4.10.10

O legado de Ramón Ferro

 Fotografía tomada do Club de Piragüismo

[Susi Rial] O deporte arousán está de parabéns. O pasado domingo 26 de setembro, Ramón Ferro culminaba un soño que levaba perseguindo durante varios anos, gañar o campionato do mundo. Desta maneira, consolídase como o mellor deportista nado na Illa.
 
Ramón Ferro (Illa de Arousa, 1978) comezou no Club de Piragüismo á idade de 10 anos. Como cadete xa conseguiu un campionato de España. A medida que foi medrando, foise especializando en distancias longas, na modalidade de maratón C2. Xunto co pontevedrés Óscar Graña, foi vice-campión do mundo en tres ocasións, así como campión de Europa en 2009. Nese mesmo ano íase producir o asalto definitivo ó Campionato do Mundo, que se celebraba en Portugal, pero unha enfermidade obrigouno a aprazar ese soño. A oportunidade chegou o domingo 26, na cidade catalá de Banyoles. A Illa de Arousa xa tiña o seu campión do mundo.
O luns seguinte, os piragüistas foron recibidos cunha homenaxe por un centenar de veciños da Illa. Non faltaron familiares e amigos de Ramón, así como algunhas autoridades políticas. Pero na súa mente, o que non deixou de estar presente foi Daniel Oubiña, tamén piragüista da Illa, tristemente falecido en outubro de 2009 e a quen lle dedicou a súa vitoria no mundial.
A pesar dos seus éxitos deportivos, Ramón Ferro vive da captura de navallas. A súa entrega ó piragüismo é tal, que á parte do esforzo físico, debe poñer cartos do seu propio peto e superar infinidade de circunstancias persoais, para dedicarse a este deporte. De aí que o seu exemplo aínda se engrandeza máis. A súa vitoria pode que dea conciencia ás autoridades da necesidade de dispor de medios e axudas ó deporte. Ademais, abriu a porta dos soños ós novos da Arousa, porque lles demostrou que con esforzo e sacrificio, nada é imposible de acadar.

3 comentarios :

Anónimo dixo

Noraboa Ramon!ten moito mérito polo grande sacrificio que require este deporte,como ben di aqui atrás.

Anónimo dixo

Ten moito merito acadar resultados desta indole cando compaxina o deporte co seu traballo como mariñeiro. Eso e amor o deporte e espiritu de sacrificio, algo que deberia ter un reconocemento que desgraciadamente non ten.

E ti que dis?

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A dirección eliminará os comentarios que estime conveniente. As peticións para borrar comentarios non serán atendidas. A participación implica a aceptación destas condicións.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...