algúns dos saíntes máis importantes, como Punta Cabalo e Punta Barbafeita, así como unha barra de area, posteriormente desaparecida a causa da construción da ponte.

Tempo de abruíños


[Redacción] O abruíño é un froito silvestre propio deste tempo do ano, que adoita medrar á beira das leiras e camiños rurais. O seu sabor agre, que deixa na boca unha lixeira sensación de sequidade, é difícil de esquecer. En castelán, coñécese co nome de "endrina", e no galego estándar, como “abruño”. A palabra que usamos na Arousa para nomear esta clase de cirola, “abruíño”, forma parte do noso particular “Dicionario de ausencias”.

11 de xul. de 2011

E por fin, as pistas de tenis

A devecida pista de tenis, en Testos

Detalle da instalación

[Redacción] A campaña de pintadas nas rúas que reclamaba a construción dunhas pistas de tenis na Arousa resultou eficaz, vistos os resultados. As novas instalacións deportivas, situadas a carón do campo de fútbol Salvador Otero, xa son unha realidade. Nas imaxes poden ver o estado actual da pista, a piques de ser inaugurada. Ao parecer, tamén servirá para xogar ao baloncesto, unha vez montadas as correspondentes canastas.

9 de xul. de 2011

Iniciativa popular para mudar o nome do Concello


[Redacción] O exalcalde Sito Vázquez vén de iniciar dende o seu blog unha campaña para que o Concello da Illa de Arousa mude o seu nome por 'Concello de Arousa'. Vázquez preparou un modelo de carta de solicitude que os usuarios poden descargar e enviar por correo ao alcalde. Historicamente, tanto os habitantes insulares como os seus veciños se referiron á illa co nome de “Arousa”, unha tendencia que comezou a mudar a partir da constitución dun municipio propio baixo o nome de “Concello da Illa de Arousa”, de xeito que se está impoñendo o nome de “illa” para referirse ao lugar. Vázquez xa ten escrito en varias ocasións sobre a preocupación que lle causa o feito de que a illa estea a perder o seu nome.

Máis información sobre a nomenclatura da Arousa:

Analizando os cons da Arousa: un enigmático conxunto preto do Faro

Foto enviada por Francisco Cores, coa intención de determinar o interese arqueolóxico do conxunto

[Redacción] Ao fío dos comentarios xurdidos recentemente sobre os tesouros arqueolóxicos da Arousa, Francisco Cores envíanos as imaxes dun conxunto de cons, situados entre a Area da Secada e o Faro, que el considera que poden corresponder a unha ara prehistórica. Cores explícanos os seus argumentos coa intención de que se abra o debate e de que os expertos poidan opinar sobre a orixe das curiosas formas que adquiriron as pedras. En todo caso, confésase fascinado polo lugar.

6 de xul. de 2011

As alertas de toxina


[Redacción] Os mariscadores arousáns, especialmente os que traballan a vieira e o mexillón, están afeitos a recibir avisos periódicos de toxina, que obrigan á veda temporal dalgunha especie ou zona. O respecto ás alertas alimentarias non impide que haxa voces no sector que cuestionen a existencia de determinados episodios tóxicos, unha desconfianza que ten o seu caldo de cultivo nas deficientes formas en que se comunican e explican as alertas por parte das autoridades competentes. Nesta mesma liña, un 76% dos participantes na enquisa que nos ocupa considera que non existe suficiente transparencia no peche dos bancos marisqueiros por toxina, fronte a un 23% que cre que si.
Un dos últimos episodios tóxicos rexistrados na Arousa afectou a comezos de maio á amexia rubia. A Confraría recibiu o aviso ás oito e media da tarde, unha vez celebrada a poxa na lonxa, o que provocou a devolución do marisco e a perda de 15.000 euros. Fontes do pósito lamentaron non ter recibido o aviso antes de que os rañeiros saíran a faenar. Había anos que a ameixa non rexistraba niveis elevados de toxina ASP.

4 de xul. de 2011

Declarado un pequeno incendio pola Area da Secada


[Susi Rial] Na tardiña do pasado domingo, ó redor das catro e media, foi declarado un incendio na zona do Faro, nas proximidades da praia da Area da Secada. Como podemos xulgar a raíz da imaxe, o fume visto dende o peirao do Chufre facía presaxiar un desastre considerable a nivel forestal nunha das paraxes naturais máis aprezadas da Illa. Por fortuna, a rápida chegada do helicóptero anti-incendios e a case total ausencia de vento evitaron que o lume se propagara, sendo o incendio controlado rapidamente. Cada ano, coa chegada das altas temperaturas, os incendios forestais constitúen unha enorme ameaza para o monte galego. Na memoria de todos perdura o desastre dos incendios de 2006, uns actos de terrorismo forestal sen precedentes, dos que tamén foron víctimas os montes da Illa, tal e como se relatou neste espazo no seu día. Daquela, a colaboración veciñal foi clave para evitar que o desastre tivera maiores dimensións.

1 de xul. de 2011

As ameazas do cemiterio dos Bufos

Os Bufos

[Susi Rial] A realización do novo sendeiro peonil permitiranos gozar de fermosos recunchos da Illa, ata agora agochados, dende Punta Cabalo ata as Rubas. Pero hai meses, cando comezaron as obras do novo sendeiro, foron moitos veciños os que puxeron de manifesto a súa preocupación debido a que o cemiterio prehistórico dos Bufos, situado nas inmediacións de Punta Cabalo, puidera sufrir algún dano. Se ben non hai motivos, cando menos en principio, polos que sospeitar que os restos non van ser debidamente protexidos, si que este feito pon de relevo, novamente, o abandono ó que están sometidos os restos arqueolóxicos máis antigos e importantes da Illa de Arousa. O cemiterio dos Bufos é de orixe prehistórica, aínda que o alfabeto fenicio presente na cerámica atopada no xacemento, ó igual que moedas da época imperial romana, indican que seguiu tendo uso en épocas moi posteriores. A necrópole constata a existencia dun antigo poboado cunha forte vinculación ó mar. Hoxe en día, na zona só se pode observar unha morea de silvas.

29 de xuño de 2011

Sardiñas, do racú ou do xeito?

O barco de Chiquita, o único da Arousa dedicado ao racú

As sardiñas do xeito son máis caras que as do racú

[Redacción] Hai quen as quere do xeito e hai quen as prefire do racú. Nisto das sardiñas, como en todas as cousas, é cuestión de gustos. Na Arousa hai un único barco, o dos irmáns Chiquita, dedicado á pesca da sardiña con racú. Neste caso, as capturas fanse en mar aberto, con rede de cerco e en grandes cantidades, polo que é habitual que algunhas pezas acaben mazadas, ao golpearse contra os aparellos ou ao ser apiladas nas caixas. As sardiñas do xeito, pola contra, péscanse máis polo miudo, en pequenos barcos que faenan dentro da ría e con redes de menor tamaño. Aproximadamente, dedícanse a esta arte unhas dez embarcacións da illa. Din os xeiteiros que o seu peixe recibe un mellor trato e así queda reflectido no prezo: a cinco ou seis euros o quilo, mentres que a sardiña do racú vai a tres euros. Pero o prezo e a técnica de pesca non son os únicos factores a ter en conta á hora de elixir... tamén hai quen opina que a sardiña do racú, ao proceder de augas abertas, ten máis graxa que a do xeito e, polo tanto, sabe mellor. Cuestión de gustos.

24 de xuño de 2011

Os trofeos da Volta á Arousa


[Redacción] A entrega de premios é sempre un dos actos máis esperados das regatas de dornas a vela. As tripulacións encóntranse co público que seguiu a proba por mar ou por terra, chega o momento de comentar as manobras da regata, de merendar e, se cadra, de facerse con algún trofeo. Os primeiros clasificados adoitan ser agasallados con pezas de artesanía que reproducen motivos mariñeiros, un ben destinado a lucir nos estantes de todo dorneiro que se prece. Por iso son especialmente valorados os trofeos asinados por algún artista ou artesán. Na última edición da Volta á Arousa, o listón estivo moi alto, grazas á colaboración dun grupo de creadores, que cederon gratuitamente as súas obras. O ceramista Manolo Caamaño Añón, en colaboración cos carpinteiros Fernando e Santiago, achegou as pezas para o primeiro e o cuarto premios. Os debuxos de Saúl Otero foron para os segundos clasificados, e as velas de madeira de Calixto Palacios, para os terceiros. A quinta dorna máis rápida da regata levou os temóns de Juan Piñeiro Chantada.

22 de xuño de 2011

Carballos de nova xeración



[Susi Rial] Nos últimos anos viñéronse producindo sucesivas repoboacións de árbores na Illa, ante a súa alarmante mingua e a cada vez maior aparición de claros en zonas coma O Monte. Unha das especies escollidas para esta repoboación foi o carballo (Quercus robur). Esta práctica vén sendo común en toda Galicia, posto que o carballo forma parte da paisaxe galega máis senlleira. A súa tala masiva dou lugar a unha progresiva desaparición das súas poboacións, sendo substituído por piñeiros ou eucaliptos. Os carballos que vemos na fotografía, que corresponde a un dos sendeiros do Monte, son moi novos, dunha cor verde case ácida e de ramaxe moi fina; nada a ver coas árbores robustas que coñecemos. Serán os nosos netos, entón, os que gocen dunha verdadeira paisaxe galega na Illa.

20 de xuño de 2011

Por onde empezar?

[Manuel Suárez Nieto] Cantas veces os militantes do PSOE, PP, BNG e calquera que estivese nunha organización política ou doutro tipo tivemos que defender cousas coas que non estabamos totalmente de acordo? Ou é que acabamos de caer dun carballo agora mesmo? O Bloque, en clave de país, entende a día de hoxe que a alternativa ao PP pasa polo necesario entendemento entre PSOE e BNG, se non, non hai alternativa. Ningunha das forzas ten a masa crítica suficiente para ser alternativa en solitario. Polo tanto, traballar nese camiño é o normal, e ademais é o que se leva facendo durante bastantes anos.

Sobre a anunciada visita de Belén Esteban


[Redacción] Mari Carmen González Vázquez, “a do  Trillo”, foi a mariscadora elixida pola produtora La Fábrica de la Tele para acompañar á mediática Belén Esteban na súa aventura carcamana. A personaxe madrileña visitará a Arousa nunha data próxima indeterminada –que non  foi anunciada­­– para gravar unha xornada de seca, como parte do seu novo proxecto televisivo. A nova de tan circense visita espertou reaccións encontradas entre os veciños da illa; e para mostra, os resultados da enquisa que publicamos hai unhas semanas. A metade dos votantes non ve con bos ollos a presenza de Belén Esteban e a outra metade móvese entre a indiferencia e a aprobación.

14 de xuño de 2011

A organización dos Encontros de Carril propón unha edición de 'resistencia'

 O cartel dos X Encontros Carril 2011


[Redacción] Do 30 de xuño ao 3 de xullo, vai ter lugar en Carril a décima edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, a cita bienal de referencia para os colectivos de navegación tradicional. A poucas semanas da celebración, o comité organizador vén de alertar da “grave situación económica” que atravesa, dadas as escasas achegas económicas das empresas patrocinadoras e das administracións. En concreto, a organización destacou a nula colaboración da Deputación de Pontevedra, cando nos Encontros anteriores de Ferrol (2007) e de Muros (2009), a deputación coruñesa destinou aos eventos 60.000 euros. Así as cousas, segundo a Federación Galega pola Cultura Marítima, esta será unha edición de “resistencia”, na que variarán algunhas cousas pero non o esencial: a xuntanza dos barcos e dos seus tripulantes. Certamente, as cifras de participación ata o momento son similares ás doutros anos, xa que está confirmada a asistencia de máis dun centenar de embarcacións procedentes de Galicia, Euskadi, Andalucía, Cataluña e Portugal. Ademais, como é habitual, o evento tamén contará con demostracións de oficios, obradoiros, música, exposicións, xornadas técnicas e mais un servizo de visitas á illa de Cortegada.

O pleno de investidura, no Canal Rías Baixas

Vídeo propiedade do Canal Rías Baixas

[Redacción] O Canal Rías Baixas, a televisión local da comarca, recolle neste vídeo un resume do polémico pleno do sábado 11 de xuño, no que un grupo de simpatizantes do PP insultou e apupou ao edil do BNG, por apoiar a investidura do alcalde socialista.

10 de xuño de 2011

Os caprichos dos cons

Pedras na praia de Con Retellado

[Susi Rial] Ben coñecida é a importancia dos cons na Illa de Arousa, onde máis que calquera edificio ou monumento, conta como maior símbolo o “con de tres pés”, por poñer só un exemplo. Os cons incluso serven de reclamo turístico, con iniciativas como a “ruta dos cons”. 

Nova sesión do club de lectura


[Redacción] O club de lectura Bibliarousa+ celebra o vindeiro martes 14 de xuño, ás 20.00 horas, o último encontro do curso. Nesta ocasión, o eixe temático é a obra "Como agua para chocolate", de Laura Esquivel.

9 de xuño de 2011

O BNG apoiará a investidura de Manuel Vázquez

[Redacción] O BNG da Illa de Arousa, a través do seu alcaldable Carlos Otero, vén de comunicar nunha rolda de prensa celebrada esta mañá en Vilagarcía de Arousa que apoiará a investidura do candidato socialista Manuel Vázquez, "para evitar un goberno do PP no noso Concello". "Estamos convencidos de que a decisión adoptada é a mellor para o traballo diario do BNG e, por suposto, a mellor para a Illa", sinalou Otero, que estivo acompañado no acto de Xoan Allegue, responsable comarcal do BNG. Carlos Otero tamén aproveitou para agradecerlles aos arousáns "o enorme apoio recibido" e reiterou o seu "compromiso de traballar todos os días para devolverlles aos veciños esa confianza en conseguir servizos que redunden na mellora da súa calidade de vida".
A partir de agora, ábrese un período de negociacións entre o grupo socialista e a formación nacionalista arousá, xa que, segundo explicou Otero, a decisión foi tomada pola asemblea local do Bloque, sen ter en conta ningún acordo previo con ningún dos dous candidatos que optaban á alcaldía,  Manuel Vázquez (PSOE) e Juan José González (PP).

4 de xuño de 2011

A insoportábel levedade do ser


[Manuel Suárez Nieto]  Os resultados electorais na Arousa foron 5-5-1. Agora tócalle aos concelleiros electos a través das súas correspondentes organizacións políticas conformar as maiorías para garantir un goberno estábel durante os próximos catro anos. De momento, non transcendeu máis alá dun 'quítate ti que me poño eu'. Por outro lado, totalmente normal en pleno proceso de negociación. En todo caso, ao meu entender, as forzas políticas da Arousa estanse comportando con madurez democrática e serenidade, o cal non está de máis recordar e recoñecer.

1 de xuño de 2011

O Céltiga remata a tempada con boas sensacións

 O campo Salvador Otero

[Susi Rial] O Céltiga comezaba a tempada 2010-2011 na categoría de Rexional Preferente co marcado obxectivo do ascenso a Terceira División. Pero as cousas non foron como se esperaba e, xa en xaneiro, o equipo que daquela adestraba José María Rial tiña moi difícil o ascenso. A directiva pediu entón, tanto ós xogadores coma ó corpo técnico, un cambio de actitude, pero en febreiro dimitía José María Rial alegando que o que precisaba o equipo eran aires novos. E algo de razón si que tivo, posto que tras o breve paso de “Carducho” polo banco arousán, a chegada de Manolo Núñez dou lugar ó esperado cambio. O Céltiga comezou a encadear vitorias, de tal maneira que chegou á última xornada da liga con opcións ó ascenso. Unha vitoria contra o Arousa, daríalle o pase para xogar o “play-off”, pero finalmente ambos os dous equipos empataron a dous goles. Agardaremos pois, á seguinte tempada, na que unha nova historia comezará a escribirse.

30 de maio de 2011

A asociación Dorna xa ten presidente provisional

O Faber, novo presidente da xunta xestora de Dorna

[Redacción] Avelino Cores, máis coñecido como Faber, asumiu recentemente a presidencia provisional da asociación cultural Dorna, namentres a xunta xestora traballa na busca dun equipo directivo que desexe tomar as rendas da entidade. Neste período de transición, Cores proponse mellorar a comunicación cos socios e rescatar as artes escénicas para a programación da entidade, pero, ademais, deberá facer fronte a outros compromisos inmediatos, como a organización da Festa do Mexillón, prevista para a primeira fin de semana de agosto. O Faber é un bo coñecedor de Dorna, colectivo no que está implicado desde que era un rapaz. Con once anos, pertenceu ao extinto club xuvenil Os Bufos e con dezaseis xa era membro da xunta directiva de Dorna, encabezada daquela por José Manuel Cousido, “O Petote”.

Ugia Pedreira, fuxindo das présas na Arousa



[Redacción] Desde que a cantante Ugia Pedreira estableceu veciñanza na Arousa, a pegada emocional da illa déixase sentir de cando en cando na súa obra. No seu día, fixemos referencia á mención aparecida no seu Pasodobre Universal. E agora acabamos de coñecer o “concerto de peto” que gravou na Abilleira, acompañada do brasileiro Fred Martins. O tema que interpretan titúlase "De pressa a vida passa", mais a sensación que transmiten é máis ben de calma...

27 de maio de 2011

A Illa nos mapas antigos (III): o mapa de Nicolás de Fer


[Susi Rial] O último dos mapas que conforman esta serie é o mapa do cartógrafo e xeógrafo francés Nicolás De Fer, “Le Royaume de Galice”. De Fer (1646-1720) é continuador do traballo do seu pai, Antoine. Este mapa en concreto data do ano 1708.

24 de maio de 2011

Namorados doutros tempos



[María García] Facendo un pouco de memoria dos costumes e da forma de vida dos nosos antergos, podemos darnos conta da evolución da vida social na Illa, sobor de todo, a das mulleres. Recordemos, por exemplo, as relacións entre noivos de antes. A muller nunca tomaba a iniciativa, e de ningunha maneira entraba na casa do mozo; nin ó revés, el tampouco entraba na casa dela. Os encontros adoitaban ser de noite, no camiño, cerca da casa da moza ou mesmo á porta da casa. “Falan á porta” dicíase. Tendo en conta que os puntos de luz na rúa eran débiles e moi escasos, a cousa non pintaba mal. Cando se formalizaba o que podíamos chamar a petición de man, eran os pais do mozo os que ían á casa da moza a pedila. Entón, dicíase: “xa falan dentro”. Aquí xa podían entrar un na casa do outro, isto xa era para casar de inmediato. En moitas ocasións, o mozo marchaba para navegar e deixaba a moza pedida. Así, ela, na súa ausencia, non saía nin ó baile nin ó cine coas amigas, ata que el regresaba cuns cartiños para facer unha casa e casar. Falta saber se o mozo tamén lle gardaba ausencia á moza.

Vaga de intentos de roubos na Illa

 A iniciativa veciñal evitou un roubo no Chufre

[Susi Rial] O pasado mes de abril coñecemos a nova de que un grupo de veciños arousáns evitou o roubo de 400 euros que un xubilado afincado na Illa acababa de retirar dunha sucursal bancaria. A nova incluso tivo gran sona a nivel nacional a causa da sorprendente solidariedade veciñal. Dende entón, e en diversas zonas da Illa, viñéronse sucedendo casos similares, que afortunadamente quedaron en intentos de roubos. O patrón sempre é o mesmo: xente nova da Europa do Leste achégase ás persoas maiores e, con calquera escusa, trata de despistalas para poderlles arrincar as xoias ou outros obxectos de valor que nese momento leven enriba. Se ben cómpre tomar as medidas necesarias, non existe motivo para a alarma porque os frustrados ladróns non adoitan ser perigosos e as súas intencións adivíñanse facilmente.

22 de maio de 2011

O BNG decidirá o próximo alcalde da Arousa

Resultados eleccións municipais 2011. Fonte: Mir

[Redacción] O Partido Popular vén de converterse no gañador das eleccións municipais 2011, ao resultar a lista máis votada, con 1.573 votos. O PSOE perdeu a maioría absoluta da que gozou nos últimos catro anos e quedou empatado en número de concelleiros co Partido Popular. Así, será o BNG, co seu único concelleiro, quen decida, mediante os pactos, quen será o próximo alcalde da Illa de Arousa.

Evolución do voto nas eleccións municipais da Illa de Arousa

20 de maio de 2011

Agardando o 22-M


[Redacción] Un total de 4.102 electores están convocados a votar o vindeiro domingo nalgunha das seis mesas distribuídas nos tres locais electorais cos que conta a Arousa: o Colexio Torre, a Escola de Pau e a Casa do Concello. A estas alturas, poucos indecisos quedarán, e semella que tampouco había moitos hai quince días, cando publicamos a enquisa. A campaña destas eleccións municipais será lembrada pola vacua estratexia de descalificacións desenvolvida por unha parte da militancia das dúas forzas maioritarias, PSOE e PP, nun contexto xeral de cuestionamento cidadán dos partidos políticos en todo o Estado. Dende nailla, seguiremos a xornada electoral e daremos conta dos resultados en canto se fagan públicos, o 22 de maio pola noite.

19 de maio de 2011

A Illa nos mapas antigos II: o mapa de Gerard Mercator

 Detalle da ría de Arousa


[Susi Rial] O mapa do cartógrafo flamenco Gerard Mercator (1512-1594), titulado “Gallaecia Regnum”, foi rematado en 1611. Mercator pasaría á historia da cartografía por ser o inventor da proxección que leva o seu nome, e que consiste na representación da superficie terrestre proxectada sobre un cilindro tanxente ó planeta polo Ecuador.

18 de maio de 2011

Nova exposición de fotografía no auditorio


[Redacción] O arousán Dani Gondar, un home de mar namorado da fotografía, presenta a súa primeira mostra fotográfica baixo o título “Paisaxes e panorámicas da Illa de Arousa”. A exposición, composta de 43 imaxes, pódese visitar na sala de exposicións do auditorio municipal ata finais do verán.

Dous anos de fraseoloxía carcamana



[Redacción] O vindeiro 25 de maio cúmprense dous anos desde que iniciamos o proxecto “Fraseoloxía carcamana”, co obxectivo de compilar e explicar as expresións típicas da Arousa. A idea xurdiu logo da posta en marcha doutro proxecto anterior, o “Dicionario de ausencias”, no que se lle pedía aos lectores que escribiran aquelas palabras que usan habitualmente pero que non veñen recollidas nos dicionarios de galego. No longo fío de comentarios que xenerou o Dicionario, comezaron a aparecer propostas de expresións, polo que foi necesario crear un novo espazo para darlles cabida. Ao longo de todo este tempo, levamos recollidas unhas sesenta frases. Cal é a súa favorita? Saben dalgunha outra que non teñamos inventariada?

16 de maio de 2011

Os actos das Letras


[Redacción] Como vén sendo habitual, a asociación cultural Dorna preparou unha serie de actividades para celebrar o Día das Letras Galegas. O colectivo inaugura o 17 de maio a tempada de navegación, polo que xuntará parte da súa flota de dornas no Chufre, a partir das 11 da mañá, se o vento Norte non o impide. Ademais, como todos os anos, a librería Castelao instalará un posto de libros, no que ofrecerá descontos do 10%. A xornada estará amenizada polos grupos de música e baile tradicional de Dorna.

12 de maio de 2011

Nova ferramenta para valorar os comentarios


[Redacción] Despois da polémica xenerada nas últimas semanas, debido ao abuso que fan determinados usuarios da posibilidade de facer comentarios de xeito libre e anónimo, presentámoslles unha nova ferramenta que lles permitirá puntuar de forma negativa ou positiva cada unha das opinións. A partir de agora,  atoparán ao pé de cada comentario a icona de dúas manciñas, para que voten a que consideren conveniente.

10 de maio de 2011

Non me dighas!

A enquisa sobre o POL


[Redacción] A xulgar polos resultados colleitados na enquisa, o Plan de Ordenación do Litoral (POL),  aprobado recentemente pola Xunta, non xenera o rexeitamento rotundo que cabería esperar, tendo en conta o posicionamento en contra que amosaron todas as forzas políticas da Arousa. A normativa do POL, que restrinxe as áreas nas que se pode construír, será recorrida polo Concello, segundo anunciou o alcalde publicamente en varias ocasións.

Fin de semana de Confirmacións

 Un momento da cerimonia da Confirmación, o pasado domingo


[Susi Rial] A Confirmación quizais sexa o sacramento do que máis nos custa entender a súa utilidade, pero iso non evita que cada ano os novos da Illa se animen a participar nela. E é que, hoxe por hoxe, a Confirmación marca o inicio da xuventude e para moitos rapaces significa tamén a súa primeira gran saída nocturna. Por esta razón, e coa esperanza de non desviar o motivo real do sacramento, dende a igrexa da Illa decidiuse que este ano as confirmacións serían celebradas en domingo. Á parte do cambio de día, poucas diferenzas se produciron en relación con outros anos. Despois da misa, tiveron lugar as tradicionais comidas con familiares e amigos e poucos foron os rapaces que renunciaron á festa. Iso si, presúmese que foron moi poucos tamén os que o luns se presentaron no instituto.

6 de maio de 2011

A Illa nos mapas antigos I: o mapa de Tomás López


[Susi Rial] Con este artigo, comezamos unha serie na que veremos as diferentes maneiras nas que se representaba a Illa de Arousa nos primeiros mapas. Naqueles séculos, os mapas confeccionábanse a través das informacións achegadas polos exploradores, porque para determinar a forma topográfica de calquera lugar, non había máis remedio que viaxar até alí. Era un duro traballo para o cartógrafo, que ademais tiña que consultar multitude de fontes para completar toda a información.

5 de maio de 2011

O BNG incorpora a Rosa Núñez como número 2 da súa candidatura

Parte da candidatura do BNG á alcaldía da Illa de Arousa

[Redacción] O candidato do BNG á alcaldía da Illa de Arousa, Carlos Otero, deu a coñecer a lista completa da súa candidatura o pasado luns, na Brasería A Salga. O acto foi presentado por Rosa Núñez, unha das novas fichaxes dos nacionalistas arousáns, que concorre por primeira vez ás eleccións municipais nun significativo posto número dous. Otero e Núñez estiveron acompañados polo deputado Bieito Lobeira, quen presentou o BNG como unha alternativa ás políticas antisociais do PP e PSOE, que “cargan o peso da crise económica nos máis desfavorecidos e priman os intereses da grande banca e do capital”. Pola súa banda, Carlos Otero referiuse á oportunidade que ten a xente de dignificar e limpar a política, botando das administracións a aqueles que as utilizan para beneficio propio ou dos seus amigos, “prácticas habituais do PP e do PSOE alí onde gobernan”. Tamén salientou a capacidade e a forza da súa candidatura para facer “políticas para as persoas”. A lista do BNG incorpora catro novas caras, ademais de Rosa Núñez: Tomás Cores, Sofía Rial, Pilar Suárez e Xulio Villanueva.

Candidatura do BNG á alcaldía da Illa de Arousa
1. Carlos Otero Chaves
2. Rosa Núñez Cores
3. Adelino Santamaría Iglesias
4. Tomás Cores Dios
5. Sofía Rial Nieto
6. Julián Dios Dacosta
7. Antonio Millán Torrado
8. Virginia Otero Piñeiro
9. Xoán Carlos Piñeiro Insua
10. Fátima Prieto Allo
11. Pilar Suárez
12. Xulio Villanueva González

2 de maio de 2011

Vázquez presenta candidatura acompañado dos pesos pesados do socialismo galego

O candidato socialista, Manuel Vázquez, acompañado do seu equipo durante o mítin

[Redacción] O PSOE da Illa de Arousa presentou a súa candidatura durante a Semana Santa, ante un entregado público de simpatizantes que abarrotaron o auditorio municipal. Abriu o acto Raquel Rial, número 6, en representación dos mozos que veñen de incorporarse á lista (ademais dela, Carlos Iglesias, Raquel Dacosta, Iria Dios e Luis Arosa). E pechouno o alcalde, Manuel Vázquez, que centrou a súa intervención en repasar os logros acadados durante o seu mandato. “Somos o partido que máis se parece á Arousa”, insistiu.
Manuel Vázquez, que repite por 4º vez candidatura á alcadía, estivo arroupado no seu primeiro mitin da campaña polo secretario xeral do PsdeG, Patxi Vázquez, quen se referiu á Illa como “unha canteira”, un “referente para o socialismo galego”, e polo Ministro de Fomento, José Blanco, un habitual da illa nos períodos de vacacións. Blanco foi presentado por Patxi Vázquez “como o home que está facendo de presidente de Galicia”, e así actuou o ministro durante o seu discurso, no que incluíu referencias á política local, autonómica e tamén do Estado. Unha das maiores ovacións recibiunas cando anunciou que “imos dar a batalla para gañar a Deputación de Pontevedra”. Blanco tamén se referiu ás "infamias" que houbo de aguantar desde que decidiu asentar na Illa.

Candidatura do PSOE á alcaldía da Illa de Arousa 
1. José Manuel Vázquez
2. Carlos Iglesias Cores
3. Fátima Rivas González
4. M. Dolores Folgar Vilas
5. J. Isidro García García 
6. Raquel Rial Villanueva
7. Raquel Dacosta Otero
8. Alfonso Salgado Alonso
9. Iria Dios Oliveira
10. Alfredo Otero Lojo
11. Luis Arosa García.
12. Juan L. Otero Besada
13. Juliana Dios Barreiro
14. Manuel García Poza
15. Lucinda Diz Besada

30 de abr. de 2011

O PP renova os postos de saída da súa candidatura

O equipo do Partido Popular para as eleccións municipais do 2011

[Redacción] O Partido Popular confeccionou para as vindeiras eleccións municipais unha candidatura que presenta cambios nos postos de saída, con respecto á listaxe do 2007. Así, o cabeza de lista, Juan José González, repite acompañado por dúas novas caras nos números dous e tres, Paula Suárez e Miguel Paz. A candidatura complétase con outras dúas incorporacións, Valentín Oubiña e Joaquín Fernández, ademais do resto do equipo habitual do Partido Popular, que conta nesta lexislatura que remata con catro concelleiros na corporación (Juan José González, Zoila Paz, Ramón Ferro e Diana Ríos).

Candidatura do PP á alcaldía da Illa de Arousa
1 Juan José González Vázquez
2 Paula Suárez González
3. Miguel Paz Cores
4. Zoila Paz Dacosta
5. Valentín Oubiña Mariño
6. Juana María Suárez Paz
7. Carlos Alberto Pouso Otero
8. Diana Ríos Dios
9. Joaquín Fernández Hermo
10. Ramón Ferro Dios
11. Ana Rial Nieto
12. Daniel Pouso Dios
13. María Otero Nieto
14. Mª Asunción Rial Rodríguez
15. Alberto Paz Nine

Carretando votos

[Redacción] A sombra do carrexo de votos pende sobre cada proceso electoral que se celebra en Galicia. Este fenómeno, que consiste en trasladar aos votantes aos colexios electorais, inducindo o voto nun determinado sentido, é unha táctica habitual en contornas rurais e practicase especialmente cos votantes máis vulnerables, como poden ser as persoas maiores. Xa no 2001, co gallo das eleccións ao parlamento galego, o filme colectivo “Hai que botalos” denunciaba a anomalía que supuña a carretaxe no libre exercicio do voto secreto. Na enquisa que publicamos sobre este tema, a gran maioría dos participantes consideran que na Arousa tamén se practica o carrexo de votos. Con todo, mentres que no resto de Galicia a sospeita recae sobre o Partido Popular, as acusacións na Illa adoitan ir dirixidas contra o partido gobernante, o PSOE. “Carretan votos e anotan quen vai votar e quen non”, aseguraba Carlos Otero, candidato do BNG, durante unha entrevista que lle realizamos hai uns meses.

18 de abr. de 2011

As antigas reivindicacións mariñeiras, no libro de Dionisio Pereira

Dionísio Pereira, no centro, durante a presentación en Pontevedra

[Susi Rial] O pasado venres, 8 de abril, foi presentado o novo libro de Dionisio Pereira, “Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)", Ed. Xerais, na librería Michelena de Pontevedra. Foron 20 anos de investigación por parte do autor, que recolleu documentación, traballos previos e conversas cunha serie de entrevistados. Cun claro compromiso coa memoria histórica, neste libro podemos atopar como foi durante o mencionado período a loita de clases, o asociacionismo e a loita da muller mariñeira polos seus dereitos, así como unha relación dos aparellos de pesca e de como estes foron evolucionando. A falta de documentación impide que no libro haxa referencias directas á Illa de Arousa. Caso totalmente contrario é o do Grove, do que se expón moita información no libro. De tódolos xeitos, estamos ante un traballo que recolle precedentes do carácter loitador mariñeiro; unha cuestión que facilmente pode axudar a explicar a personalidade arousá dos nosos días.

12 de abr. de 2011

Os fondos mariños da Illa, nunha exposición


[Susi Rial] Baixo o título de “Os fondos mariños da Illa de Arousa”, expóñense no auditorio imaxes da flora e da fauna da Illa máis descoñecidas. As fotografías foron realizadas por Ramón e Rodrigo Lojo, pai e fillo afeccionados ó mergullo, que queren compartir deste xeito as imaxes que tomaron do fermoso mundo submarino do mar arousán. Primeiros planos de criaturas acuáticas, peixes de vivas cores, cabaliños de mar e raras especies vexetais son só algúns exemplos do que se pode contemplar na exposición, que ademais constata a elevada calidade ecolóxica das profundas augas da Illa. A exposición permanecerá aberta ata a finalización do curso escolar, de luns a venres, de 10:30 a 14:00, e de 16:30 a 19:30 horas; e os domingos e festivos, de 11:00 a 14:00.

10 de abr. de 2011

O Concello anuncia un contencioso contra o POL


[Redacción] O Concello da Illa de Arousa recorrerá á última vía que lle queda para opoñerse ao Plan do Litoral (POL), os tribunais. O alcalde, José Manuel Vázquez, anunciou a semana pasada que interporá un contencioso-administrativo contra as novas directrices que regulan a construción na costa, ao considerar “que vulneran e quitan dereitos adquiridos polos veciños e veciñas da Illa de Arousa”. O POL reduce as hectáreas urbanas da illa, especialmente na zona sur , onde se localizan a maior parte dos solos considerados incompatibles. A Xunta rexeitou todas as alegacións presentadas polo Concello, ao estimar que a porcentaxe de transformación urbana prevista non garantía os valores de sustentabilidade e conservación paisaxística.

7 de abr. de 2011

A banda The Alkrikes proba sorte nun concurso da Radio Galega


[Susi Rial] O nome da banda e do tema non podían ser máis arousáns. “The Alkrikes”, formada por catro rapaces arousáns (Sergio Dios, Paco Vázquez, Víctor Vidal e Miguel G. Poza), compiten estes días co seu tema “Riasong” nun concurso da Radio Galega destinado á descuberta de novos talentos emerxentes. Na web do certame poden escoitar en liña o tema en competición, así como darlle un voto de balde, aínda que tamén se pode votar por medio de teléfono móbil, mandando NOVOSON_45 ao número 25211. O prazo das votacións remata o vindeiro 18 de abril ás 19:00 horas.

Disputado empate entre As Rumorosas e os M.D.A.


[Redacción] A batalla por gañar a enquisa sobre a mellores letras do Entroido 2011 librouse entre dúas comparsas que gustan de rivalizar, os M.D.A., formada integramente por homes, e As Rumorosas, composta exclusivamente por mulleres. Durante a semana de votacións, o resultado mantívose case a diario nun axustado empate, compensándose inmediatamente os votos de máis que recibía unha ou outra comparsa. Así as cousas, quedaron igualados. Tal e como falaron os comentaristas, os M.D.A. crearon unhas letras máis críticas, en consoancia coa tradición das comparsas carcamanas. Pero As Rumorosas presentaron unhas letras mellor compostas e rimadas.

2 de abr. de 2011

O Café Moderno

 Tomando o chocolate no Café Moderno, a finais dos sesenta

[María García] Se ben é certo que a apertura dun bar na illa non é unha noticia destacable, non deixa de ser entrañable que o novo Café Moderno leve ese nome en honor da cafetería que antes había nese mesmo sitio.
O Café Moderno foi un bar de renome no seu tempo. Estaba ubicado no primeiro andar, polo tanto, había que subir unhas escaleiras, o que xa lle daba un toque de distinción. Coas súas mesas de mármore branco e forxa, era lugar escollido por moitos homes para xogar a partida; as mulleres ían cos seus maridos os domingos. A antiga cafetería foi escenario de moitas celebracións, pero para recordar costumes xa desaparecidas, cómpre destacar unha: cando se celebraba a Primeira Comuñón, os rapaces eran convidados pola parroquia a chocolate con churros ao saír da misa; nin que dicir ten que era un momento moi esperado polos cativos. Este festexo celebrábase sempre no Café Moderno.

31 de mar. de 2011

A asociación Dorna busca presidente

 Uxío Allo, nunha imaxe tomada de Dorna

[Redacción] A asociación cultural e deportiva Dorna vén de iniciar un proceso para elixir nova directiva a través dunha xunta xestora, tras convocar eleccións e esgotarse o prazo de presentación de candidaturas sen que ninguén concorrese. O presidente saínte, Uxío Allo, considera que o colectivo conta coas persoas e cos medios necesarios para iniciar unha nova etapa, pero “ninguén quere o peso da presidencia”. “A proba é que se apuntaron voluntariamente dez persoas para formar parte da xestora”, explica.
A constitución formal da xestora terá lugar o vindeiro mércores 6 de abril e a partir de entón, daranse os pasos necesarios para formar unha directiva nun período aproximado de tres meses. Allo ofreceu todo o seu apoio ao novo equipo e cualificou como “unha experiencia única e enriquecedora” a súa etapa de sete anos á fronte da entidade. Aínda que deixa a presidencia, Uxío Allo continuará vinculado activamente a Dorna, coa súa colaboración na Escola de Navegación Tradicional, unha das áreas máis importantes da asociación, xunto coas seccións de baloncesto e de música e danza.

A música achégase aos nenos nos “Sábados musicais”

Un momento do concerto de Nadal ofrecido pola Escola de Música

[Susi Rial] A partir do próximo sábado, 2 de abril, ponse en marcha unha nova iniciativa procedente da Escola de Música da Illa de Arousa. Trátase dos “Sábados musicais”, unha oferta educativa totalmente gratuíta e dirixida a nenos de entre 4 e 10 anos de idade. As actividades terán lugar na propia Escola (instalacións da antiga escola taller, en Testos), todos os sábados de 10:30 a 12:30. Durante as xornadas, os nenos realizarán diversas actividades, como bailes e xogos, mediante as cales tomarán contacto con diversos instrumentos, coas notas e cos diferentes sons, e poderán determinar a súa capacidade auditiva e, quen sabe, descubrir unha vocación agochada. Todos aqueles interesados poden inscribirse na Escola de Música os martes e os xoves de 16:00 a 20:00 da tarde, e os sábados de 9:00 a 14:00 pola mañá, e de 16:00 a 20:00 pola tarde. Tamén é posible inscribirse o resto dos días na biblioteca municipal.