20.10.10

Pechada unha irregular tempada de dornas a vela

Unha das embarcacións participantes na Volta á Arousa 2010

[Redacción] As regatas de dornas a vela pecharon este ano a súa tempada máis irregular dos últimos tempos. O vento, os problemas internos dos clubs e as desavinzas entre colectivos de diferentes localidades contribuíron a enrarecer o ambiente. Para comezar, o Trofeo Galicia, a competición máis importante do mundo na súa modalidade, quedou a medio facer.

A práctica deportiva da navegación en dorna a vela adoita contar con dous tipos básicos de seguidores: os que van ás regatas a pasalo ben, e non lles importa a posición na que cheguen á meta, e os que toman en serio cada proba e compiten para gañar. Para estes últimos, o campionato máis importante da tempada é o Trofeo Galicia, que proclama gañadoras ás embarcacións que mellor posición global acadan en catro regatas: Fasquía (Illa de Arousa), Triángulo do Bao (Illa de Arousa), Regata dos Faros (Grove) e Regata do Albariño (Cambados).
Este ano, o Trofeo Galicia non chegou a completarse, debido á cancelación das regatas do Grove e de Cambados. A primeira foi adiada nun primeiro momento debido ás condicións ventosas do día fixado para a celebración, pero o certo é que non volveu convocarse. E a segunda suspendeuse sen que mediase explicación por parte do club organizador, ao parecer, sometido a leas internas.
Por outra banda, as desavinzas entre os diferentes clubs da ría tamén contribuíron a minguar a participación intercomarcal nalgunhas probas, e tivo o seu máximo reflexo na coincidencia da Regata de Ribeira co Día do Carme da Illa de Arousa.
A competición de Ribeira é unha proba singular, na que se compite por clubs. O premio consiste na custodia e exhibición da dorna de prata, unha prezada peza de xoiería, que permanece durante un ano –ata a celebración da seguinte regata– nas mans do club que rexistre as tres embarcacións mellor clasificadas.
Tradicionalmente, eran Ribeira, a localidade anfitrioa, e a Arousa as que se pelexaban polo trofeo de prata, así que os ribeirenses tiñan a deferencia de fixar a competición nun día acaído para os seus máximos rivais. Isto deixou se ser así nas últimas edicións, e a celebración da regata coincidindo coas festas do Carme na Arousa excluíu a participación de moitos tripulantes carcamáns.
Por último, o vento obrigou a mover no calendario varias probas –a Volta á Arousa e o Triángulo do Bao– e puxo en apuros aos navegantes máis inexpertos, aínda que isto non é ningunha novidade, xa que supón a obrigada aprendizaxe pola que pasan as tripulacións.

4 comentarios :

Anónimo dixo

Pois eu digo que na illa non escollen cando se celebra a festa do Carme... ou?

Fernando dixo

Eu digo que plantexas un panorama inexacto, tendes coñecemento do mundo das regatas, e evidente, pero non todos vemos cos mesmos ollos o que acontece. Non creo nas desavinzas entre asociacións, pode que entre determinadas persóas teñamos un "quitame aqui" (que non debe ser mais) pero entre o colectivo de persóas que adoitan participar eso non existe, por eso facer esas xeneralizacións e inexacto. Por outra banda que non te enteres (ou non vos enteredes) de algunhas explicacións, non quere decir que non existan, no relativo a celebración das regatas. Ademais hai que valorar que igual o calendario esta sobrecargado, non soio hai regatas.
Creo que as regatas de dornas teñen unha saúde envidiable. Pero e evidente que nos condiciona a climatoloxía, pois somos un grupo que gusta de pasalo ben. Si non fixate que os que adoitan "tomalo en serio" (ben entendido sea) seguen participando en todas.
O que é certo e que temos un xeito de ser que provoca tempadas como esta, :) pode ser que non oubera moitas gañas de competir o guingurú non acompañou. Pero non nos alarmemos.
Para rematar, Parabens polo comentario, ainda que non este de acordo con todo o que decides, pareceme ben, pero deixa un poso de discordia (ou así o entendo eu) que non ten que ver cos que andan nas dornas, na miña opinión.
O que sí foi unha magoa e o do Trofeo Galicia, penso que faltou alguén que o collera e fixera o amaño necesario para telo vivo con saúde.
Repito parabens pola entrada :).

Fernando

nailla dixo

Fernando, eu tamén creo na saúde das regatas de dornas a vela e, ante todo, recoñezo o mérito e a labor que desenvolven todos os colectivos que traballan, desinteresadamente e facendo fronte a moitas dificultades, pola recuperación do patrimonio marítimo. Ai, sen non fora por eles (por vós)!
Neste artigo só quería reflectir unha serie de problemas que constatei de primeira man, e que logo contrastei e ampliei con tres fontes diferentes, coñecedoras do tema.
Xa che adianto que haberá máis entradas sobre dornas, resaltando os aspectos positivos, e tamén os problemas, se os houbese. Pero sempre con ánimo construtivo.
Grazas polo teu comentario.

Fernando dixo

Bueno, queda claro que é cuestión de opinións. As veces os que organizamos e estamos nas reunións opinamos diferente, inevitable.

Un saúdo
Fernando

E ti que dis?

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A dirección eliminará os comentarios que estime conveniente. As peticións para borrar comentarios non serán atendidas. A participación implica a aceptación destas condicións.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...