15.7.10

As dunas da Arousa, en perigo

 Valado que protexe as dunas en Carreirón

As dunas frean o avance do mar sobre a terra, así que a súa destrución, máis alá dos prexuízos ambientais, tamén ten efectos sobre a propia superficie territorial da Arousa, que pode ver diminuída aínda máis a súa reducida extensión de solo. A urbanización da beiramar, o tráfico rodado e a carretaxe da area son algunhas das ameazas que pesan sobre o sistema dunar da illa. Coa información facilitada polo biólogo Juan Poza, presentamos unha relación das dunas máis destacadas.
-Carreirón: a maior parte de Carreirón é un grande areal cuberto de vexetación, aínda que as formacións máis densas atópanse á beira do mar. Ao ser un parque natural protexido, o seu sistema dunar está estudado e catalogado. De acordo co Ministerio de Medio Ambiente, as dunas de Carreirón albergan unha das mellores poboacións da pranta ameazada Linaria Arenaria. Algunhas zonas están protexidas con cercos, como se pode comprobar na imaxe.

-O Bao: antes da construción da ponte había moitas dunas ao longo da costa leste. Hoxe moitas delas están en retroceso, co consecuente avance do mar, un proceso que xa é evidente nalgúns puntos do paseo que discorre polo Bao, a piques de ser arrincado pola forza da marea. No tramo litoral entre a Canteira e o comezo da ponte hai tamén unha elevación de area  compactada, que  separa a praia da terra, e pola que circulan na actualidade os coches. A este ritmo, a duna probablemente desaparecerá e o mar invadirá toda a marisma.

-O Furado: a duna da punta do Furado debeu ser impresionante noutros tempos, pois proporcionou area a moitas das casas vellas construídas na Arousa.

-Area da Secada: duna móbil que carece de vexetación en gran parte da súa superficie, de xeito que a area se despraza e cambia de forma ao longo do ano.

-Espiñeiro: duna protexida cun cercado de madeira, que puxo fin ao tránsito dos veículos que pasaban por riba dela ata aparcar na mesma praia.

1 comentarios :

Juan dixo

Moi bo traballo de catalogación dos espacios dunares da Arousa.
Quero facer fincapé respecto a que a importancia das dunas non está soamente no seu valor ecolóxico, senón no papel que desempeñan na protección do litoral.
Teño publicado un artigo en Internet sobre a función ecolóxica das dunas, no que se explica como funciona este mecanismo de protección do litoral. Este é o enlace:
http://www.bioecologia.es/bioecologia/?q=node/56
Quero aproveitar para chamar tamén a atención sobre as marismas, outro ecosistema que tamén está en fase de progresiva degradación e que cumpre a función de criadeiro de moitas especies de interese pesqueiro, ao tempo que son un mecanismo para ganarlle terreo ao mar mediante a súa progresiva colmatación.

E ti que dis?

A responsabilidade dos comentarios é unicamente de quen os escribe. A dirección eliminará os comentarios que estime conveniente. As peticións para borrar comentarios non serán atendidas. A participación implica a aceptación destas condicións.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...