Buscar neste blog

8 de xan. de 2010

Listo para a descarga o último número de Dorna

A portada deste número foi deseñada por María Vázquez

Xa está dispoñible en pdf o número 11 da revista Dorna, editada pola asociación cultural do mesmo nome. Ademais, o equipo coordinador agasállanos cunha novidade: a posibilidade de descargar todos os números da publicación desde a súa reaparición no ano 2005.

7 de xan. de 2010

Uns pechan e outros renacen

O Bar O Porto foi inicialmente unha taberna-tenda


Interior do Áncora, coñecido como "a de Cardama", na Congostra do Rico


A clientela non semella aproveitar moito a wi-fi que ofrece o local


Soubemos polo Faro de Vigo que remataba unha etapa no emblemático bar O Porto do Chufre, coa retirada de Manuel Dios e Josefa Cores, o matrimonio responsable do negocio desde os anos 50.
Os que fan a ruta das "chiquitas" non quedan orfos de todo, porque ao tempo que desaparecen os locais de costume, xorden outros que semellan recoller a esencia das tabernas mariñeiras. É o caso do Áncora, coñecido xa como "a de Cardama", aberto recentemente. Se no fose pola rechamante cor das paredes e o servizo de wi-fi, ao entrar alí, un tería a impresión de adentrarse na vella "Escameira", a taberna que décadas antes ocupou o mesmo lugar. O segredo para atraer a clientela, un viño novo tinto a bo prezo.

4 de xan. de 2010

O paseo do Regueiro cae a cachos

Estado do paseo o 30 de decembro

O temporal dos últimos días acabou por derrubar o muro

Así como o paseo que discorre entre a “Carbonera” e Semuíño loce en perfectas condicións, o paseo marítimo entre o Regueiro e o Portiño, de similares características construtivas, amosou moi pronto as súas deficiencias. Ao pouco da súa estrea, o mar xa lambeu parte do recheo de grava e pedra na zona do malecó, deixando os entullos espallados pola area. Co paso dos anos e a falta de actuación, o paseo foi afundindo ata quedar un perigoso oco no tramo inicial. Finalmente, o domingo 3, logo dunha noite de temporal, caeron as pedras do muro de contención. A ver cantos anos teñen que pasar para que o arranxen.