Buscar neste blog

26 de out. de 2010

Un compromiso con Carreirón



[Susi Rial] Carreirón é un dos maiores tesouros que posúe a Illa de Arousa. Pertence ó complexo intermareal Umia-O Grove e a súa paisaxe é tan fermosa como fráxil. E iso é debido, principalmente, á súa compoñente areosa, posto que, como di o biólogo Juan Poza, todo Carreirón vén sendo unha gran duna. A lista de normas e restricións a seguir son tantas, que se enchería de carteis a rotonda da entrada a Carreirón, ademais de que non contaría coas simpatías do público. Pero, dende aquí, consideramos que a información é básica, polo que imos achegar o noso pequeno gran de area, dando algunhas pautas de conduta que se deben levar a cabo durante unha visita a Carreirón.
 O primeiro que temos que ter en conta é que se trata dun espazo natural. Nestes espazos, a norma principal é que todo debe permanecer tal e como a natureza o dispuxo. Polo tanto, non debemos coller pedriñas, cunchas, etc., nin arrincar herbas e demais. E, por suposto, non debemos deixar alí nada que non fose depositado de forma natural. Debemos por especial coidado en non deixar cabichas, plásticos e latas, porque son altamente contaminantes.
Durante o verán, cando imos á praia a Carreirón e buscamos un bo sitio no que ficar, é necesario que camiñemos pola area, en lugar de facelo pola parte superior, sobre a vexetación que coloniza a duna. O impacto que iso produce, fai que moitas especies vexetais que alí viven desaparezan, en lugar de desprazarse. Estas especies están unicamente adaptadas ás condicións de humidade e temperatura que ofrece a duna. Outra das consecuencias é que a duna perde altura progresivamente, ata que ten lugar a súa desaparición.
A prohibición de levar cans a Carreirón non responde a ningún capricho. Por moi manso que sexa o noso can e por moito que miremos por el, a súa sola presenza pode ser un motivo disuasorio para que as aves aniñen alí.
Outro dos grandes impactos sobre o medio é o que producen as bicicletas. Sería necesaria unha ruta especial para este transporte. Pero, ante a súa ausencia, débese circular polos camiños máis consolidados, evitando, en todo caso, carreiros de recente creación, lugares onde a area estea visible e, por suposto, as dunas.
De tódolos xeitos, debemos visitar Carreirón como quen visita unha galería de arte, gozando das paisaxes e da gran variedade de especies vexetais que podemos atopar a cada paso. Cuns sinxelos prismáticos e pousando a nosa mirada nos cons, podemos atopar grandes concentracións de garzas reais, entre outras moitas especies. Diríamos que é un espectáculo impagable, pero o certo é que non o é. Tampouco se trata dun prezo elevado. Estas normas de conduta e poñendo un pouco da nosa parte, poden ser suficientes.

1 comentario:

  1. Felicitacións por contribuir a conservación de Carreirón

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.