Buscar neste blog

27 de out. de 2010

Ayes de Orjais

A portada do libro, publicado pola editorial Dos Acordes

[Susi Rial] Hai agora uns once anos, chegou ás mans do arousán José Luís do Pico Orjais, por mediación de Ugia Pedreira e Ramom Pinheiro, a copia dun manuscrito que, se presumía, podería ser de Marcial Valladares. Este feito marcaba o inicio dunha intensa investigación, á que se uniu no 2006 Isabel Rei, profesora do Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Esta longa travesía culminou coa publicación do cancioneiro "Ayes de mi país", que será presentado o vindeiro venres, 29 de outubro, ás 20:30 no auditorio de Rianxo.

Unha das primeiras paradas no seu periplo, levou a José Luís a entrevistarse con historiadores e escritores da Estrada, como David Otero e Luna Sanmartín. Desta maneira, conseguiu o enderezo da casa patrucial dos Valladares así como o da súa actual propietaria, Dona Carmen, quen os recibiría na casa do autor.

Segundo os propios investigadores, toda a casa garda alí pechados aqueles días cotiás dos Valladares: o despacho onde traballaba Marcial semellaba intacto, tal e como o debeu deixar; un piano de mesa cunha frauta enriba, cunha "S" gravada, propiedade de Sergio, irmán de Marcial; o piano aínda conservaba partituras cos nomes das irmáns de Marcial escritas a lapis... Pero o máis sorprendente aínda estaba por vir, coa descuberta de documentos de valor incalculable, entre os que estaban "Ayes de mi país", escrito da propia man do autor, o cal restaba valor ós outros existentes.

"Ayes de mi país", datado en 1865, presenta, ademais de textos de cantigas, partituras e mais un estudo musical. Tamén nos amosa a un Marcial Valladares músico, algo ata agora descoñecido. O autor nado en Vilancosta (A Estrada) asinou a primeira novela da narrativa galega “Magina ou a filla espúrea”, e foi homenaxeado o Día das Letras de 1970. Aínda así, o seu traballo como lexicógrafo é máis importante.

A de José Luís do Pico supón unha vida enteira dedicada á cultura, como membro do xa mítico grupo folk arousán Leixaprén e como bibliógrafo. Actualmente exerce a docencia no colexio de Taragoña (Rianxo). Segundo as súas propias palabras, a aventura vivida a través de Marcial Valladares supón "das máis alucinantes" da súa vida. Estamos seguros que non será a última.

1 comentario:

  1. Vinculamos a nova no noso xornal...
    http://certo.posterous.com/rianxo-presentan-o-cancioneiro-de-marcial-val

    ResponderEliminar

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A administración do blog eliminará os comentarios que estime conveniente.